No colexio Calasanz, a un paso do barrio dos Rosales na Coruña, 64 pequenos optan ás 60 prazas que oferta este centro relixioso para aqueles nenos e nenas que se escolarizarán por primeira vez o vindeiro curso, en 4º de Infantil. Non entrarán todos. A só uns centos de metros, no colexio público do barrio, o CEIP Emilia Pardo Bazán, sobran sete, xa que só se presentaron 33 solicitudes para as 40 prazas ofertadas.
Máis de 220 prazas quedarán baleiras no primeiro curso de Infantil dos colexios públicos da Coruña e moitos centos tamén en Vigo; só nuns poucos centros a demanda supera a oferta
En total, segundo datos facilitados pola asociación de directores de colexios públicos e á espera de seren completados cando finalice o proceso de matriculación, son máis de 220 as prazas que quedarán vacantes nos 27 colexios públicos da Coruña. Só en catro deles —arredor do 10%— hai máis demanda que oferta, unha porcentaxe que é moito maior nos centros privados, con e sen concerto, onde tamén hai vacantes pero moitas menos.
Non é un caso illado. En Vigo, sen datos aínda detallados, a asociación de directores de centros públicos advirte de que serán moitos centos as prazas en colexios públicos que queden sen cubrir nese primeiro curso de escolarización dos pequenos que entran con tres anos. En total, incluíndo os privados, menos de dez dos 85 centros terán que aplicar baremos para descartar algunha das solicitudes. Na maioría non se cubrirán todos os postos reservados nas aulas, aínda que haberá tamén máis baleiros na escola pública.
En Ferrol, segundo contou La Voz de Galicia, só un dos 21 colexios da cidade ten máis oferta que demanda —unha única solicitude máis— pero os centros concertados recibiron medio cento de solicitudes máis que os dez públicos. En total, son arredor de 120 as prazas que quedarían baleiras, case o 60% públicas. En Pontevedra, atendendo aos datos que facilitara Faro de Vigo, son unhas 150 as vacantes totais, con só dous centros con exceso de demanda.
As vacantes nos colexios reabren o debate sobre os concertos con centros privados: ten sentido mantelos alí onde hai prazas dabondo na escola pública?
Á espera das listaxes provisionais de admitidos e excluídos, que serán públicas o vindeiro 27 de abril, e das definitivas do 15 de maio, os datos confirman unha tendencia asentada, agudizada pola baixa natalidade, malia lixeiras repuntas nalgunha zona: quedan centos de prazas baleiras nos colexios públicos das cidades, precisamente onde o peso dos centros concertados é máis grande.
O debate, latente, volve xurdir: ten sentido manter concertos educativos en zonas onde os colexios públicos teñen vacantes dabondo? Debe a Administración financiar colexios privados alá onde os públicos non dan cuberto as súas prazas? Respostas pendentes que teñen máis pertinencia aínda cando son moitos os centros dependentes da Xunta que denuncian eivas nas súas infraestruturas ou falta de profesorado e reclaman maiores achegas económicas.
A Xunta financia con máis de 317 millóns anuais os colexios privados cos que mantén concertos educativos
"Hai máis de 200 prazas baleiras en colexios públicos da cidade. Entendendo os concertos educativos como unha medida para aumentar a oferta cando hai exceso de demanda, entendo que alguén terá que empezar a anular concertos. En Portugal fíxose", expresou o pasado luns nas súas redes sociais Fran Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo da Coruña, afondando nun debate que non é habitual en cargos públicos e políticos.
Segundo a última orde de concertos aprobada en 2023, a Xunta financia con 1.900 millóns de euros ata o curso 28-29 case 4.000 unidades escolares que abranguen máis de 82.000 estudantes de centros privados. Son máis de 317 millóns de euros anuais.
A Consellería de Educación, preguntada pola posibilidade de revisar concertos ou impulsar a matriculación en centros públicos fronte aos privados, limítase a sinalar que "os concertos revísanse todos os anos" e que o ensino concertado "é unha opción con validez en toda España, incluída na actual lei educativa aprobada polo PSOE e os seus socios de goberno".
En Galicia, o peso do ensino concertado e privado é dos máis baixos do Estado, quedando nun 25%. "Tres puntos menos que na etapa do bipartito, que acadou o 29% do total", puntualiza a Consellería que destaca que "a porcentaxe mínima que representou o ensino público no sistema acadouse no curso 2007/08, precisamente durante o goberno de coalición". "Este curso case non hai variación no número de unidades concertadas, mentres que de media no bipartito creábanse 53 por curso", insiste.
Subsidiaria ou complementaria?
O debate parte do concepto que se teña da escola concertada, que foi considerada de inicio como subsidiaria, un complemento da pública cubrindo ocos aló onde esta non chegase e completando unha rede escolar insuficiente. Hai unha década, o Tribunal Supremo tombou ese principio de subsidiariedade —aceptando o recurso contra unha sentenza do Tribunal Superior de Justicia de Andalucía— ao anular unha decisión administrativa que suprimía aulas concertadas en zonas onde había prazas vacantes en colexios públicos, a onde se derivaran 26 alumnos.
