A Xustiza absolve o Goberno do Estado e o capitán da catástrofe do Prestige

Momento do afundimento do Prestige, tras partir en dous © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Non hai culpables. Xusto once anos despois, a maior catástrofe medioambiental do Estado e unha das maiores de Europa queda sen responsables. O naufraxio do Prestige, que tinguiu de negro todo o litoral galego, sáldase cunha única condena: a de nove meses de cadea por un delito de desobediencia grave para o capitán do buque, Apostolos Mangouras, de 78 anos e que non irá a prisión. A Audiencia Provincial da Coruña cre, no entanto, que non houbo imprudencia ningunha, nin actuación dolosa nin, xa que logo, responsabilidade penal nin por parte do capitán nin do ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors, o único cargo político do Goberno acusado. Os dous foron declarados inocentes dun delito contra o medio ambiente e danos a espazos naturais protexidos. Tamén queda sen condena o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos.

A sentenza absolve de responsabilidade o Goberno español, o capitán e o xefe de máquinas e avala a decisión de afastar o barco

A sentenza absolve de responsabilidade penal o Goberno español e avala a decisión de afastar o barco da costa, aínda que tamén garda algunha crítica cara ao Executivo. Afirma que "as autoridades españolas contaban co asesoramento correcto" e sinala que "a posibilidade de achegar o barco á costa tería tamén moitos riscos para a zona". "O afastamento foi aceptable. Non foi de ningún xeito imprudente nin unha decisión errónea". O ditame tamén rexeita que o barco seguira un rumbo "errático" ou "suicida", tal e como asegurou o presidente do tribunal, Juan Luis Pía, que resumiu a devandita sentenza e defendeu a xestión levada a cabo polo Goberno e que fora tan duramente criticada, provocando as manifestacións máis grandes que se lembran en Galicia. Nin unha soa responsabilidade política.

No entanto, o ditame si inclúe duras críticas ás actitudes dalgún cargo político responsable da época, como Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado do Goberno en Galicia, ou de Mariano Rajoy, voceiro e vicepresidente e agora xefe do Executivo. ao que non cita textualmente. Ao primeiro atribúelle unha "confusa negación de toda responsabilidade" despois de declarar no xuízo que non exercera "labor ningún ou tarefa decisiva, nin tan sequera de coordinación" durante a catástrofe e tras admitir que se limitara a "recibir protocolariamente as persoas que se integraron no dispositivo de emerxencia".

O tribunal censura as actitudes de De Mesa e Rajoy durante a xestión da catástrofe por non "calibrar ben as consecuencias do afundimento"

En canto a Rajoy, o tribunal lembra que restou importancia á marea negra ao falar de "hilillos de plastilina en estiramiento vertical". De feito, recórdalle que non foi quen de albiscar ben as graves consecuencias dun afundimento. "A saída de fuel continuou en termos importantes, malia a trivalización desta por responsábeis das autoridades españolas, que describiron ben o que as cámaras descubriron no pecio, pero que non calibraron debidamente as consecuencias do afundimento".

En canto a esta xestión, o presidente da sala chegou a cualificala de "profesional e correcta", malia as eivas e as recoñecidas infraccións e "neglixencias" que si atopou no conxunto das decisións tomadas para evitar que un grave accidente se convertese nunha catástrofe, algo que a Administración non acadou. Para o tribunal, o afastamento do buque foi unha decisión "aceptable e non imprudente", ademais dunha decisión "non errónea". Para a Xustiza, o Estado "xestionou con profesionalidade" o naufraxio, polo que a conduta de Lopez-Sors, tal e como insistiu, "non se pode cualificar como imprudente". "Para nada se marcou un rumbo suicida", engadiu, tras aclarar que a decisión de levar o barco a alta mar cumpriu incluso algún dos seus obxectivos, o de provocar un dano "extenso pero non intenso" no litoral galego, que recibiu máis de 60.000 toneladas de fuel. A posibilidade de meter o buque nun porto refuxio era, segundo Juan Luis Pía e segundo a opinión dos expertos, "de dificultades enormes".

