Unha condena por conformidade constata que un alumno en transición de muller a home atentou á dignidade de compañeiras por entrar no baño cando se duchaban ou dicirlles "aí van as tetas máis bonitas" ou "todas as mulleres son unhas porcas"
O Tribunal Militar da Coruña vén de facer pública unha sentenza por conformidade acadada a finais do pasado ano cun militar alumno da Escola de Especialidades Antonio Escaño da Armada en Ferrol condenado por acoso sexual contra seis compañeiras. A sentenza sinala que o alumno, que estaba "realizando a transición" do xénero feminino ao masculino, entraba no baño mentres compañeiras se duchaban afectando á súa intimidade ou dirixíalles expresións como "aí van as tetas máis bonitas" ou "todas as mulleres son unhas porcas".
A sentenza é cando menos a quinta condena firme por agresión ou acoso sexual en cinco anos na Armada en Ferrol, segundo unha investigación que vén desenvolvendo Praza.gal.
A sentenza sinala que o condenado "ostentaba a condición de militar no momento dos feitos" pero que "xa perdeu a condición de alumno" da Escola de Especialidades de Ferrol. A ela chegou en novembro de 2024, cando "solicitou compartir habitación con persoal feminino, debido a que, se ben se atopaba realizando a transición de dito xénero ao masculino, aspectos fisiolóxicos aínda latentes nel facían, ao seu xuízo, máis recomendable a convivencia con mulleres". "Igualmente solicitou que lle fora facilitada a uniformidade masculina", engade a sentenza, que explica que "ambas peticións foron autorizadas". Cando comezou a compartir "sollado" -o aloxamento da tropa na Armada- con seis alumnas, o condenado expúxolles "desde o primeiro momento a súa situación de xénero, e instou a que o trataran como compoñente masculino".
Pero "ao pouco tempo", segundo se relata nos feitos probados, o condenado comezou a entrar "no baño mentres elas se estaban duchando (na ducha non hai porta), ou cambiando de roupa [...] sen consentimento das súas compañeiras" e "en ocasións co móbil na man". "Dito comportamento era reiterado, iso a pesar das réplicas das súas compañeiras de sollado, quen lle manifestaban que non querían que entrara ao baño nesas situacións, sendo así que o respecto á privacidade durante a ducha se establecera como norma básica de convivencia", engade a sentenza.
O condenado tamén facía videochamadas mentres a compañeiras se estaban cambiando e negábase a limpar porque "iso son cousas de mulleres", segundo reflicte o Tribunal Militar da Coruña
Ademais dese comportamento, a sentenza por conformidade do condenado tamén declara como feitos probados que "chegou a manifestar" a unha das súas compañeiras que tiña "as tetas máis bonitas da Escaño" e a outra que tiña "o mellor cu do sollado". Tamén se declara probado que o condenado "tiña por costume realizar videochamadas desde o interior do sollado, mentres algunha das súas compañeiras se estaba cambiando de roupa, o cal era tamén reprochado por elas", e que "chegou a enviar polo grupo de WahtsApp do sollado un vídeo no que aparecía o investigado, xunto a unha muller exhibindo os seus peitos".
O condenado tamén "comezou a realizar en presenza das súas compañeiras de sollado comentarios tales como "todas as mulleres son unhas porcas" [guarras no castelán orixinal da sentenza] ou "ás mulleres gústalles que as traten mal". Tamén se negaba "a limpar a habitación cando lle tocaba (unha vez por semana), so pretexto de que "iso son cousas de mulleres". As compañeiras acabaron denunciando o caso en xaneiro de 2025.
A sentenza conclúe que estes feitos "son constitutivos de seis delitos relativos ao exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas polos militares, na súa modalidade de acoso por razón de sexo". Neste caso o tribunal considera que "as accións do procesado respecto ás súas compañeiras de sollado no período de tempo que compartiu convivencia coas mesmas caracterizáronse polo grave carácter atentatorio á súa intimidade e dignidade persoal" ao "denigrar, menosprezar e humillar ás súas compañeiras no centro docente militar, rebaixando a súa consideración e estimación persoal e profesional de forma grave".
A sentenza por conformidade remata aplicando a atenuante de reparación do dano e condena o acusado a 18 meses de multa de dos euros diarios (algo máis de mil euros) e a indemnizar a cada unha das seis compañeiras con 300 euros, para un total de 1.800 euros.
Antecedentes
Tras desvelar Praza.gal catro condenas en tres anos por agresións sexuais na Armada en Ferrol o Ministerio de Defensa respondeu que está a desenvolver actividades de "sensibilización"
Praza.gal vén publicando unha serie de sentenzas similares por acosos ou agresións sexuais na Armada en Ferrol, catro ata esta última, por feitos ocorridos entre 2021 e 2024 cuxas condenas acadaron firmeza entre 2023 e 2024. Esta quinta condena, por feitos ocorridos a finais de 2024 e comezos de 2025, xa é tamén firme por ditarse por conformidade co acusado.
En maio de 2021 un sarxento alumno de terceiro curso violou con penetración vaxinal a unha subordinada de primeiro curso nas propias instalacións da escola da Armada e foi condenado a sete anos de cadea nunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en maio de 2023.
En outubro de 2021 un mariñeiro penetrou vaxinalmente fóra da escola a unha compañeira "sen o seu consentimento" e foi condenado a sete anos de cadea nunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en xuño de 2023.
A comezos de 2023 un mariñeiro tocou as nádegas nun bar "en repetidas ocasións" a unha compañeira coa que mantiña unha relación de amizade que aspiraba que pasase a máis sen que ela o quixese. A vítima escapou pero o home volveu coincidir con ela e insultouna e ameazouna. Foi condenado a dous anos e medio de cadea por agresión sexual e coaccións nunha sentenza ratificada polo Supremo o pasado outubro.
E en xaneiro de 2024 foi un tenente de navío quen, na cantina da propia escola, tocou, bicou e chegou "a introducir a súa man por baixo do colo da camisa" dunha mariñeira alumna da brigada da que era comandante. Foi condenado a multa de cinco meses por delito de agresión sexual e multa de tres meses por delito de abuso de autoridade na súa modalidade de agresión sexual nunha sentenza tamén feita firme polo Supremo a finais do pasado ano.
Preguntado no Congreso por Sumar por esas condenas por agresións sexuais, o Ministerio de Defensa respondeu a comezos deste ano que está a impartir conferencias e campañas internas de "sensibilización".
Ademais destas sentenzas por agresión ou acoso sexual, a comezos deste ano Praza.gal tamén revelou outra condena por acoso laboral na Armada en Ferrol, neste caso polo "trato desprezativo, humillante e incluso insultante" dun brigada, que entre 2024 e 2025 chegou a agarrar do brazo e tirar dunha cabo primeiro á que tamén chamou "parva" ou "estúpida".