Agresión sexual, abuso de autoridade e lesións na escola da Armada en Ferrol: do "convénche non dicir nada" a 7 anos de cadea

Escola de Especialidades Antonio Escaño da Armada en Ferrol CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Un tribunal militar da Coruña condena un sarxento alumno de terceiro curso por violentar unha subordinada de primeiro curso para consumar unha relación sexual cando ela quixo interrompela

Sete anos de cadea polos delitos de agresión sexual, abuso de autoridade e lesións e expulsión da Armada é a pena que vén de recibir un sarxento alumno de terceiro curso da Escola de Especialidades Antonio de Escaño de Ferrol por violentar unha subordinada de primeiro curso para consumar unha relación sexual cando ela quixo interrompela. A condena imposta por un tribunal militar da Coruña inclúe tamén a expulsión da Armada, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 10 anos e unha indemnización de 30.000 euros por danos morais, que terá que asumir o Ministerio de Defensa como responsable civil subsidiario se non a paga o condenado.

A sentenza, segundo elDiario.es, que a adiantou este xoves, está recorrida ante o Tribunal Supremo. Nela o tribunal castrense comunica tamén aos mandos militares, a efectos dunha posible sanción disciplinaria, o comportamento que tivo un compañeiro do condenado que “interferiu na investigación xudicial e a instrución do procedemento, con risco de comprometela e alterala”.

Aloxamentos da Escola de Especialidades Antonio Escaño da Armada en Ferrol © Ministerio de Defensa

Segundo o relato que fai a sentenza, o día dos feitos, en maio de 2021, o condenado “estivera bebendo esa tarde fóra da escola unhas catro ou cinco cervexas e ao regresar á escola tomaría outras dúas ou tres porque era a despedida dos mariñeiros”. Arredor das dez e media da noite contactou por unha aplicación de mensaxería coa mariñeiro alumna de primeiro curso agredida para que baixase con el a unha dependencia baleira do edificio no que estaba a habitación dela. Alí os dous iniciaron por mutua vontade, segundo a sentenza, un encontro sexual ata que outro compañeiro entrou a recoller un ordenador que deixara nesa sala e os interrompeu. 

A sentenza desbota os intentos da defensa do acusado de desacreditar a vítima dicindo que "non existe un manual de comportamento das vítimas dunha agresión sexual"

Tras saír esa terceira persoa a muller “decide poñer fin ao encontro” que ata ese momento estaba a manter co condenado, quen “non acepta a negativa e empeza a agarrar fortemente” e a agredila mentres ela se resiste e “contra a súa vontade, é penetrada vaxinalmente”. 

Tras eses feitos, a muller volve ao seu cuarto e “aos poucos minutos recibe unha mensaxe” do agresor que lle di: Entérate mañá, máis che convén non dicir nada, canto menos saiba a xente mellor”. Ela non contesta e catro días máis tarde, xunto dunha compañeira, acode ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol onde queda constancia de diversos hematomas por todo o corpo. Como consecuencia deses feitos a muller tamén sufriu “un proceso de depresión maior e ansiedade diagnosticado como de estrés postraumático cunha fonda pegada psíquica” que se mantivo cando menos ata o momento do xuízo o pasado xuño. 

Escola de Especialidades Antonio Escaño da Armada en Ferrol © Ministerio de Defensa

A defensa do condenado solicitou a súa absolución por considerar que non se probaran ningún dos feitos e que a vítima tivera contradicións no seu relato, pero o tribunal desbotouno e considerou que había probas sobradas para a condena. Segundo a sentenza, “non existe un manual de comportamento das vítimas dunha agresión sexual, non existe un protocolo de como deben comportarse para seren cridas, e calquera conduta, se ten explicación suficiente, é perfectamente entendible”.

Un compañeiro do condenado interferiu na investigación e difamou a vítima, pero o tribunal deixa nas mans dos seus mandos militares a posible sanción

O tribunal tamén considera que a advertencia que recibiu a vítima do agresor tras os feitos “é unha coacción evidente, e unha ameaza velada” e non, como pretendía facer ver a súa defensa, un intento de axudala para protexer a súa fama. Así o considera o tribunal xa que despois o agresor contou partes da relación sexual a outras persoas, o que para os maxistrados é “unha estraña maneira de axudar á vítima a protexer a súa fama”.

Ademais, posteriormente un amigo do agresor vixiou e tentou obter información dos pasos que daba a vítima, o que levou ao tribunal a comunicar a súa actuación aos mandos militares para que estuden unha posible sanción disciplinaria contra el. Segundo a sentenza, esa terceira persoa adoptou “unha activa e errada conduta en defensa do acusado que o levou a desacreditar e difamar a vítima” na escola ferrolá “aireando aos catro ventos as súas supostas apetencias e comportamentos sexuais, magnificando intencionalmente unha imaxe de promiscuidade sexual da vítimas que ademais de que non foi acreditada, en nada xustificaría a conduta do acusado”. 

O tribunal militar indica na sentenza que un compañeiro do condenado interferiu na investigación CC-BY-SA Praza Pública

Ese compañeiro mesmo “xactouse, mesmo ante a propia Sala no acto da vista oral, de manter relacións sexuais prohibidas polas normas de réxime interno” da escola da Armada. E segundo a sentenza “interferiu na investigación xudicial e a instrución do procedemento, con risco de comprometela e alterala” contactando con outras testemuñas para apercibilas “ou directamente dicíndolles que debían dicir”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.