O profesorado volve á folga o 16 e 17 de decembro convocado por CIG e STEG

Mobilización de profesorado na Coruña o pasado mes de novembro CC-BY-NC-ND CIG-Ensino

Logo das dúas xornadas de folga a finais de outubro, outras dúas a mediados de decembro. Os sindicatos CIG-Ensino —maioritario no ensino— e STEG veñen de anunciar a convocatoria de dúas novas xornadas de paro o martes 16 e o mércores 17 de decembro ante os "oídos xordos" que din que a Consellería de Educación segue mantendo ante "o clamor do persoal docente no curso máis conflitivo da ensinanza pública galega desde hai 40 anos". 

Ante esta situación, e logo do "fracaso do intento de unidade sindical", CIG-Ensino e STEG decidiron convocar dúas novas xornadas de folga coincidindo coas xornadas de avaliación en primaria e secundaria e co pleno do debate e de aprobación final dos orzamentos da Xunta para 2026. Pretenden "condicionar" estas contas e "presionar" durante a súa votación. 

Mobilización do profesorado o pasado mes de outubro CC-BY-NC-ND CIG-Ensino

Serán, xa que logo, cinco xornadas de paros totais en apenas catro meses, tras as dúas de outubro e outra en setembro, o que, segundo CIG-Ensino "confirma que este conflito laboral é o máis intenso desde os anos 80 no ensino público non universitario". 

CIG-Ensino e STEG convocan folga ante os "oídos xordos" da Consellería e pola "pouca marxe de mellora" nas súas reivindicacións no caso de que se aproben os Orzamentos

Os dous sindicatos convocantes entenden que "hai pouca marxe de mellora" nas principais reivindicacións dos docentes (como son a baixada de ratios, a recuperación do horario previo aos recortes ou maior dotación de persoal para atender á diversidade) "no caso de que a Xunta aprobe o proxecto de Orzamentos tal e como está agora a súa tramitación parlamentaria". 

"Entre outras cuestións —din—, o número de profesorado orzamentado é o mesmo que os últimos catro anos, 30.424, e calquera destas medidas implicaría unha importante ampliación desta cifra coa conseguinte partida económica para sufragar a contratación destes novos efectivos. No momento dos recortes a ampliación do horario en primaria e secundaria supuxo un recorte de miles de docentes". 

Así, CIG e STEG din responder á "suxestión" de moito profesorado para a convocatoria de dúas novas xornadas de folga, ademais doutras mobilizacións que "terán como fin socializar o conflito entre a comunidade educativa nomeadamente entre as familias e o alumnado". 

Os sindicatos convocarán mobilizacións para "socializar o conflito entre a comunidade educativa, sobre todo familias e alumnado"

CIG-Ensino di ser "consciente" de que a Consellaría "vai intentar condicionar o profesorado para que poña as cualificacións do alumnado independentemente de que se celebren xuntas de avaliación ou non" durante eses días de folga, polo que "o anima a facer pedagoxía coas familias e co alumnado para que saiban que secundar a folga vailles implicar un traballo extra se finalmente ceden a estas presións da administración".

Peche de profesorado o pasado mes de outubro CC-BY-NC-ND CIG-Ensino

Estas dúas xornadas de folga, segundo explican os sindicatos, rematarán o día 17 cunha gran manifestación en Compostela que terá como punto central o Parlamento galego para rematar fronte á Consellería de Educación. 

Ademais, nas próximas semanas as delegadas e delegados da CIG-Ensino percorrerán os máis de 1.100 centros de ensino en Galicia "para que se sumen aínda máis docentes a estas convocatorias despois de que, nos últimos anos, nunca tanta xente participara nas folgas coma nas convocadas este curso, o que demostra a fartura e o malestar do profesorado galego polas súas condicións laborais pero tamén pola situación de crítica que atravesa o ensino público".   

CIG-Ensino pide ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, "que abra negociacións de inmediato e se reúna coas organizacións sindicais, como si fai o seu homólogo en Sanidade, para intentar frear estas convocatorias e mellorar a grave situación que atravesan os centros educativos e que xa non pode tapar máis malia toda a propaganda do seu departamento". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.