O tribunal cre que o Estado "xestionou con profesionalidade" o naufraxio e cre que o afastamento do buque foi unha decisión "aceptable e non imprudente"

A Audiencia Provincial asegura na sentenza, lida integramente en galego, que o barco non puido soportar o temporal "polo seu estado de conservación", pero aclara que tiña os permisos necesarios. Ademais, engade que o control da inspección da empresa norteamericana ABS foi "como mínimo non axeitada". Así, insiste en que "ninguén sabe con exactitude cal puido ser a causa do ocorrido, nin cal debería ter sido a resposta axeitada á situación de emerxencia creada". Do mesmo xeito, aclara que se realizaron inspeccións e reparacións e que ABS certificou a habilidade do Prestige para navegar con normalidade. "Se os feitos amosan que a estrutura do buque non era apta para soportar a navegación normal, e moito menos en condicións críticas, é imposible que se certificase honradamente o contrario", engade respecto á actuación do capitán.

Para o tribunal, "non se demostrou que os acusados (o capitán e o xefe de máquinas) quixeran afundir o barco, nin que coñeceran as súas deficiencias estruturais, nin as causas destas; limitáronse a asumir unha navegación arriscada en termos que non poden ser cualificados de imprudentes".

En canto á López-Sors e ás decisións que tomou, a Audiencia Provincial considera que as autoridades españolas "contaban con asesoramento técnico correcto e máis que suficiente". "Tomouse unha decisión discutible pero parcialmente eficaz, enteiramente lóxica e claramente prudente". O presidente do tribunal vai máis aló e asegura que "incluso agora, despois dunha dilatada instrución e dun longo e árido xuízo, ninguén foi capaz de sinalar o que se debería facer".

 

"A sentenza é unha vergoña; o peor escenario posible"

"Esta sentenza é unha vergoña", escoitábase de fondo polo pouco máis dunha ducia de persoas que se manifestaron convocados por Nunca Máis, que cualifica o ditame de "absolutamente decepcionante" e que "pretende salvar a cara do Goberno de España". "É o peor ditame que podiamos esperar, o peor escenario no que nos podiamos situar", asegurou o seu voceiro, Xaquín Rubido. O avogado da plataforma, Pedro Trepat, tamén se amosou sorprendido por un ditame que tan só contenta o Estado, tal e como aclarou unha das súas letradas.

Ninguén pagará a elevada factura dos danos; só quedarán para as indemnizacións os 22 millóns de fianza depositados pola aseguradora

Ademais, ninguén pagará a elevada factura dos danos que causaron a enorme marea negra, que a Fiscalía cifrou en 4.328 millóns de euros. Tan só quedarán para as indemnizacións os 22 millóns de euros de fianza que foran depositados pola aseguradora londiniense do Prestige no xulgado de Corcubión, en 2002.

A sensación foi de decepción entre boa parte dos asistentes á lectura da sentenza nunha sala na que se xuntaron unha morea de convidados, ademais de medios de comunicación de todo o Estado, de Portugal, ingleses ou corresponsais de Al Jazeera. A sentenza, que moitos expertos agardaban que cando menos fora exemplarizante, non será tal. O propio presidente do tribunal insistiu na súa lectura do resumo da sentenza que, aínda hoxe en día, sería difícil determinar cal sería a decisión máis axeitada para evitar unha catástrofe como a que aconteceu.

Once anos despois, a costa galega semella condenada a aturar os riscos que supoñen a súa situación xeográfica e o perigoso e importante tráfico marítimo que sofre ante o seu litoral. As decisións que se tomaron no caso do Prestige, e que provocaron a maior catástrofe medioambiental da súa historia, non son condenables xudicialmente, segundo deixou claro a Audiencia Provincial da Coruña na mañá deste mércores 13 de novembro. O que si lembrou o tribunal, ao resumir o proceso xudicial, foron as consecuencias máis evidentes e graves daquela catástrofe. Unhas 63.000 toneladas de fuel vertidas ao mar, case 3.000 quilómetros de litoral afectado, máis de 1.000 praias cheas de chapapote e unha mortalidade animal de entre 115.000 e 200.000 aves mariñas. Unhas consecuencias, máis aló das económicas, que aínda traen consecuencias. Pero ninguén atopou culpable ningún.

O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis
O presidente do tribunal le a sentenza do Prestige Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.