O xulgado de Ourense arquiva a investigación contra dous cargos da Xunta por acoso inmobiliario a unha anciá

Edificio da antiga Cámara da Propiedade de Ourense incluída na información aos contratistas da rehabilitación © Xunta

O Xulgado de Instrución número 2 de Ourense decidiu arquivar a causa na que se investigou a dous cargos da Xunta pola presunta comisión dun delito de coaccións inmobiliarias a unha nonaxenaria residente no edificio da antiga Cámara da Propiedade Urbana, un caso no que Núñez Feijóo pedira "respecto" para os dous cargos investigados.

O xuíz non advirte un ánimo "de coaccionar, máis aló da intención recoñecida da Consellería de Facenda de recuperar a posesión do inmoble"

Lucila levaba vivindo dende 1963 neste inmoble, propiedade primeiro da Cámara e posteriormente da propia Xunta. O cambio de propiedade non supuxo cambios na relación coa inquilina, que seguía pagando un alugueiro de renda antiga (25,26 euros ao mes) e mesmo en 2005 a administración aceptara facer reparacións na fontanería da vivenda. A situación mudou no ano 2012 coa toma de posesión da nova secretaria xeral da Consellería de Facenda, que decidiu tomar a iniciativa para desaloxar a esta muller e ao outro inquilino do inmoble, co obxectivo de instalar alí servizos administrativos.

Durante cinco anos o Goberno galego envioulle á muller, que agora ten 93 anos, numerosos requirimentos para que abandonase a vivenda, unha acción que fixo que a anciá levase o tema ante a Xustiza, imputando o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, á secretaria xeral da Consellería de Facenda e mais ao subdirector de Patrimonio deste departamento por un presunto delito de coaccións inmobiliarias. O pasado verán finalmente Lucila tivo que marchar da vivenda e residir nun hotel próximo, xa que a falta de mantemento do ascensor do edificio deixouno fóra de servizo.

A anciá, de 93 anos, levaba dende o ano 1963 no edificio, que tivo que abandonar o pasado ano

Con todo, no auto coñecido este mércores o xuíz non advirte un ánimo "de amoestar ou de coaccionar suficiente para integrar o tipo penal, máis aló da intención recoñecida da Consellería de Facenda de recuperar a posesión do inmoble, non de forma caprichosa ou intencionada”. Ademais, o maxistrado destaca que Facenda tamén remitiu comunicacións ao outro inquilino do edificio, quen manifestou que “nunca” se sentiu “ coaccionado ou forzado” para que desaloxase a vivenda.

Imaxes de deficiencias no edificio incluídas na documentación do contrato para a súa rehabilitación, adxudicado en xaneiro de 2018 © Xunta

O xuíz si sinala que a Xunta “descoidou de forma notoria e continuada no tempo os labores de mantemento do edificio, como é o caso da limpeza de zonas comúns ou mantemento básico” e subliña igualmente “unha certa demora á hora de acometer a reparación do ascensor do edificio”, pero salienta que se trata “dunha conduta omisiva ou de desidia institucional, sen que conste unha supresión de tales servizos acordada expresamente”.

O xuíz sinala que a Xunta “descoidou de forma notoria e continuada os labores de mantemento do edificio", pero desbota que isto se tratase dunha estratexia para expulsar a anciá da súa vivenda

O auto engade que “non cabe senón empatizar coa denunciante cando relata a situación de abandono institucional, as dificultades para acceder á súa vivenda con motivo da avaría do ascensor ou a sucidade que presentan as zonas comúns do edificio". Pero deixa claro que desbota por completo a existencia de "indicios de intencionalidade" na conduta dos querelados "tendente a propiciar de forma voluntaria coas súas resolucións ou actos concretos unha situación de fustrigación ou acoso á inquilina para forzala a abandonar o inmoble”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.