A Xunta pagou o alugueiro do domicilio de Florentino Delgado durante máis dunha década ata 2016, pero este seguiu no inmoble e o propietario denunciou ao Goberno galego pola débeda
A Fiscalía Xeral do Estado vén de suspender de funcións de xeito cautelar o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, no marco dun expediente disciplinario que lle abriu para aclarar a situación da súa vivenda, cuxo alugueiro asumiu a Xunta desde 2004 ata 2016 e que este non abandonou nin pagou cando o Goberno galego deixou de facelo. O propietario denunciou ante a xustiza o impagamento do alugueiro por parte da Xunta, pero esta seguiu aboando os gastos dos servizos do piso. Delgado ten tamén aberto outro expediente disciplinario, xunto co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, por abuso de autoridade en prexuízo da ex-concelleira socialista Áurea Soto que denunciara unha suposta ilegalidade urbanística do ex-alcalde popular Manuel Cabezas.
Malia contar con eses dous expedientes disciplinarios abertos, a medida cautelar da súa suspensión provisional de funcións por parte da Fiscalía Xeral do Estado débese só, segundo fontes fiscais, ao caso da súa vivenda, que estourou cando un particular dono do inmoble denunciou ante a xustiza á Xunta polo impagamento desde 2016 do alugueiro que viña asumindo desde finais de 2004, cando Delgado chegou á fiscalía de Ourense. Tras deixar de pagar a Xunta o alugueiro, que ascendía a uns 900 euros ao mes, Delgado seguiu ocupando o piso sen aboalo el e ao tempo que o Goberno galego si seguía pagando os gastos de servizos do mesmo, e mentres o dono non denunciaba a súa débeda ata comezos de 2018.
Ao ser denunciada por impagamento, a Xunta insinuou un acordo entre propietario e fiscal para seguir ocupando o piso á conta da administración autonómica
O Goberno galego xustificou a un tempo deixar de pagar o alugueiro porque xa non se daban as condicións de 2004 -cando se considerou como un incentivo para ocupar a fiscalía- e seguir pagando os gastos para que o fiscal non a puidese acusar de coaccións. A Xunta tamén insinuou un acordo entre propietario e fiscal para seguir ocupando o piso á conta da administración autonómica.
A situación do piso saltou á luz pública despois de que o fiscal se querelase contra dous cargos da Xunta por acoso inmobiliario a unha anciá
A situación do piso saltou á luz pública despois de que o fiscal se querelase contra dous cargos da Xunta por acoso inmobiliario a unha anciá que ocupaba outro inmoble de propiedade autonómica. A comezos deste mes de abril o xuíz que instruía o caso acordou o seu arquivo porque considerou que a deixadez da Xunta no mantemento do inmoble non podía considerarse un delito de coaccións contra a inquilina.
Xunto co expediente disciplinario para aclara a situación do piso que agora o aparta cautelarmente do cargo, Delgado tamén ten aberto outro expediente que tamén afecta ao fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes. Este analiza o suposto abuso de autoridade e deixación de funcións na súa actuación nunha denuncia presentada pola ex-concelleira socialista Áurea Soto contra o ex-alcalde popular Manuel Cabezas por supostamente non reclamar para a administración local as cesións urbanísticas a que estaban obrigadas algunhas promocións inmobiliarias. Os avogados da ex-concelleira queixáronse tanto da inacción do fiscal no caso como da actuación de Delgado contra eles, o que acabou implicando ao fiscal superior, que encargou ao propio Delgado a investigación das denuncias presentadas pola actuación da fiscalía no caso.