A administración estatal concentra o groso dos casos de perda da condición de funcionario, tras sentenzas xudiciais, mentres que a Xunta instou dous por “abandono do servizo”
Os funcionarios non teñen garantido o seu posto de traballo para toda a vida, pase o que pase, senón que tamén poden ser despedidos. Pero iso en Galicia pasa a un ritmo dun caso ao ano. Nas dúas últimas décadas foron 19 as persoas que perderon a condición de funcionario en Galicia, a maioría delas, 10, policías condenados xudicialmente por diversos delitos, tres deles por asasinato. Como no caso deses axentes, a administración estatal en Galicia concentra o groso dos casos, que adoitan producirse tras sentenzas xudiciais que inhabilitan aos condenados, pero neste tempo tamén a Xunta instou que se apartase da carreira funcionarial a dous traballadores da administración de xustiza por “abandono do servizo”.
Hai uns meses a Fundación Civio, que analiza e interpreta todo tipo de publicacións oficiais, recompilou os 524 casos (505 por condena e 19 tras sanción administrativa) de perda da condición de funcionario publicados no Boletín Oficial del Estado desde 1996, unha análise que non incluía os corpos de traballadores que dependen das autonomías ou os membros da Garda Civil ou as forzas armadas. Praza.gal segmentou esa busca para Galicia e preguntou tamén á Xunta por posibles casos na administración autonómica, o que agora ofrece esta cifra de 19 funcionarios expulsados en Galicia nas dúas últimas décadas.
Asasinato, ameazas, detención ilegal ou suborno, entre os delitos polos que foron expulsados do corpo os dez policías que perderon a súa condición de funcionario en Galicia
A maioría dos casos, 10, foron axentes do Corpo Nacional de Policía expulsados tras ser condenados por delitos como asasinato (tres casos, dous deles os policías que en 1994 mataron catro persoas nun chalé de Nigrán), suborno, falsidade documental, tenencia ilícita de armas, ameazas, malversación, detención ilegal, roubo e revelación de secretos. Pero no listado tamén hai outro tipo de funcionarios. Hai dous casos de traballadores da Axencia Tributaria, un tras unha condena por falsidade en documento oficial e outro por contrabando, suborno e violación de secreto. Tamén hai dous casos de traballadores do departamento de Tráfico, os dous por prevaricación ligados á trama de retirada de multas xulgada en Lugo, entre eles o da única muller fronte aos 18 homes restantes do listado en Galicia, e un caso dun funcionario da administración xeral estatal condenado por malversación. E outros dous casos de profesores, un rexistrado pola Xunta no corpo de mestres e outro do ensino secundario, en ningún dos cales se fan públicos os delitos das súas condenas.
Os 19 expulsados en dúas décadas son unha parte mínimia dos 146.000 empregados públicos, non só funcionarios senón tamén laborais, que suman todas as administracións en Galicia
O caso do mestre sinalado pola Consellería de Educación é o único do que informa a Xunta afectado por unha condena xudicial. Ademais dese corpo funcionarial, que tamén ten carácter estatal malia ser xestionado pola Xunta, o outro departamento autonómico que tamén xestiona funcionarios propios, o de Sanidade, sinala que non ten constancia de ningún caso de perda desa condición. Pola súa banda, na administración xeral autonómica a Consellería de Facenda, da que depende a Dirección Xeral de Función Pública que controla ao resto de traballadores públicos autonómicos á marxe de Educación e Sanidade, indica que tampouco ten información de ningún caso de perda da condición de funcionario e só di ter constancia de dous casos de persoal laboral, un peón e un oficial do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, por faltaren ao traballo durante varios meses sen xustificación.
Máis alá dos despidos por condenas, hai outros dous casos de perda da condición de funcionario en Galicia por sanción administrativa, os dous de traballadores do corpo de tramitación procesal da administración de xustiza e os dous como resultado de expedientes disciplinarios incoados pola Dirección Xeral de Xustiza da Xunta por “abandono do servizo”.
Todas estas cifras son mínimas en comparación cos arredor de 146.000 empregados públicos, non só funcionarios senón tamén laborais, que suman todas as administracións públicas en Galicia, segundo o boletín estatístico de Persoal do Goberno central, que os divide en 27.000 empregados estatais, 86.000 autonómicos, 26.000 locais e 7.500 das universidades.