O fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, non é ben visto nas filas do PP galego. O que foi representante do Ministerio Público en casos tan relevantes como o do Prestige non gusta aos populares polo seu perfil progresista en xeral, e moi particularmente polas súas opinións públicas afastadas da doutrina do Goberno galego en ámbitos coma o dos incendios forestais, no que negou abertamente a existencia dunha suposta "trama" ou accións "terroristas" que o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, defendeu tras a dura vaga de 2017. As críticas de varios cargos do PPdeG e da Xunta contra el por participar nun foro promovido polo PSdeG, veñen de suscitar un pronunciamento público da Unión Progresista de Fiscais, que lamenta que os populares galegos e, concretamente, o vicepresidente Alfonso Rueda, pretendan "censuralo".
As posicións do fiscal de medio ambiente sobre temas como os incendios forestais levan anos a ser mal vistas pola banda do PP, que reclama "explicacións" pola súa participación no foro IdeaGalicia Lab, impulsado polo PSdeG
O pasado sábado García Ortiz participou na xornada inaugural do IdeaGaliciaLab, o "laboratorio de ideas" lanzado polo PSdeG coa vista posta na elaboración da súa proposta programática para 2021, ao xeito da plataforma Iniciativas21 impulsada polo propio partido en tempos do ex-presidente Touriño. Ortiz, integrado no programa pola súa dupla condición de fiscal de medio ambiente e membro da Unión Progresista de Fiscais, organización da que foi presidente, participou na mesa titulada Unha Galicia sostible xunto aos catedráticos da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias e Emilio Fernández e mais a presidenta do Adif, Isabel Pardo de Vera. Nela abordou aspectos en materia de lexislación ambiental ou incendios, entre outras.
Poucas horas despois do evento, o PP cargaba contra García Ortiz por "comprometer a súa propia independencia e neutralidade" no que consideraban "un acto de campaña". "Pedimos unha explicación de forma inmediata", sinalaron os conservadores aludindo ao artigo do Regulamento do Ministerio Fiscal que, dende 1969, impide que os "funcionarios fiscais" se "mesturen en xuntanzas, manifestacións ou outros actos de carácter político".
A UPF subliña que a Inspección Fiscal, "único órgano con capacidade de limitar ou sancionar as condutas dos fiscais", non puxo "ningún reparo" á participación de García Ortiz no foro impulsado polo PSdeG
Tras as primeiras críticas en redes sociais, reiteradas despois polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado -"pon en dúbida a independencia xudicial", asegurou- chegaron as do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, baixo cuxo mando están as competencias do Goberno galego en materia de Xustiza. "Estamos sorprendidos de que un fiscal de medio ambiente en exercicio se preste a participar nun acto realmente partidista", dixo en declaracións que recolle ABC. "Á vista do que di o estatuto do Ministerio Público, non parece moi compatible", afirmou ao tempo que reclamaba "explicacións".
Diante destas críticas e peticións de explicacións, este mércores saía ao paso a UPF que, alén de reiterar o advertido polo propio García Ortiz, especificando que estivera no foro como membro desta asociación, lamentou o que consideran un intento de "censura" por parte de Rueda. "Lamentamos que o vicepresidente da Xunta se converta en censor das actividades dos fiscais", di a Unión Progresista nun comunicado, no que "resaltan" que "como membro do Goberno de Galicia, o señor Rueda non é quen para pedir explicacións sobre a actuación dun fiscal no lexítimo exercicio dos seus dereitos constitucionais á liberdade de expresión e reunión, así como ao libre e pleno desenvolvemento do seu dereito asociativo como integrante da carreira fiscal".
"Lamentamos que o vicepresidente da Xunta se converta en censor das actividades dos fiscais (...); di moito da súa concepción do Estado de Dereito"
"A única instancia que, no seu caso, podería pedir algún tipo de explicación ao noso compañeiro é a Fiscalía Xeral do Estado" diante dunha participación que "foi consultada previamente" coa Inspección Fiscal, "único órgano con capacidade de limitar ou sancionar as condutas dos fiscais". Este organismo, aseguran, "non puxo reparo ningún" á intervención de García Ortiz no acto impulsado polo PSdeG.
"Exercer a censura dende a súa posición institucional, como fai o vicepresidente galego" por "participar nunha mesa redonda que parece non ser do seu agrado" si é para a UPF "inaceptable" porque "cuestiona a contrastada profesionalidade deste fiscal e di moito da súa concepción do Estado de Dereito, no que o exercicio da liberdade de expresión parece só limitado a quen non seguen submisamente os seus ditados, argumentos e razoamentos políticos". En calquera caso, conclúen, a UPF continuará a "compartir todo o seu potencial humano e intelectual ao servizo do progreso social", toda vez que "non é a primeira nin será a última vez que os nosos asociados participen e colaboren" en foros públicos coma este, conclúen.
A UPF lembra que "o noso ordenamento xurídico", así como a ONU e o Consello de Europa, recoñecen aos membros da carreira fiscal o "dereito efectivo á liberdade de expresión, de crenzas, de asociación e de reunión". "Especialmente -agregan- teñen dereito a tomar parte en calquera debate público que verse sobre dereito e administración de xustiza" ou "promoción e protección dos dereitos humanos" sen que "poidan ser sinalados por exerceren os seus dereitos constitucionais" ou "poidan sufrir impedimento no desenvolvemento da súa carreira profesional".
O comunicado da UPF foi respondido polo propio PPdeG a través das redes sociais. ¿"Al servicio del progreso social"? ¿O al servicio del PSdeG? En este acto organizado para hacer oposición a un gobierno democrático estaba el fiscal de Medio Ambiente. Y usó su cargo formal y no solo su adscripción a vuestra organización. Su neutralidad queda comprometida", afirmou a conta oficial do partido en Twitter.