Profesorado do IES de Melide sintetizou nun decálogo o que, ao seu xuízo, é o "impacto dos recortes que vén padecendo o instituto" por parte da Consellería de Educación. Divulgouno fisicamente, mediante a súa impresión nas paredes do centro, mais tamén na conta do IES en Instgram, de onde a Consellería de Educación ordenou borrala a través da inspección educativa.
CIG-Ensino acusa a Consellería de "acosar e a perseguir ao profesorado galego en lugar de poñer os medios e recursos necesarios para o correcto funcionamento dos centros"
Para a CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o profesorado do ensino público, esta orde de eliminación da mensaxe ratifica que a Consellería "segue a acosar e a perseguir ao profesorado galego en lugar de poñer os medios e recursos necesarios para o correcto funcionamento dos centros". A central sindical declarábase, asemade, "sorprendida" pola retirada dixital "dun material que está, no seu formato físico", visible no propio instituto. Non obstante, este mércores a orde de retirada estendeuse tamén á cartelaría.
"A liberdade de expresión é algo que especialmente lle molesta" á Consellería, consideran nun contexto no que coidan que "cómpre lembrar" que "mantén no cargo tanto ao subdirector xeral da Inspección Educativa como ao delegado territorial da Coruña", ambos "cuestionados polos seus posicionamentos ultras". Do que se trata, consideran, é de "tentar calar o profesorado", neste caso desconforme pola perda dun docente de inglés, a amortización de "tres vacantes de Latín, Lingua e Literatura Galega e Xeografía Historia cara ao próximo curso
A Xunta xustifica a orde de retirada porque "as canles de comunicación oficiais dos centros están acoutadas a un uso estritamente de carácter educativo e informativo"
Preguntada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Educación confirma a orde de retirada. Xustifícaa sinalando que "as canles de comunicación oficiais dos centros están acoutadas a un uso estritamente de carácter educativo e informativo" e "a publicación do IES de Melide na súa conta de Instagram non obedece a eses parámetros". Por iso, ratifican, "a Inspección Educativa advertiu o centro de que non estaba facendo un bo uso das súas contas oficiais".
Sostén o departamento que dirixe Román Rodríguez que non está a "cuestionar as opinións que, desde a liberdadede expresión, calquera persoa pode expoñer no seu ámbito persoal a través de canles particulares e privadas". CIG-Ensino, pola súa banda, anima o persoal docente "deste centro e de todos os centros a continuar visibilizando os efectos que teñen os recortes de persoal na calidade do sistema educativo".