"A presunción de inocencia é do ámbito penal, os políticos deben fixarse na presunción de decencia"

Carlos Varela, nunha imaxe de arquivo © Xoán Crespo

Carlos Varela (O Carballiño, 1956) exerceu como fiscal superior de Galicia dende 2004 e ata o pasado 2015. Recoñecido polo seu carácter galeguista, un dos eidos aos que máis traballo dedica é o da prevención da corrupción, que este venres abordou de novo nunha conferencia organizada pola Fundación Peña Novo en Vigo. A creación e fortalecemento de organismos estables que preveñan a corrupción na xestión pública son a mellor vía, ao seu xuízo, para que "calquera corrupto" saiba que "a súa é unha actividade de risco" que non poderá ser realizada con "impunidade".

Aborda vostede a cuestión da loita contra a corrupción nun clima de escándalos e novos casos case constante. O primeiro que cómpre é facerse un oco entre o ruído?
Fundamentalmente a miña exposición ten unha finalidade práctica, vai dirixida a atopar mecanismos que poidan combater o flaxelo da corrupción. Eu insisto no aspecto preventivo. O problema da corrupción hai qu eabordalo primeiro dende un aspecto de educación de cidadanía e cultura cívica. E tamén como prevención, con mecanismos para tratar de detectar comportamentos corruptos cando se producen. E despois, co instrumento represivo, que sería a actuación dos tribunais.

Cando un feito corrupto é descuberto invístense na investigación penal tres, catro ou cinco anos, e ata que pode ser levaod a xuízo poden pasar oito ou nove. Isto implica que as probas e testemuñas esvaen moitas veces córrese o  risco de que os feitos queden impunes. A idea é: como podemos detectar un feito corrupto en tempo real ou o máis próximo? A través de organismos que sexan quen de controlar as contas públicas, que estean en condicións de trazar un mapa de riscos. 

Ve axeitada, daquela, a atribución ao Consello de Contas de competencias de prevención da corrupción que foi aprobada recentemente?
De feito, foi unha iniciativa miña na liña da convención da ONU sobre corrupción do ano 2003, que España subscribe en 2005 e que di que hai que ter organismos encargados da prevención. Esta recomendación da convención foi seguida polo Conselho de Prevenção da Corrupção de Portugal, que o aloxou dentro do seu Tribunal de Contas, onde ten independencia e capacidade de actuación sen que poida ser politicamente neutralizado, con funcionarios especializados para exercer esta función de control. Mesmo establece plans de prevención de riscos de xestión, incluíndo a corrupción e infraccións anexas, como o branqueamento de cartos. Así é como se pode conseguir controlar en tempo real.

No entanto, estas novas competencias do Consello de Contas outórganselle sen novos recursos para desenvolvelas. Cumprirían máis medios?

"Hai que dotar o Consello de Contas de recursos, de imparcialidade e de persoas proactivas, non de burócratas"

Evidentemente, hai que poñer recursos. Tamén o di a convención: cree un organismo especializado e que todas as administracións que utilicen diñeiro público teñan que ser supervisadas cando elaboren eses plans de riscos. E, loxicamente, que teña un aparello administrativo capaz de realizar esta función con eficacia. E se atopa irregularidades, dea conta aos órganos encargados da investigación penal. Hai que dotalo con recursos e persoas proactivas, porque se poñemos á fronte a burócratas... Con todas estas cautelas e, sobre todo, dotándoo de imparcialidade, o deseño podería funcionar perfectamente e mesmo establecer funcións de coordinación cos organismos de control da Administración local.

Crear e desenvolver estes organismos pode axudar a reverter a tolerancia social coas prácticas corruptas?
Tamén a convención da ONU o di moi claramente.  O noso sistema está baseado na denuncia, pero faltan outros piares como prevención e a educación. Hai moito tipo de corruptela que está tolerada socialmente. E iso só se pode eliminar cunha educación cívica cara á transparencia. Por exemplo, a cuña,  o enchufismo, está moi tolerado no noso país. Porque hai unha educación neses sentido, de que iso non ten contraindicacións dende o punto de vista ético. Por iso é moi importante esta trepia: cultura cívica, mecanismos de prevención e mecanismos de represión. 

Ponse moito o foco no político corrupto ou presuntamente corrupto e menos en quen corrompe, caso por exemplo de empresarios implicados nestes casos?

"Sería importante establecer plans de riscos de xestión nas empresas, de xeito que as que non os teñan non poidan contratar coa Administración"

Sempre hai, efectivamente, un corrupto e un corruptor. Sempre falamos de abuso de funcións públicas para beneficio privado, no que o poder de decisión se acomode a ese beneficio. O que é moi importante é introducir unha cultura cívica tamén en relación ás empresas. A responsabilidade social. Da mesma maneira que ás empresas, no tema laboral, lles esiximos un plan de prevención de riscos para evitar os accidentes de traballo, tamén sería moi importante establecer plans de riscos de xestión nas empresas, de maneira que unha empresa que non o teña non poida contratar coas Administracións públicas.

Neste sentido, un dos debates recorrentes xira en torno á figura da imputación, agora da investigación. Abusaron dela os partidos no regate curto?
Cando hai un acontecemento corrupto na súa contorna, normalmente os políticos acoden á figura da presunción de inocencia. É un principio básico, pero do ámbito penal e que aplicamos os operadores xurídicos. Pero no que ten que fixarse o político é no escenario político. E ver se ese responsable político cometeu irregularidades que teñan un reproche de carácter ético. E basta ese reproche ético para que teña que actuar. No ámbito penal hai presunción de inocencia e no político, presunción de decencia. Se vostede non actuou correctamente e se deduce, por exemplo, dunha conversa telefónica que se anula xudicialmente que houbo un comportamento reprochable dende o punto de vista ético, o político debe reaccionar. É moi doado dicir que outra instancia resolva o problema. Pero aínda que non haxa sentenza penal, no ámbito político é evidente que cómpre tomar medidas. Pero os políticos tómano de maneira moi laxa, porque lles é moito maís cómodo agardar pola sentenza penal.

Dende o ámbito da Fiscalía lanzáronse críticas polo que se deron en chamar macrocausas, instrucións que se estenden indefinidamente no tempo, tirando do fío… Cal pode ser a solución?

"Cómpre evitar as macrocausas, porque se converten en procedementos ingobernables que acaban caricaturizando o proceso penal"

A xustiza tamén ten que facer un esforzo de modernización e de metodoloxía. Cando falamos deste tipo de criminalidade é complexa, porque a obtención da proba é complexa. Non se pode abordar a criminalidade complexa coa mesma metodoloxía coa que se aborda a que non ten complexidade. A xustiza precisa estruturas especializadas e multidisciplinares, por exemplo na policía xudicial, traballando en equipo para non demorar excesivamente. Hai que evitar as macrocausas, porque se converten en procedementos xigantescos, ingobernables, que acaban caricaturizando o proceso penal. O que hai que facer é que, en canto se teñan elementos suficientes para axuizar os feitos, non esperar a concluír unha ramificación tremenda. Porque senón, cando estea todo investigado, no caso de que houbese unha condena, mesmo ten que ser menor porque se lle aplican atenuantes de dilacións indebidas.

Carlos Varela, nunha imaxe de arquivo © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.