CIG e STEG propoñen un "decembro negro" e de loito polo ensino público

Mobilización de profesorado ante a sede da Xunta, en San Caetano CC-BY-NC-ND CIG

Un "decembro negro" en "sinal de loito polos recortes e polo desmantelamento do ensino público galego". Esa é a proposta reivindicativa que vén de lanzar CIG-Ensino como previa ás novas xornadas de folga convocadas para os vindeiros 16 e 17 de decembro. 

CIG-Ensino e STEG propoñen un "decembro negro" en "sinal de loito polos recortes e polo desmantelamento do ensino público galego"

Serán o cuarto e quinto paros do profesorado impulsados polo sindicato maioritario na ensinanza en Galicia, da man de STEG, no que vai de trimestre tras as xornadas de folga de outubro e a de setembro. Así, CIG-Ensino anuncia que desenvolverá diversas actividades reivindicativas ao longo deste mes "para visibilizar todos os dereitos roubados e os recortes do goberno da Xunta que levaron a que este sexa o curso máis conflitivo nos últimos 40 anos". Tamén dará a coñecer unha campaña informativa na que lembrará as demandas dos e das docentes nun conflito que, din, "non só é laboral xa que afecta de cheo á calidade do servizo público que é a educación". 

Anuncio de actividades polo "decembro negro" do ensino público en Galicia CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

Por iso, a central nacionalista anima a "tinguir de negro" os centros educativos en sinal de loito durante o mes cunha mobilización que culminará co "velorio e enterro simbólicos" do ensino público galego nas xornadas de folga do 16 e 17 de decembro.

Concretamente, o día 16 CIG e STEG propoñen "a implicación activa de todo o profesorado galego, coa colaboración das familias alí onde sexa posíbel", para organizar "marchas fúnebres" entre centros educativos de diversas localidades galegas portando candeas, crespóns negros e outra simboloxía mortuoria. 

O obxectivo é "socializar a nivel local o conflito laboral docente que se vive en Galiza este curso e que nos centros se visibilice o número de profesorado recortado nos últimos cursos, o número de alumnado con necesidades sen atender, a redución de servizos e de calidade educativa", entre outras circunstancias. 

Co loito, os sindicatos pretenden "socializar a nivel local o conflito laboral docente" e que nos centros se "visibilicen" a escaseza de profesorado ou a redución de servizos

Xa o mércores 17 prevese unha manifestación con saída ás 11:30 horas do Parlamento que atravesará Compostela "simulando o enterro simbólico do ensino público galego" tras a aprobación, se non hai modificación até esa data dos Orzamentos da Xunta, unhas contas que a nivel educativo supoñen para os sindicatos a confirmación do "pouco marxe de mellora" que lle queda ao profesorado e ás súas condicións laborais. 

Mobilización de profesorado ante a sede da Xunta, en San Caetano CC-BY-NC-ND CIG

CIG-Ensino e STEG reclaman a baixada de ratios con carácter inmediato no primeiro curso de todas as etapas a partir de setembro do ano 2026; a recuperación do horario lectivo de 21 horas en infantil e primaria e de 18 no resto de ensinanzas; a dotación de maior persoal para atender a diversidade e de profesionais de orientación en todos os niveis educativos; un plan real que permita "reducir a burocracia innecesaria e eliminar a imprescindíbel con redución da carga lectiva para quen ten responsabilidades de dirección, coordinación ou titoría"; e un acordo retributivo que permita recuperar o poder adquisitivo perdido desde a crise do ano 2010; melloras nas condicións laborais do persoal interino e substituto, recuperando o cobro do verán para quen traballe cinco meses e medio e permitindo a restrición por áreas xeográficas sen xustificación para as substitucións. 

A mobilización culminará os días da folga cun velorio e un enterro simbólicos do ensino público

Tamén piden a negociación dunha reforma da FP que blinde o seu carácter público e a súa calidade "fronte á cada vez máis feroz privatización e ao intento de substituír o profesorado por persoal experto das empresas"; o recoñecemento da función docente "sen poñer en cuestión a autonomía pedagóxica dos centros e a liberdade de cátedra", así como unha nova política lingüística no ensino que f"ree a perda de falantes e de competencia no noso idioma e que o prestixie no ámbito educativo".

CIG-Ensino prevé que neste mes o seu persoal delegada faga" un esforzo por fomentar o debate arredor do conflito nos centros educativos" e chama á "colaboración das anpas que desde comezos de curso veñen organizando concentracións, manifestacións e outras accións para reclamar máis profesorado nos seus centros a que se sumen ás accións previstas para o día 16 e 17, dado que moitas delas xa comezaron a organizarse tamén a través de temáticas semellantes como os martes ou os venres negros". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.