0 Gardados para despois

A Xustiza absolve o Goberno do Estado e o capitán da catástrofe do Prestige

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

Non hai culpables. Xusto once anos despois, a maior catástrofe medioambiental do Estado e unha das maiores de Europa queda sen responsables. O naufraxio do Prestige, que tinguiu de negro todo o litoral galego, sáldase cunha única condena: a de nove meses de cadea por un delito de desobediencia grave para o capitán do buque, Apostolos Mangouras, de 78 anos e que non irá a prisión. A Audiencia Provincial da Coruña cre, no entanto, que non houbo imprudencia ningunha, nin actuación dolosa nin, xa que logo, responsabilidade penal nin por parte do capitán nin do ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, o único cargo político do Goberno acusado. Os dous foron declarados inocentes dun delito contra o medio ambiente e danos a espazos naturais protexidos. Tamén queda sen condena o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos.

A sentenza absolve de responsabilidade o Goberno español, o capitán e o xefe de máquinas e avala a decisión de afastar o barco

A sentenza absolve de responsabilidade penal o Goberno español e avala a decisión de afastar o barco da costa, aínda que tamén garda algunha crítica cara ao Executivo. Afirma que "as autoridades españolas contaban co asesoramento correcto" e sinala que "a posibilidade de achegar o barco á costa tería tamén moitos riscos para a zona". "O afastamento foi aceptable. Non foi de ningún xeito imprudente nin unha decisión errónea". O ditame tamén rexeita que o barco seguira un rumbo "errático" ou "suicida", tal e como asegurou o presidente do tribunal, Juan Luis Pía, que resumiu a devandita sentenza e defendeu a xestión levada a cabo polo Goberno e que fora tan duramente criticada, provocando as manifestacións máis grandes que se lembran en Galicia. Nin unha soa responsabilidade política.

No entanto, o ditame si inclúe duras críticas ás actitudes dalgún cargo político responsable da época, como Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado do Goberno en Galicia, ou de Mariano Rajoy, voceiro e vicepresidente e agora xefe do Executivo. ao que non cita textualmente. Ao primeiro atribúelle unha "confusa negación de toda responsabilidade" despois de declarar no xuízo que non exercera "labor ningún ou tarefa decisiva, nin tan sequera de coordinación" durante a catástrofe e tras admitir que se limitara a "recibir protocolariamente as persoas que se integraron no dispositivo de emerxencia".

O tribunal censura as actitudes de De Mesa e Rajoy durante a xestión da catástrofe por non "calibrar ben as consecuencias do afundimento"

En canto a Rajoy, o tribunal lembra que restou importancia á marea negra ao falar de "hilillos de plastilina en estiramiento vertical". De feito, recórdalle que non foi quen de albiscar ben as graves consecuencias dun afundimento. "A saída de fuel continuou en termos importantes, malia a trivalización desta por responsábeis das autoridades españolas, que describiron ben o que as cámaras descubriron no pecio, pero que non calibraron debidamente as consecuencias do afundimento".

En canto a esta xestión, o presidente da sala chegou a cualificala de "profesional e correcta", malia as eivas e as recoñecidas infraccións e "neglixencias" que si atopou no conxunto das decisións tomadas para evitar que un grave accidente se convertese nunha catástrofe, algo que a Administración non acadou. Para o tribunal, o afastamento do buque foi unha decisión "aceptable e non imprudente", ademais dunha decisión "non errónea". Para a Xustiza, o Estado "xestionou con profesionalidade" o naufraxio, polo que a conduta de Lopez-Sors, tal e como insistiu, "non se pode cualificar como imprudente". "Para nada se marcou un rumbo suicida", engadiu, tras aclarar que a decisión de levar o barco a alta mar cumpriu incluso algún dos seus obxectivos, o de provocar un dano "extenso pero non intenso" no litoral galego, que recibiu máis de 60.000 toneladas de fuel. A posibilidade de meter o buque nun porto refuxio era, segundo Juan Luis Pía e segundo a opinión dos expertos, "de dificultades enormes".

