"Estamos loitando contra o imposible", dixo Feijóo. Refírese á seca, aos fortes refachos de vento derivados do furacán Ophelia, ás terribles condicións meteorolóxicas, "aos lumes que entraron de Portugal" e ao "terrorismo incendiario". O presidente da Xunta fixo unha declaración institucional este luns logo da vaga de incendios que arrasaron milleiros de hectáreas e tres vidas en Galicia.
"A Galicia quéimana, non arde", di Feijóo, que centra no "terrorismo incendiario" toda a responsabilidade da vaga de incendios
Aclarou que, segundo di, "a Galicia quéimana, non arde" e centrou a súa intervención no "terrorismo", ao que situou como único responsable e culpable do ocorrido. "Galicia está farta de que se relativice o terrorismo incendiario, farta de que se aproveiten das condicións meteorolóxicas, o terrorismo incendiario non só destrúe o patrimonio, senón que pon en risco vidas", explicou o presidente da Xunta, que asegurou que os incendios sucedes "ano a ano", pero que "cada día que xorde a oportunidade que lles brinda a climatoloxía, sucede con maior intensidade".
Feijóo anunciou a comparecencia para este martes da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para dar explicacións da situación dos incendios e decretou tres días de loito oficial no país polas vítimas. Ademais, o presidente insistiu na actividade "terrorista", advertiu de que os incendiarios atacaron primeiro parques naturais, como o de Xurés e Os Ancares e falou de clara intencionalidade, premeditada e con certa organización. "Son persoas que saben, que coñecen situacións concretas do monte e que sabían que esta madrugada ían ter o momento máis crítico co forte vento", engadiu, antes de aclarar que o obxectivo destes incendiarios é "producir danos irreparables na poboación".
Feijóo di que "hai máis medios que nunca nun mes de outubro": "O dobre do habitual", aclara
Respecto das investigacións sobre os causantes dos incendios, Feijoo asegurou que "hai fotografías, chamadas e denuncias" por parte da cidadanía, pero instou a "agardar a que informe a Delegación do Goberno con datos oficiais". "Aqueles que ocasionan a difícil situación que estamos vivindo non representan a ninguén; poden causar un inmenso horror pero non nos representan", manifestou.
Alén disto, Feijóo lembrou que nos días de agosto de maior actividade incendiaria houbo 50 focos, que comparou cos 132 incendios que se rexistraron este domingo. En canto aos medios contraincendios, o presidente da Xunta asegura que "hai máis medios que nunca nun mes de outubro". "O dobre do habitual nun mes de outubro, pero están a traballar nunhas condición meteorolóxicas sen precedentes", insistiu. "Ningún profesional é capaz de controlar incendios forestais con refachos a 70, 80 ou 90 quilómetros por hora", di, tras insistir na dureza das condicións pola seca, a escasa humidade e ese vento.
Feijóo referiuse ao incendio de Pedrógão Grande, en Portugal, do pasado mes de xuño, onde morreron máis de 60 persoas. "Nos últimos días, os equipos de extinción estanse enfrontando a incendios de similares ou peores condicións a aquels e o nivel de traxedia que puidemos vivir é inimaxinable", asegurou.
Por último, o presidente da Xunta agradeceu o esforzo de todos os efectivos que traballan contra o lume, así como dos "heroes anónimos", chamou a unha mobilización unitaria e solicitou a "maior responsabilidade por parte de todos" para non difundir informacións erróneas e "sen contrastar".