Portugal decidiu en 2016 eliminar concertos cos centros privados nas zonas onde a rede pública cubrise a demanda: pasou dos 79 colexios concertados aos 27 actuais
Pero a nova lei educativa (LOMLOE) establece que as administracións educativas deberán garantir e impulsar prazas públicas, limita a construción de novos centros privados e elimina a demanda social (das familias) como xustificación principal para abrir novos centros concertados ou aumentar prazas, virando máis cara á concepción da concertada como subsidiaria da pública.
Tamén hai unha década, en Portugal —onde o peso da concertada xa non era moi grande—, o goberno decidiu reducir os contratos de associação (así se denominan os concertos educativos) a través dunha reforma para reducir o financiamento a centros privados nas zonas onde a rede escolar pública fose suficiente para cubrir a demanda. Dos 79 colexios con concerto de 2016 pasouse aos 27 actuais, cun gasto para o Estado luso de algo máis de 15 millóns de euros anuais.
"Levamos anos reivindicando que se hai prazas públicas non ten sentido que se estean a dar fondos a concertos con colexios privados que, precisamente, foron concibidos para compensar a falta de prazas que había nos centros públicos", di tallante Isabel Calvete, presidenta de Anpas Galegas.
"Se hai prazas públicas, non teñen sentido os concertos con colexios privados que foron concibidos para compensar esta falta de prazas"
"Non poden seguir levando cartos públicos nesas circunstancias cando son tan necesarios para o ensino público", insiste Calvete, que lembra que a zonificación formulada pola Xunta en moitos concellos e vilas "limita o acceso ao ensino público" en moitas áreas mentres favorece o concertado. Respecto da posibilidade de anular concertos alí onde a oferta da pública sexa suficiente, a presidenta de Anpas Galegas teno claro: "Hai que facelo alí onde non sexa necesarios nin teñan sentido, obviamente".
Desde Confapa-Galicia, o seu presidente, Rogelio Carballo, advirte que a confederación de anpas "avoga por un ensino público e de calidade" e que non aposta en ningún caso pola educación concertada, "que se impulsou nunha época na que o Estado non tiña capacidade financeira para impulsar máis a pública". "Foi unha solución que debía ser temporal e non o foi", engade, aínda que afonda no debate.
"A pregunta que nos debemos facer é por que hai moitas familias que escollen a concertada por diante da pública e elixen pagar, mesmo algunhas en contra dos seus principios. É porque pensan que a calidade da pública non é a que debera ser? O ensino público ten que reforzar esa calidade, que chegue ao punto que ningunha persoa sensata se lle ocorra optar pola concertada tendo a opción da pública", expón Carballo, que lembra que "esa idea de que os privados teñen máis medios ou ofrecen máis calidade, está refutada pola realidade".
"O ensino público ten que reforzar a súa calidade, que a ningunha persoa sensata se lle ocorra optar pola concertada tendo a opción da pública", di Confapa
Desde as grandes cidades, as diagnoses son variadas. "Sufrimos a caída da natalidade, pero os colexios concertados teñen unha clientela fiel, están moi ben situados porque ocupan todo o centro de Vigo, e ao final acaban sendo empresas de servizos que ofrecen opcións desde a mañá á noite, con grandes posibilidades para a conciliación", explica Juan Carlos Abalde, director do CEIP de Chans-Bembrive e presidente da Asociación de Directores de Colexios Públicos de Vigo.
"Os colexios concertados teñen unha imaxe de marca moi potente, venden moi ben o produto mentres os públicos carecemos do amparo necesario por parte da administración", engade Abalde, que advirte que son moitos os centros que "teñen que andar pelexando coa Consellería para arranxar un tellado ou ter un profesor máis de apoio".
Desde A Coruña, Antonio Leonardo Pastor, presidente da Asociación de Directores de Colexios Públicos, cre que a pregunta sobre por que segue a haber moitas familias que escollen a concertada podendo optar pola pública "debe facérselle a elas". Pero non dubida en defender o ensino público galego como "de moita calidade e moi ben considerado a nivel estatal".
"As concertadas acaban sendo empresas de servizos que ofrecen opcións da mañá á noite, din os directores de centros públicos de Vigo
"Os mesmos problemas que na pública"
Pastor é director do CEIP Curros Enríquez, en pleno Monte Alto, onde para o primeiro curso de Infantil só se recibiron cinco solicitudes para as 20 prazas dispoñibles. A só uns metros sitúanse o colexio Salesianos e a Grande Obra de Atocha. "Non creo que nunha elección ou outra inflúan os problemas coas infraestruturas ou as eivas no profesorado; a familia que pense que non vai ter imprevistos ou problemas nun centro privado está moi equivocada, terá os mesmos que poida ter no público", sentencia.
Desde a Xunta, e ante a pregunta sobre as posibilidades de fomentar e impulsar máis o ensino público como elección prioritaria, lembran que o acordo asinado cos sindicatos CCOO, ANPE, UGT e CSIF "permitiu xa, entre outros, evitar o peche dunhas 500 aulas en dous cursos grazas á mellora progresiva de ratios, que xa opera en 4º e 5º de Infantil, nos que o máximo de alumnos por aula se reduciu de 25 a 20 alumnos". "No curso que vén aplicarase xa en toda a etapa de Infantil, ao incorporarse 6º de Infantil á medida", explica.