Sumar pide explicacións no Congreso polas reiteradas agresións sexuais na escola da Armada en Ferrol

Acto na praza de armas da escola de especialidades da Armada en Ferrol © Ministerio de Defensa

Os deputados galegos Manuel Lago e Verónica Martínez piden ao Ministerio de Defensa unha "transformación real dun contexto que leva anos permitindo condutas machistas, normalizacións perigosas e dinámicas de silencio"

Os deputados galegos de Sumar Manuel Lago e Verónica Martínez rexistraron este xoves varias preguntas no Congreso pedindo explicacións ao Goberno de España polas reiteradas agresións sexuais que se veñen rexistrando na Escola de Especialidades da Armada Antonio de Escaño de Ferrol reveladas por Praza.gal a partir de sentenzas xa firmes de tribunais de xustiza militar. Para Sumar "esta repetición de casos evidencia un patrón estrutural profundamente preocupante dentro das Forzas Armadas e revela posibles fallos na prevención, na detección temperá e na protección das vítimas".

Escola de Especialidades Antonio Escaño da Armada en Ferrol CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Praza.gal vén desvelando sucesivas condenas firmes por agresións sexuais ocorridas en maio e outubro de 2021, comezos de 2023 e xaneiro de 2024, esta última coñecida hai dúas semanas. Ante esta situación Sumar pregunta que protocolos específicos fronte a agresións sexuais hai na escola de Ferrol, que medidas de reforzo ten previsto adoptar o Ministerio de Defensa, que mecanismos de control existen para identificar posibles fallos estruturais "ou déficits na cultura organizativa da escola que poidan favorecer a persistencia de condutas de violencia machista", ou se o ministerio vai impulsar campañas internas de sensibilización e prevención.

Sumar tamén pregunta que medidas de transparencia e rendición de contas vai aplicar o ministerio para garantir que a cidadanía coñeza o que sucede e como se está a actuar.

Sumar di que "estes feitos non poden seguir tratándose como incidentes illados" e "nunha institución pública como a Armada, supón ademais un dano grave á confianza da sociedade"

O grupo parlamentario de Sumar alerta de que "estes feitos non poden seguir tratándose como incidentes illados" e "nunha institución pública como a Armada, supón ademais un dano grave á confianza da sociedade". Por iso, Sumar reclama "firmeza e exemplaridade por parte do Ministerio de Defensa, non só no ámbito disciplinario, senón na transformación real dun contexto que leva anos permitindo condutas machistas, normalizacións perigosas e dinámicas de silencio".

Aloxamentos da Escola de Especialidades Antonio Escaño da Armada en Ferrol © Ministerio de Defensa

Sumar considera que "non é aceptable que unha escola de formación militar acumule denuncias e condenas sen que se produza unha revisión a fondo dos seus protocolos e da súa cultura organizativa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.