A instrución sobre a "neutralidade ideolóxica" nas aulas xa está no Diario Oficial de Galicia. A directriz bosquexada a principios de mes polo conselleiro de Educación ante a Xunta Autonómica de Directores e Directoras concrétase nunha resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa na que, canda ás habituais indicacións para a organización do curso vindeiro, chegan estoutras ordes nas que relevantes sectores da comunidade educativa observan un afán de control político por parte do Goberno do PP.
Educación publica as instrucións do curso 25-26, que incrementan o control das actividades complementarias aludindo ao artigo da lei de 1985 que se basea no precepto da Constitución sobre as cuestións relixiosas e morais no ensino
O departamento que dirixe Román Rodríguez introduce un punto específico dedicado a "actividades desenvolvas e colaboracións externas", as cales o propio conselleiro identificou en días pasados con accións como "visitas didácticas ou charlas". Nel indica que "a actividade se desenvolverá con suxeición aos principios constitucionais, garantindo a neutralidade ideolóxica" á que se refire a lei educativa de 1985, que sinala ese concepto remitíndose ao punto do artigo da Constitución sobre o dereito á educación, que trata a formación relixiosa e moral.
"O profesorado -di a orde da Xunta- transmitirá os valores constitucionais, informará obxectivamente e de maneira imparcial sobre o pluralismo social e promoverá o pensamento crítico e o respecto ás liberdades individuais". Con ese precepto de base, indica que as "todas as actividades complementarias" deben "figurar na programación xeral anual" de cada colexio ou instituto e só "de xeito moi excepcional" poderán organizarse outras non previstas nese documento que proxecta o labor do centro para todo o período académico.
A Consellería impón incluír "todas" as actividades como charlas ou visitas na programación anual dos centros, que só "de xeito moi excepcional" poderán engadir outras coa condición de "dar conta ao consello escolar e á inspección educativa"
Por esa vía de excepción e "baixo premisas de motivación e coherencia co currículo", indica o Goberno galego, "poderán realizarse actividades complementarias sobrevindas sempre e cando sexan aprobadas polo equipo directivo" do centro. Mais tamén coa condición de que se "dea conta delas ao consello escolar e á Inspección educativa". Ningunha destas condicións figuraba nas instrucións de anos previos.
Adicionalmente, Educación sinala que "os centros poderán colaborar con diversas entidades, tanto públicas como privadas, sempre que as ditas colaboracións respecten os principios educativos, éticos e legais establecidos". "As colaboracións -conclúe- deben ser transparentes, obxectivas e orientadas ao beneficio educativo do alumnado e vencelladas ao desenvolvemento curricular".

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asegura que a intención estas instrucións non é outra que "incidir na convivencia escolar" e "garante do bo clima nas aulas". Por iso tamén, agrega, fan "fincapé na condición de autoridade pública do profesorado".
CIG-Ensino ve un "intento de control e censura ideolóxica" nunhas instrucións contra as que xa se pronunciaron tamén asociacións de pais e nais ou colectivos educativos como Nova Escola Galega
Mentres a CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o persoal docente das aulas públicas, observa nestas liñas un "intento de control e censura ideolóxica nas actividades complementarias". O rexeitamento a estas instrucións inclúese no chamamento do sindicato a unha mobilización para o vindeiro día 25 ante a Consellería.
As novas instrucións recibiron tamén abondosas críticas de Anpas Galegas ou do colectivo pedagóxico Nova Escola Galega, que resalta que ante múltiplas cuestións "non é posible nin responsable ser neutral". Dende esta semana, ademais, un manifesto lanzado dende o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) chama a rexeitar as novas instrucións na defensa da "liberdade de ensino". Son rexeitadas, asemade, polos grupos da actual oposición parlamentaria.