O tribunal cre que o Estado "xestionou con profesionalidade" o naufraxio e cre que o afastamento do buque foi unha decisión "aceptable e non imprudente"

A Audiencia Provincial asegura na sentenza, lida integramente en galego, que o barco non puido soportar o temporal "polo seu estado de conservación", pero aclara que tiña os permisos necesarios. Ademais, engade que o control da inspección da empresa norteamericana ABS foi "como mínimo non axeitada". Así, insiste en que "ninguén sabe con exactitude cal puido ser a causa do ocorrido, nin cal debería ter sido a resposta axeitada á situación de emerxencia creada". Do mesmo xeito, aclara que se realizaron inspeccións e reparacións e que ABS certificou a habilidade do Prestige para navegar con normalidade. "Se os feitos amosan que a estrutura do buque non era apta para soportar a navegación normal, e moito menos en condicións críticas, é imposible que se certificase honradamente o contrario", engade respecto á actuación do capitán.

Para o tribunal, "non se demostrou que os acusados (o capitán e o xefe de máquinas) quixeran afundir o barco, nin que coñeceran as súas deficiencias estruturais, nin as causas destas; limitáronse a asumir unha navegación arriscada en termos que non poden ser cualificados de imprudentes".

En canto á López-Sors e ás decisións que tomou, a Audiencia Provincial considera que as autoridades españolas "contaban con asesoramento técnico correcto e máis que suficiente". "Tomouse unha decisión discutible pero parcialmente eficaz, enteiramente lóxica e claramente prudente". O presidente do tribunal vai máis aló e asegura que "incluso agora, despois dunha dilatada instrución e dun longo e árido xuízo, ninguén foi capaz de sinalar o que se debería facer".

 

"A sentenza é unha vergoña; o peor escenario posible"

"Esta sentenza é unha vergoña", escoitábase de fondo polo pouco máis dunha ducia de persoas que se manifestaron convocados por Nunca Máis, que cualifica o ditame de "absolutamente decepcionante" e que "pretende salvar a cara do Goberno de España". "É o peor ditame que podiamos esperar, o peor escenario no que nos podiamos situar", asegurou o seu voceiro, Xaquín Rubido. O avogado da plataforma, Pedro Trepat, tamén se amosou sorprendido por un ditame que tan só contenta o Estado, tal e como aclarou unha das súas letradas.

Ninguén pagará a elevada factura dos danos; só quedarán para as indemnizacións os 22 millóns de fianza depositados pola aseguradora

Ademais, ninguén pagará a elevada factura dos danos que causaron a enorme marea negra, que a Fiscalía cifrou en 4.328 millóns de euros. Tan só quedarán para as indemnizacións os 22 millóns de euros de fianza que foran depositados pola aseguradora londiniense do Prestige no xulgado de Corcubión, en 2002.

A sensación foi de decepción entre boa parte dos asistentes á lectura da sentenza nunha sala na que se xuntaron unha morea de convidados, ademais de medios de comunicación de todo o Estado, de Portugal, ingleses ou corresponsais de Al Jazeera. A sentenza, que moitos expertos agardaban que cando menos fora exemplarizante, non será tal. O propio presidente do tribunal insistiu na súa lectura do resumo da sentenza que, aínda hoxe en día, sería difícil determinar cal sería a decisión máis axeitada para evitar unha catástrofe como a que aconteceu.

Once anos despois, a costa galega semella condenada a aturar os riscos que supoñen a súa situación xeográfica e o perigoso e importante tráfico marítimo que sofre ante o seu litoral. As decisións que se tomaron no caso do Prestige, e que provocaron a maior catástrofe medioambiental da súa historia, non son condenables xudicialmente, segundo deixou claro a Audiencia Provincial da Coruña na mañá deste mércores 13 de novembro. O que si lembrou o tribunal, ao resumir o proceso xudicial, foron as consecuencias máis evidentes e graves daquela catástrofe. Unhas 63.000 toneladas de fuel vertidas ao mar, case 3.000 quilómetros de litoral afectado, máis de 1.000 praias cheas de chapapote e unha mortalidade animal de entre 115.000 e 200.000 aves mariñas. Unhas consecuencias, máis aló das económicas, que aínda traen consecuencias. Pero ninguén atopou culpable ningún.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Nunca Máis decidirá esta semana se recorre a sentenza

A plataforma Nunca Máis decidirá ao longo desta semana se recorre a sentenza do Prestige ante o Tribunal Supremo. Así o expresou un dos avogados, que explicou que teñen que esperar a ler o texto completo, posto que a lectura deste mércores no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia limitouse a "os razoamentos xurídicos e o ditame".

