O tribunal comunitario foi consultado por outro británico, que agora deberá resolver sobre a execución da condena por 900 millóns de euros que vén reclamando España
Case 20 anos despois do afundimento do Prestige en novembro de 2002 o proceso xudicial para que o Estado español cobre parte dos máis de 1.500 millóns de euros en que se calcularon os seus gastos polos efectos da catástrofe vén de rexistrar un novo paso, desta volta no Tribunal de Xustiza da UE. O tribunal comunitario conclúe agora que a condena que a xustiza española ditou hai xa cinco anos para que a aseguradora do barco asuma 900 millóns de euros, o límite da póliza de seguro, non pode ser bloqueada polo procedemento de arbitraxe que a propia aseguradora abriu ante un tribunal británico.
A resolución do Tribunal de Xustiza da UE é unha interpretación da normativa comunitaria. Agora, non obstante, deberá ser o tribunal británico o que resolva sobre o fondo da cuestión.
A sentenza feita pública este luns polo Tribunal de Xustiza da UE lembra os antecedentes do caso e como tras a condena penal do capitán do Prestige o Goberno de España reclamou a responsabilidade civil da armadora e da aseguradora do petroleiro, London P&I Club. Esta última foi condenada a reparar os danos causados ata o límite de mil millóns de dólares estadounidenses (uns 900 millóns de euros) fixados no contrato de seguro. Pero tras esa condena civil a aseguradora iniciou un procedemento arbitral ante un tribunal británico que emitiu un laudo sinalando que España debía formular as súas reclamacións naquel procedemento.
O tribunal europeo di velar porque as disposicións fundamentais da normativa da UE, á que pertencía o Reino Unido no momento dos feitos e da condena, "non poidan eludirse a través dun procedemento arbitral"
O laudo estableceu tamén que, conforme a outra cláusula do seguro denominada “pay to be paid” ou “paga para ser pagado”, London P&I Club “non podía incorrer en responsabilidade fronte a España se antes os propietarios do buque non pagaran a este os danos”, algo que non ocorreu ao desaparecer esa empresa.
España solicitou aos tribunais británicos que se recoñecese a resolución española que ordenaba a execución da condena xudicial, e o Tribunal Superior de Xustiza de Inglaterra e Gales decidiu formular ao Tribunal de Xustiza da UE unha consulta de interpretación da normativa europea. Cómpre ter en conta que os feitos ocorreron e foron xulgados cando o Reino Unido aínda formaba parte da UE.
E o que agora di o tribunal europeo é que “unha sentenza ditada por un tribunal dun Estado membro nos termos dun laudo arbitral non pode impedir o recoñecemento, nese Estado membro, dunha resolución ditada por un tribunal doutro Estado membro cando un tribunal dese primeiro estado membro non podería ditar unha resolución cun resultado equivalente ao de dito laudo sen contravir as disposicións e os obxectivos fundamentais” do regulamento europeo. Isto é, o laudo británico non podería ser emitido por ningún tribunal español sen incumprir a normativa comunitaria.
O Tribunal da UE di velar así porque as disposicións fundamentais da normativa comunitaria “non poidan eludirse a través dun procedemento arbitral que vai seguido dun procedemento xudicial destinado a transcribir os termos do laudo arbitral nunha resolución xudicial”.
Agora, segundo salienta o propio tribunal comunitario, corresponde ao tribunal británico resolver o preito entre España e London P&I Club.