En decembro de 2018 o Tribunal Supremo fixou en máis de 1.500 millóns de euros a cantidade total dos pagamentos
O cobro das indemnizacións fixadas pola xustiza pola catástrofe do Prestige continúa o seu camiño inzado de obstáculos. Nas vindeiras semanas comezará en Londres un xuízo no que a aseguradora do buque, que en principio debería aboar a parte máis importante dos pagamentos (855 millóns dos algo máis de 1.500 fixados pola xustiza), tentará eludir a súa responsabilidade, alegando que a empresa armadora non estaba ao día na liquidación das pólizas do seguro. Ademais, a propia saída da UE por parte do Reino Unido pode facer aínda máis difícil a recuperación destes cartos.
En decembro de 2018 o Tribunal Supremo fixou en máis de 1.500 millóns de euros a cantidade total dos pagamentos, que debían ser efectuados polo FIDAC (Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos a Contaminación por Hidrocarburos); o capitán do Prestige, Apostolos Mangouras; e a aseguradora, London Owners Mutual, sendo a propietaria do buque, Mare Shipping, a responsable subsidiaria.
Ese cartos debían repartirse entre o Estado español, como principal prexudicado, Francia, a Xunta de Galicia e ouros 269 afectados polo vertido entre concellos, mancomunidades, sociedades, empresas e particulares. Os maxistrados entenden que ao Estado correspóndenlle 1.573 millóns de euros; á Xunta, 1,8 millóns e a Francia, 61.
London P&I Club alegará que a armadora do Prestige non pagou as correspondentes pólizas do seguro do buque, polo que a aseguradora non é responsable
Hai uns meses a Audiencia Provincial da Coruña ordenou o reparto dunha pequena parte das indemnizacións: algo máis de 51 millóns, procedentes dos fondos depositados durante o procedemento polo FIDAC e a aseguradora, así como o diñeiro da venda do fuel recuperado por Repsol.
As distintas sentenzas xudiciais fixaran a responsabilidade total da aseguradora London Owners Mutual (London P&I Club), nos 1.000 millóns de dólares (algo menos de 900 millóns de euros), por ser este o límite de cobertura establecido na póliza. Unha cantidade que xa era sensiblemente menor que os 4.328 millóns de euros que reclamaba a Fiscalía froito da peritaxe realizada por unha experta da USC que analizou os danos económicos e sociais. O propio fiscal advertiu sempre que a aseguradora era a única entidade "solvente" sobre a que se pode reclamar.
A entidade ecoloxista destaca, así mesmo, que a saída do Reino Unido da Unión Europea se podería converter nun novo obstáculo para o cobro dos cartos do seguro
Porén, é posible que a aseguradora evite finalmente o abono destes cartos, que supoñen a parte máis importante das indemnizacións. Nunhas semanas comezará en Londres un novo xuízo, no que London P&I Club alegará que a armadora do Prestige non pagou as correspondentes pólizas do seguro do buque, polo que a aseguradora non é responsable. No proceso participa o Estado español a través dun bufete inglés, pero a entidade ecoloxista Arco Iris destaca que a demanda española "ten poucas opcións de prosperar", un dos motivos polos que Francia xa fixo pública a súa renuncia a concorrer a esta vista.
Arco Iris lembra que nos últimos anos España e Francia xa perderon no Reino Unido a batalla xudicial para conseguir que o preito polo pagamento dos cartos do seguro tivese lugar fóra da xurisdicción británica. De igual xeito, hai catro anos España tamén perdeu nos Estados Unidos a demanda presentada contra a clasificadora do Prestige.
A entidade ecoloxista destaca, así mesmo, que a saída do Reino Unido da Unión Europea se podería converter nun novo obstáculo para o cobro dos cartos do seguro, xa que "o Brexit fai moi complicado que as sentenzas dos estados membros teñan aplicación directa fronte aos tribunais británicos".
Arco Iris esíxelle ao Ministerio de Xustiza que "emita unha orde preventiva de embargo a todos os países da UE contra os bens en territorio europeo da compañía London P&I Club"
Por este motivo, Arco Iris esíxelle ao Ministerio de Xustiza que "emita unha orde preventiva de embargo a todos os países da UE contra os bens en territorio europeo da compañía London P&I Club" para cubrir os 855 millóns de euros nos que a Audiencia Provincial da Coruña fixou a responsabilidade da aseguradora. A entidade ecoloxista subliña que todo isto debe facerse antes de que finais deste ano remate o período transitorio do Brexit.
"A partir do 1 de xaneiro de 2021, calquera iniciativa neste senso sería xa inútil", destaca Arco Iris. "O Goberno español debe dedicar todos os seus esforzos a iniciar as accións oportunas para cando menos recuperar pola vía do embargo o que parece unha tarefa imposible pola vía xudicial", conclúe.