O letrado Alejandro Martín manifestou que o ditame do tribunal, que absolveu ao tres acusados dos delitos principais, é "altamente insatisfactorio". Ademais, sinalou que "hai partes que se poden pór en cuestión". Nunca Máis mostrou certas discrepancias especialmente coa absolución do exdirector xeral da Mariña Mercante, José Luís López-Sors. O avogado da organización di que o tribunal "ten razón en que non houbo unanimidade" na atribución de responsabilidades á actuación de Sors durante a catástrofe, pero destaca que "contempla afirmacións que non son certas".

Así, denuncia que o único cargo do Goberno de Aznar que sentou no banco dos acusados durante o xuízo polo afundimento do buque que provocou a marea negra en 2002 "non actuou asesorado" nin atendeu "aos protocolos". Aínda así, Nunca Máis non confimra se presentará un recurso ante o Supremo porque a decisión "dependerá do estudo" que os avogados levarán a cabo xunto a membros da plataforma ao longo desta semana.

A Audiencia Provincial argumenta a "dificultade de atribuír responsabilidades precisas" nas circunstancias que rodearon o desastre ambiental e non atopa datos que permitan establecer as causas da avaría que comprometeu a navegabilidade do Prestige. Tamén avala a decisión de afastar o petroleiro da costa e exime de responsabilidades penais ao responsable desa decisión, o entón director xeneral de Mariña Mercante, José Luis López-Sors.

Duras críticas políticas ao ditame, agás do PP e do Goberno central

A sentenza do Prestige non deixou indiferente a ninguén. Foron poucos -e previsíbeis- os que amosaron a súa satisfacción ou respecto polo ditame do tribunal, pero son maioría os que non comprenden que non se decretase responsabilidade penal nin culpabilidade ningunha. Nin na actuación do Estado nin na do capital. Tampouco en canto ás indemnizacións a pagar.

O PPdeG cre que a sentenza evidencia "como algúns recolleron réditos políticos"

A Xunta amosou o seu "respecto e cautela" ante a sentenza e felicitouse pola organización do macroxuízo, que chegou á súa fin once anos despois da catástrofe. O PPdeG, pola súa banda, di respectar tamén o ditame e entende que este avala que a xestión do Goberno daquela "foi a correcta". Paula Prado, voceira dos conservadores, cre que a decisión do tribunal deixa claro tamén "como algúns recolleron réditos políticos" daquel sinistro.

En canto á oposición, AGE critica o xuízo por ser "unha pantomima" sen "responsabilidades" políticas e advirte do risco doutra nova catástrofe vista a sentenza. O seu voceiro, Xosé Manuel Beiras, cre que o ditame demostra "a impunidade do poder", algo que ve semellante ao ocorrido co accidente do Alvia.

O BNG cualifica de "inxusta, lamentábel e feita ao ditado do PP" unha sentenza que AGE cre que demostra "a impunidade do poder"

O BNG, pola súa banda, cualifica o ditame do Prestige de "inxusto, lamentábel e feito ao ditado do PP". "Podemos comprobar como o pobo galego, ademais de estar por diante do Goberno español e das Administracións, está por riba dun aparello xudicial que emite unha sentenza inxusta, lamentábel e pobre xuridicamente, unha sentenza feita ao ditado dos intereses poder político e do Partido Popular”, destacou a formación nacionalista. O PSdeG, pola súa banda, cre que a sentenza "chega inxustamente tarde" e lembra "a mala xestión política" da catástrofe.

Ademais, Izquierda Unida cualifica de "escándalo" a decisión do tribunal, mentres que a ministra de Fomento, Ana pastor, destaca o esforzo do Goberno español contra a contaminación marítima.