"Non se explica", di o TSXG", "que nin se lle tomase declaración" á única persoa que puido escoitar o enfrontamento, que rematou cunha suspensión de emprego e soldo de sete días tramitada cun procedemento caducado
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza coa que anula unha sanción imposta pola Consellería de Educación a un profesor logo dunha discusión co director do seu centro educativo. O docente foi suspendido de emprego e soldo durante sete días por "incorrección con outros empregados públicos" nun procedemento sancionador que tardou máis do debido e no que nin se tomou declaración á única testemuña que puido escoitar a discusión. Ante esa situación e coa dúbida de que puidera ser realmente o director o que empezara o enfrontamento incorrecto, o tribunal fai prevalecer a presunción de inocencia do profesor e anula a sanción da Xunta.
Segundo a sentenza, o profesor sancionado estaba plantando cunha compañeira unhas árbores no xardín interior do centro no marco dun proxecto de natureza autorizado pola consellería. Ao velos o director do centro, que discrepaba do lugar elixido, dirixiuse a eles e comezou unha discusión. Porén, o director non denunciou o ocorrido nesa discusión ante a consellería ata dúas semanas máis tarde, a xefatura territorial deixaría pasar outros máis de dous meses ata acordar a apertura dun procedemento por unha posible falta e dito procedemento non rematou ata outros dous meses despois coa decisión de Inspección de sancionar o profesor.
O profesor recorreu a sanción e un tribunal do Contencioso-Administrativo deulle a razón e anulouna. Pero a Xunta teimou na súa postura e recorreu ante o TSXG, que agora ratifica que a sanción era nula.
Por unha banda, o tribunal ratifica a caducidade do procedemento sancionador, que debía estar resolto en trinta días pero que non o estivo ata dous meses despois da súa apertura. Por outra banda, a sentenza fai prevalecer a presunción de inocencia do profesor fronte o relato de Educación.
Segundo o TSXG, a sanción da Inspección educativa baseouse na declaración do propio director e do xefe de estudos, que viu a escena a distancia pero non puido escoitar o sucedido. Porén, nin se tomou declaración á outra profesora que estaba presente. A sentenza reflicte que esa outra profesora mesmo chegou a presentar unha declaración xurada do sucedido que non se tivo en conta no expediente sancionador.
"Xorden dúbidas sobre a íntegra veracidade do relato ofrecido polo director do centro no escrito inicial e polo xefe de estudos posteriormente", di o TSXG, que fai prevalecer a presunción de inocencia do profesor sancionado
A muller acabou declarando ante a xustiza, que considera que o seu testemuño "permite poñer en cuestión a versión dos feitos ofrecida polo xefe de estudos en canto que aquela declara que o director do centro non se dirixiu tranquilo e en termos educados [ao profesor] para chamarlle a atención por plantar uns arbustos no patio interior, senón todo o contrario, no cal se mostrou contundente, congruente coa previa declaración xurada, e consistente".
Segundo ese testemuño nin sequera recabado pola Xunta pero si pola xustiza "o director do centro acudiu en ton ameazante, braceando e berrando" ao profesor "con palabras pouco adecuadas ('pero vós, que coño estades a facer? que coño credes que sodes?), o que xerou unha situación de tensión que provocou unha discusión entre ambos".
A sentenza mesmo reflicte que "cando o director se dirixiu á Inspección, días despois dos feitos, para dar conta do incidente, xa identificou" á segunda profesora como "presente nos feitos" polo que a xustiza di que "non se explica que nin se lle tomase declaración no curso do expediente, e que nin sequera se puxera en contacto con ela a inspectora, nin se tivese en conta o que narrou na declaración xurada achegada no propio expediente".
Ante esta situación, o TSXG di que "xorden dúbidas sobre a íntegra veracidade do relato ofrecido polo director do centro no escrito inicial e polo xefe de estudos posteriormente, polo que a Sala coincide coa apreciación da xulgadora en primeira instancia ao aplicar o principio de presunción de inocencia".