A folga antes da folga na escola concertada: o profesorado volve pedir equipararse ao da pública

Mobilización de profesorado da escola concertada na Coruña CC-BY-SA SNEP

Un día antes da folga xeral, o profesorado da educación privada concertada en Galicia estivo chamado a participar noutra folga convocada por CCOO, CIG, UGT, FSIE, USO e SNEP. Foi un "paro total" que tivo un seguimento do 60% segundo os sindicatos pero que a Xunta reduciu a pouco máis do 17%. 

Os sindicatos cifran nun 60% o seguimento da folga que a Xunta reduce a pouco máis do 17%

Este paro chega logo do que o pasado 6 de outubro tivo un seguimento do 65% segundo estas mesmas organizacións, e tras o parcial celebrado no primeiro día de clase deste curso. 

Foron máis de 7.000 docentes que traballan nunha cuarta parte dos centros educativos de Galicia os que estiveron convocados á folga para denunciar os "incumprimentos" da Consellería de Educación e insistir na súa demanda de equiparar as súas condicións ás do profesorado do ensino público, que levaron ás rúas con marchas na Coruña e Vigo onde se pediu a "dimisión" do conselleiro Román Rodríguez. 

Mobilización de profesorado do ensino concertado, nun vídeo difundido por CCOO

Desde hai xa tempo, todas as organizacións con representación na escola concertada denuncian "situacións de desigualdade, incumprimento de acordos, perda do poder adquisitivo ou falta de recoñecemento" e condicións laborais "que non se corresponden" coa súa responsabilidade e que exceden, denuncian, a carga de traballo asumible. 

O profesorado da concertada pide equiparar as súas condicións aos docentes da escola pública e denuncian "incumprimentos" por parte de Educación

Así, exixen a convocatoria da denominada mesa tripartita —a formada por Xunta, sindicatos e patronais ou empresas dos centros concertados— para un diálogo que a Xunta rexeita abrir en medio das mobilizacións. "Non ten moito sentido", advertiu este mesmo martes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que amosou o seu "respecto" pola xornada de folga e que defendeu a aposta do goberno galego pola concertada como "parte básica e fundamental" do sistema educativo no país. 

Rodríguez destacou que a Xunta incrementou a partida destinada aos docentes da concertada en case 30 millóns de euros, o que permitirá aplicar unha suba salarial media do 5% para os e as profesoras. Ademais, contrapuxo a súa xestión coa postura da oposición, criticando o BNG pola súa intención, dixo, de retirar orzamento a este ensino privado subvencionado con fondos públicos. 

"Aldraxe á concertada"

As organizacións convocantes da folga cualifican de "aldraxe á concertada" a situación e denuncian que hai 17 anos que non perciben os complementos de cargo nin a paga extraordinaria de antigüidade que recibían ata 2010. Ademais, reclaman desbloquear os acordos de homologación salarial coa escola pública para poder así recibir os complementos de titorías ou coordinación que reciben os docentes da escola pública. Tamén demandan que se lles aplique o acordo entre Xunta e sindicatos que permitiu reducir a carga lectiva. 

Mobilización de profesorado da escola concertada en Galicia, o pasado mes de setembro CC-BY-SA FSIE-Galicia

As organizacións ameazan con outra folga o vindeiro 15 de decembro

Para a folga deste martes, a Xunta declarou uns servizos mínimos que as organizacións convocantes consideran abusivos: un membro da dirección e un subalterno por centro escolar —como no caso da folga xeral para todo o ensino polo 11N— e a maiores a cobertura do 20% do persoal docente e do 20% do persoal complementario, uns requisitos extras que non aceptan os sindicatos educativos. 

No caso de non seren convocados desde a Xunta para abrir unha negociación, as organizacións convocantes deste paro advirten doutra xornada de folga o vindeiro 15 de decembro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.