A xustiza militar emite unha nova sentenza firme por conformidade por acoso sexual, acoso por razón de sexo e inxurias graves, que chega logo doutra similar hai un par de meses e doutras catro previas por agresións sexuais
O Tribunal Militar da Coruña vén de facer pública unha nova condena firme por acoso sexual na Escola de Especialidades Antonio Escaño da Armada en Ferrol. É cando menos a sexta sentenza firme por acoso ou agresión sexual en catro anos nas instalacións da Armada en Ferrol, segundo vén recollendo Praza.gal.
Desta volta o condenado, por delitos de acoso sexual, acoso por razón de sexo e inxurias graves, é un mariñeiro alumno que nun grupo de WhatsApp con máis dun cento de compañeiros e compañeiras dirixiuse a varias delas con expresións como "con esa cariña que tes de foto de perfil danme ganas de meter a polla ata o fondo", "que fea es", "tes o cu caído" ou "merca un pene de plástico", ademais doutros comentarios degradantes formulados en persoa e ante testemuñas como que "as mulleres só serven para fregar e cociñar".
A sentenza agora feita pública, con data do pasado xullo e emitida con conformidade entre a Fiscalía e o acusado, analiza feitos ocorridos a finais de 2024, cando o mariñeiro alumno entrou na escola, e comezos de 2025, cando se iniciou o proceso contra el. Segundo a sentenza, ao día seguinte de ingresar creouse un grupo de WhatsApp con 114 integrantes, dos que "unhas 25 eran mulleres".
Nese grupo o condenado publicou mensaxes dirixidas ou en referencia a compañeiras como "con esa cariña que tes de foto de perfil danme ganas de meter a polla ata o fondo", "só dades problemas as tías", "que fea es [nome da compañeira], non mandes máis fotos.... fáltache ximnasio, tes o cu caído", "as tías da Bravo danme asco filla... es parva? Ti a que máis, que es máis insolente... a macho femia" ou "merca un pene de plástico [nome da compañeira] e non me fales máis".
Ademais, o home realizou outros comentarios degradantes en persoa e ante testemuñas como "lesbiana de merda" ou "as mulleres só serven para fregar e cociñar e non serven para estar nas Forzas Armadas".
O condenado, di a sentenza, tamén enviou mensaxes dirixidas "con independencia do xénero", como "a ver se vos intoxicades dun coma etílico e non volvedes a metade... ou os accidentades polo camiño".
Nalgunha ocasión o condenado chegou a desculparse no grupo e outros compañeiros ou compañeiras afeáronlle o comportamento ou o chegaron a chamar "machista e homófobo".
O tribunal militar salienta que "a literalidade dos comentarios non deixa dúbida sobre a gravidade dos mesmos e a lesión que producen"
Segundo o tribunal, "a literalidade dos comentarios non deixa dúbida sobre a gravidade dos mesmos e a lesión que producen nos bens xurídicos que se tutelan" no Código Penal Militar. O "comportamento do procesado reviste indubidablemente a aptitude necesaria para denigrar, menosprezar e humillar ás súas compañeiras no centro docente militar", engade a sentenza, que o condena "coa firma e aquiescencia do propio procesado por tres delitos "relativos ao exercicio dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas polos militares, nas súas modalidades de acoso sexual, acoso por razón de sexo e inxurias graves".
Polos tres delitos o home terá que pagar unha multa de nove meses a razón de dous euros diarios, isto é, algo máis de 500 euros. O condenado tamén debe indemnizar cun total de 900 euros ás tres vítimas, 300 euros para cada unha. A sentenza ten en conta a atenuante de reparación do dano ao adiantar previamente cartos o condenado. A sentenza, ao ser acadada coa "expresa aquiescencia do acusado", xa é firme.
Antecedentes
Tras desvelar Praza.gal as primeiras catro condenas por agresións sexuais na Armada en Ferrol o Ministerio de Defensa respondeu que está a desenvolver actividades de "sensibilización"
Praza.gal vén publicando unha serie de sentenzas similares por acosos ou agresións sexuais na Armada en Ferrol, seis coa agora desvelada, por feitos ocorridos entre 2021 e 2025 cuxas condenas acadaron firmeza entre 2023 e 2026.
En maio de 2021 un sarxento alumno de terceiro curso violou con penetración vaxinal a unha subordinada de primeiro curso nas propias instalacións da escola da Armada e foi condenado a sete anos de cadea nunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en maio de 2023.
En outubro de 2021 un mariñeiro penetrou vaxinalmente fóra da escola a unha compañeira "sen o seu consentimento" e foi condenado a sete anos de cadea nunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en xuño de 2023.
A comezos de 2023 un mariñeiro tocou as nádegas nun bar "en repetidas ocasións" a unha compañeira coa que mantiña unha relación de amizade que aspiraba que pasase a máis sen que ela o quixese. A vítima escapou pero o home volveu coincidir con ela e insultouna e ameazouna. Foi condenado a dous anos e medio de cadea por agresión sexual e coaccións nunha sentenza ratificada polo Supremo en outubro do pasado ano.
En xaneiro de 2024 foi un tenente de navío quen, na cantina da propia escola, tocou, bicou e chegou "a introducir a súa man por baixo do colo da camisa" dunha mariñeira alumna da brigada da que era comandante. Foi condenado a multa de cinco meses por delito de agresión sexual e multa de tres meses por delito de abuso de autoridade na súa modalidade de agresión sexual nunha sentenza tamén feita firme polo Supremo a finais do pasado ano.
A finais de 2024 foi un alumno en transición de muller a home quen atentou contra a dignidade de seis compañeiras ao entrar no baño mentres se duchaban ou dicirlles "aí van as tetas máis bonitas" ou "todas as mulleres son unhas porcas". Foi condenado por seis delitos de acoso por razón de sexo con algo máis de mil euros de multa e a indemnizar a cada unha das seis compañeiras con 300 euros, nunha sentenza por conformidade e xa firme de decembro de 2025 feita pública pola xustiza militar e revelada por Praza.gal o pasado setembro.
A sexta sentenza agora revelada pronúnciase sobre feitos ocorridos a finais de 2024 e comezos de 2025 e ten data e firmeza de xullo deste 2026.
Tras as primeiras condenas por agresións sexuais, Sumar preguntou no Congreso ao Ministerio de Defensa, que respondeu a comezos deste ano que está a impartir conferencias e campañas internas de "sensibilización".
Ademais destas sentenzas por agresión ou acoso sexual, a comezos deste ano Praza.gal tamén revelou outra condena por acoso laboral na Armada en Ferrol, neste caso polo "trato desprezativo, humillante e incluso insultante" dun brigada, que entre 2024 e 2025 chegou a agarrar do brazo e tirar dunha cabo primeiro á que tamén chamou "parva" ou "estúpida".