Un 25N co foco sobre a "violencia institucional" que perpetúa a violencia machista

Mapa coas convocatorias organizadas en Galicia este 25N sobre unha imaxe da 'performance' organizada en Lugo no marco da iniciativa 'En Camiño contra as Violencias' © Montaxe: Praza.gal. Imaxe: Deputación de Lugo

A Marcha Mundial das Mulleres fixo público un manifesto no que chama a "combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista" con medidas sobre a "violencia xudicial", a "violencia obstétrica" e a "violencia económica"

Este martes é 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres. Como todos os anos as organizacións feministas levan ás rúas a esixencia de medidas para loitar contra as agresións machistas e protexer as vítimas, nunha xornadas na que tamén se levan a cabo numerosos actos institucionais. O movemento feminista galego organiza unha vintena de convocatorias en cidades e vilas, que terán lugar na tarde deste martes.

A Marcha Mundial das Mulleres fixo público un manifesto no que chama a "combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista", unha violencia institucional que "ocorre cando axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder".

O movemento feminista galego organiza unha vintena de convocatorias en cidades e vilas, que terán lugar na tarde deste martes

A Marcha chama a atención, especialmente, sobre a violencia xudicial, a violencia obstétrica e a violencia económica, con medidas como a creación de xulgados "específicos e excluíntes de violencia machista", a fin da "custodia compartida imposta con maltratadores" ou esixencia de formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.

"Sabemos que a violencia institucional constitúe o cáracter estructural da violencia machista, permeando a cada ámbito da vida e impedindo a conquista dos nosos direitos", sinala a organización, que incide en que "precisamos reconstruír con perspectiva feminsta toda a engranaxe institucional da nosa sociedade para eliminar as discriminacións e as violencias que sufrimos as mulleres galegas".

 

Convocatorias

  • A Coruña, 20h Obelisco
  • As Pontes, 20.30h Praza do Hospital
  • Betanzos, 20h Praza do Camp
  • Carnota, 18.30h Praza da Pedra
  • Chantada, 20.30h Praza do Cantón

Polo, BNG, este luns Ana Pontón fixo un chamamento á mobilización o 25N "contra todas as formas de negacionismo machista que practica a dereita e a extrema dereita"

  • Compostela, 20h Praza 8 de Marzo 
  • Marín, 20h Praza 8 de Marzo 
  • Melide, 20h Praza do Convento 
  • Narón, 19h Praza da Gándara 
  • O Porriño, 20h Praza do Concello 
  • Ourense, 20h Castañeira (San Lázaro) 
  • Ponteceso, 20.30h Prada do Recheo 
  • Pontedeume, 20h Praza do Concello 
  • Pontevedra, 20h Praza da Peregrina 
  • Ribadavia, 20h Praza da Madalena 
  • Ribadeo, 19h Praza 8 de Marzo 
  • Vilagarcía, 20h Praza de Galicia 
  • Vilalba, 20h Praza da Constitución 
  • Vigo, 20h Vía Norte
Reparto do manifesto da Marcha Mundial das Mulleres © MMM

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou a saír ás rúas "a dicir alto e claro que estamos en contra da violencia machista, que condena ás mulleres polo simple feito de selo”

Son só algúns dos actos previstos nunha xornada cun gran número de convocatorias en cidades e vilas, co impulso de concellos e outras institucións, así coma de entidades sociais. Así, por exemplo, na Universidade da Coruña, a Facultade de Dereito acollerá a lectura do manifesto da CRUE para o Día pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A continuación, o Salón de Graos da mesma Facultade acollerá a presentación da campaña realizada con motivo do 25N “Bro, meu, neno: Non cales”, así como doutras iniciativas para a prevención das violencias machistas na UDC.

De igual xeito, en Santiago, a Praza do Obradoiro acolle a lectura do manifesto polo 25N da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, organizado pola USC, e no que participa a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.

En Lugo, o Centro de Formación Audiovisual da Deputación sumouse á conmemoración do 25N coa sexta edición de En Camiño contra as Violencias, unha iniciativa organizada polo alumnado de 1º de Produción que tivo lugar este venres na Praza de San Marcos coa presencia do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.

Demandas políticas e sindicais

A CIG centra a súa campaña do 25N na denuncia contra a violencia institucional. Baixo o lema “retroceder en dereitos incrementa a violencia”, a secretaría das Mulleres da central nacionalista acusa o Goberno do PP na Xunta de amparar comportamentos machistas

Polo, BNG, este luns Ana Pontón fixo un chamamento á mobilización o 25N "contra todas as formas de negacionismo machista que practica a dereita e a extrema dereita". A líder nacionalista pregúntase “como fiarnos dun Goberno do PP que mantivo durante meses a un conselleiro pese a que sabía que fora denunciado por agresión sexual?” e propón destinar o 1% do Orzamento á loita contra a violencia de xénero, garantir a atención psicolóxica ás vítimas e ampliar os CIM a toda Galicia.

Mentres, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou a saír ás rúas "a dicir alto e claro que estamos en contra da violencia machista, que condena ás mulleres polo simple feito de selo”. O líder dos socialistas galegos advertiu ademais do “negacionismo inadmisible” que ameaza os dereitos que a loita feminista foi conquistando con gran esforzo, e animou á sociedade "a deixar patente a oposición á violencia machista".

UXT e CCOO fan un chamamento á "erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres" e a dar "un paso adiante por contornas laborais libres de violencias machistas"

No campo sindical, a CIG centra a súa campaña do 25N na denuncia contra a violencia institucional. Baixo o lema “retroceder en dereitos incrementa a violencia”, a secretaría das Mulleres da central nacionalista acusa o Goberno do PP na Xunta de amparar comportamentos machistas. Así mesmo, reclama que se "revertan os recortes en materia de igualdade" aplicados pola Xunta e a posta en marcha dun plan galego pola igualdade.

UXT e CCOO participarán nun acto ás 12 horas fronte á sede dos sindicatos en Santiago coa lectura dun manifesto. O texto fai un chamamento á "erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres" e a dar "un paso adiante por contornas laborais libres de violencias machistas". No documento condénanse así mesmo "os discursos negacionistas da violencia de xénero e antifeministas que poñen en perigo os avances e revitimizan ás mulleres sobreviventes".

Ademais, UXT-Galicia presentará a sede do sindicato en Compostela como novo punto violeta, un lugar no que se emprestará apoio a posibles vítimas de violencia de xénero e nos que se atenderán as demandas de información sobre como actuar e acceder aos recursos públicos dispoñibles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.