Dezasete anos despois, continúa o longo periplo xudicial polo accidente do Prestige e, concretamente, polo cobro das indemnizacións derivadas da catástrofe e fixadas polo Tribunal Supremo en 2018, matizando as cifras definidas un ano antes pola Audiencia Provincial da Coruña. Agora é a propia Audiencia coruñesa a que axiliza o pagamento de compensacións pendentes, 51 millóns de euros dun montante total de máis de 1.400 millóns indemnizables -que se eleva a case 2.500 contando xuros e outros gastos-, dos que uns 900 seguen pendentes dun tortuoso litixio no Reino Unido.
Os fondos que agora distribúe a Audiencia son os depositados durante o procedemento polo FIDAC e a aseguradora, así como o diñeiro da venda do fuel recuperado por Repsol
Nunha providencia ditada este 25 de novembro, a sección primeira da Audiencia da Coruña ordena distribuír xa entre as partes con dereito a indemnización -265 en total- o diñeiro que fora depositado no propio tribunal durante o procedemento. Son, concretamente, 27,2 millóns de euros que tivo que achegar o Fondo Internacional de Compensación de Danos por Hidrocarburos (FIDAC). Súmanse outros 24,5 que proceden do que tivera que ingresar London Steamship Owners Mutual, a aseguradora (The London P&I Club) e 1,8 millóns ingresados pola venda do fuel do petroleiro recuperado por Repsol, unha vez descontados os custos do seu tratamento.
As autoridades españolas ingresarán deste reparto 40,7 millóns de euros, as francesas 9,3 millóns e a Xunta, algo máis de 200.000 euros
Aínda que as persoas físicas e xurídicas con dereito a indemnización son case trescentas, as máis relevantes teñen tres destinos: o Estado Español, o Estado Francés e a Xunta. Reciben este pagamento en proporción ao que lles correspondeu, segundo a sentenza, no total da indemnización.
Deste xeito, as autoridades españolas ingresarán deste reparto 40,7 millóns de euros, as francesas 9,3 millóns e a Xunta, algo máis de 200.000 euros. No caso da Xunta, así e todo gran parte da compensación ficara pechada xa no ano 2005, cando o Executivo de Fraga renunciara a ingresos futuras tras pactar co Goberno de España unha indemnización de 513 millóns polos danos do accidente.
A Avogacía do Estado viuse obrigada a mergullarse nun litixio nos tribunais británicos para tentar cobrar 900 millóns da aseguradora do petroleiro
Fronte á relativa rapidez destes pagamentos tras a sentenza do Supremo, cuestión diferente será o proceso para tentar cobrar os arredor de 900 millóns de euros -1.000 millóns de dólares- da póliza do seguro do Prestige. Dado que The London P&I Club ten a súa sede no Reino Unido, pode acollerse á lexislación británica, segundo a cal os prexudicados polo sinistro teñen que dirixirse aos tribunais dese Estado para litigar pola indemnización. Isto é, que o terían que facer os Estados, pero tamén os particulares, pequenos concellos e mancomunidades afectadas.
Neste contexto, a Audiencia coruñesa xa establecera un mecanismo para que as partes afectadas sen capacidade para litigar no Reino Unido poidan ser representadas directamente pola xudicatura británica. Así e todo, nesa orde pode entrar en xogo un elemento máis, o Brexit, toda vez que a saída do Reino Unido da Unión Europea atinxiría a, entre outros moitos ámbitos, a cooperación xudicial entre ambos Estados.
Sexa como for, a Avogacía do Estado ten xa en marcha o proceso nos tribunais do Reino Unido, onde á súa vez a aseguradora demandou a España. Entre as súas pretensións está non pagar se antes non lle paga a ela a propietaria do Prestige, Mare Shipping, cuxas pólas se perden unha maraña de derivadas empresariais de resolución que, a efectos prácticos, é practicamente imposible.