Xuíces para a Democracia (XpD) intenta deitar luz sobre a polémica sentenza do Prestige, que absolveu dos delitos de dano ao medio ambiente a espazos naturais a López-Sors, o capitán e o xefe de máquinas do buque. Para o colectivo, o ditame xudicial "nada decide a nivel político porque nada pode decidir".
A asociación progresista da xudicatura en Galicia aclara en primeiro termo que a sentenza do Prestige "dilucida posibles responsabilidades penais dos intervenientes na xestión da catástrofe", o cal se decide "de conformidade cos preceptos relativos ao medio ambiente do Código Penal". Así, repara en que o ditame non ten como obxectivo "a análise técnica da xestión nin unha análise ética ou política do comportamento dos responsables políticos e administrativos nin o día da catástrofe nin os seguintes". Para XpD, debe quedar claro que "non houbo pronuncia sobre a aceptabilidade das condicións de seguridade da navegación mariña no sector dos hidrocarburos". Xa que logo, desta sentenza absolutoria "non pode deducirse unha aprobación xudicial sobre ningún destes extremos".
"A sentenza non ten como obxectivo analizar a xestión nin fai unha análise ética ou política do comportamento dos responsables políticos"
Segundo XpD, é "preciso diferenciar" entre o sinistro e a xestión que se fixo del. Desta última, a sentenza "só se pronuncia parcialmente no plano penal", restando a nivel xudicial "tanto unha decisión no plano da responsabilidade civil e mesmo administrativa, como no plano extraxudicial unha depuración das responsabilidades políticas". En definitiva, a resolución do tribunal non decide a responsabilidade civil nin administrativa da xestión da catástrofe, nin depura responsabilidades do ámbito político.
"As accións destinadas ao cobro das indemnizacións están fortemente limitadas polos convenios internacionais asinados por España"
Do mesmo xeito, Xuíces para a Democracia recorda que "a nivel civil poderíanse exercer as accións relativas ao intento de cobro das indemnizacións por danos causados polo sinistro", pero lembra que están "fortemente limitadas polos convenios internacionais asinados polo Estado Español na materia, singularmente o convenio de Responsabilidade Civil por danos causados por hidrocarburos na versión de 1992". Esta eiva tamén foi destacada pola propia perito da Fiscalía para a avaliación dos danos, a profesora María Loureiro, que reparou no deficiente sistema de indemnizacións vixente.
"Este convenio limita ata o ridículo a indemnización en relación ao dano real causado, que apenas acadará o 5% do total, debendo o resto ser asumido por quen sufriron os danos ou os pagos, sexan administracións ou particulares", asegura XpD nun comunicado no que tamén destaca que, "igualmente a nivel administrativo, unha xestión cuestionable podería desembocar nunha responsabilidade patrimonial das institucións competentes".
"A absolución penal da decisión de afastar o buque non diminúe o cuestionamento técnico dunha decisión danosa"
Pero Xuíces para a Democracia vai máis aló. Así, o colectivo destaca que "a nivel político nada decide a sentenza porque nada pode decidir". "A absolución penal da decisión de afastar o buque ou o tempo tardado en iniciar o salvamento non minguan o cuestionamento técnico dunha decisión que, como era previsible, foi máis contaminante e máis danosa para persoas e medio natural". "O erro na decisión técnica ou nas prioridades no momento da súa adopción pode non supoñer responsabilidade penal pero debería supoñer a asunción de responsabilidades políticas", di, tras engadir que ao día seguinte do sinistro, no momento da xestión do que xa era unha catástrofe, "incorreuse en erros dos que tamén se debe derivar responsabilidade: a sentenza nin absolveu da manipulación informativa nin da falta de transparencia na xestión, pois non eran obxecto do proceso".
"O erro na xestión pode non supoñer responsabilidade penal, pero debería supoñer a asunción de responsabilidades políticas"
Xuíces para a Democracia cre que cómpre preguntarse "se os poderes do Estado aprenderon das ensinanzas que deixou o Prestige". "Os tipos penais en materia ambiental están redactados en forma que se dificulta de sobremaneira a tutela penal do medio natural e o sistema de salvamento de buques parece non ter mellorado nin a disponibilidade de efectivos nin o tempo de resposta", denuncia, logo de lembrar que o Plano de continxencias "segue sen ter unha dotación real e efectiva de medios que permitan unha pronta resposta, nin se modificou de forma substancial o sistema de responsabilidade civil, de xeito que segue recaendo sobre as vítimas, particulares e institucións, o pago do dano causado por unhas substancias que xeran un risco cuxo beneficio é privado para os accionistas das empresa pero cuxo dano sufrimos e pagamos todas e todos".
"Só unha denuncia de todos os convenios limitadores de responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos e unha nova lexislación baseada no principio indemnitario e articulada sobre a responsabilidade solidaria e ilimitada dos principais axentes causantes do dano, xeradores do risco e beneficiarios da actividade, pode albiscar un sistema civil máis xusto que teña como consecuencia a elevación dos estándares de seguridade e preveña situacións de resultado catastrófico na que perece para sempre unha parte do mundo en que vivimos", conclúe a asociación.