Hai agora vinte anos, a finais de novembro de 2002, o Prestige xa afundira e a marea negra estendíase pola costa galega. Ao tempo, xermolaba un movemento de mobilización fronte á xestión da catástrofe polos gobernos da época, co PP de José María Aznar no Estado e con Manuel Fraga na Xunta, que desembocaría no nacemento da Plataforma Nunca Máis, cunha primeira, masiva e histórica manifestación en Santiago o 1 de decembro daquel ano.
A mobilización de Nunca Máis non quedou, nin de lonxe, naquela manifestación. A propia plataforma seguiu medrando e, ao tempo, impulsando, apoiando ou traballando conxuntamente con iniciativas sectoriais como a Burla Negra, integrada por profesionais do ámbito da cultura, o colectivo de sanitarios de Nunca Máis ou o colectivo de docentes Area Negra no eido do ensino.
Foron as aulas, precisamente, un dos espazos nos que a protesta seguiu medrando nos meses seguintes. Máis aínda cando, a principios de 2003, o berro de Nunca Máis ao fío da catástrofe do Prestige se entrelazou co Non á guerra en rexeitamento á participación española invasión de Iraq. Foi nese punto cando o Goberno de Fraga tentou censurar unhas protestas que o acabaron desbordando.
O Goberno de Fraga tentara frear as mobilizacións nos centros de ensino contra a xestión da catástrofe do Prestige e a guerra de Iraq cunha circular que instaba as direccións de colexios e institutos a retirar a cartelaría "ilegal". O veto fora respondido con máis mobilizacións de sindicatos, organizacións estudantís e ANPAs
O 12 de marzo de 2003 a Xunta remitiu a todos os centros de ensino unha circular de media ducia de páxinas. Titulábase Instrucións sobre publicidade e propaganda nos centros educativos e outras cuestións formuladas en relación co seu funcionamento e réxime xurídico. A súa intención, afirmaban, era actuar "ante a proliferación da existencia de publicidade e propaganda nos taboleiros de anuncios" dos centros, un asunto sobre o que, aseguraban, viñan recibindo "reiteradas reclamacións e preguntas".
Entre unha mestura de argumentos técnicos e políticos, a Xunta daba unha orde ás direccións dos colexios e institutos do país. Debían proceder a eliminar carteis "propagandísticos, publicitarios ou referidos a declaracións ou manifestacións de coñecemento, xuízo ou vontade sobre cuestións alleas" ao ensino por seren "claramente ilegais". Tamén os instaban a impedir que "un centro docente recabe, recolla ou emita, por calquera medio" como "votacións, referendums ou similar", "declaracións ou manifestacións" sobre esas "cuestións alleas", por ser igualmente "ilegal". Naqueles días, Area Negra planeaba un referendo simbólico contra a guerra.
O manifesto 'Censura Nunca Máis' animara a manter as protestas con accións como empapelados simbólicos dos centros
Pero a reacción á prohibición, lanzada en véspera das eleccións muncipais daquel 2003 non foi de simple acatamento en moitos lugares. Ben ao contrario. Unha vintena de organizacións, entre eles todos os principais sindicatos e organizacións estudantís xunto a asociacións de pai de estudantes, lanzaran o manifesto Censura nunca máis esixindo a retirada da circular e animando os centros a "continuar expresando a súa opinión" sobre a guerra e o Prestige. Ademais, organizáranse xornadas reivindicativas nas que profesorado e alumnado portaran material gráfico e camisolas de ambas mobilizacións e en varias localidades colexios e institutos foran simbolicamente "empapelado " con carteis e pancartas contra a guerra de Iraq, bandeiras da plataforma Nunca Máis e, a maiores, lendas a prol da liberdade de expresión
A Xunta dera en admitir que a circular non fora remitida "no mellor momento", pero tamén aprobara unha declaración institucional defendendo que "nunca coartamos a liberdade de expresión" e ligando as protestas coa violencia
Neste escenario, o daquela conselleiro de Educación, Celso Currás, dera en admitir que a circular non fora remitida "no mellor momento" e que accións contra a guerra "tamén son educativas", recollera El País. Non obstante, a Xunta de Fraga non recuara. Dúas semanas despois do envío da circular, o Consello da Xunta aprobara unha declaración institucional para xustificar a prohibición e afirmar, ao tempo, que "nunca coartamos a liberdade de expresión". Limitáranse, afirmaba o Executivo, a exercer a "responsabilidade" fronte a "faltas de respecto a institucións lexitimamente constituídas" e evitar "actuacións violentas de certos grupos que son consecuencia da estratexia de crispación permanente que algúns levan a cabo".
Case dúas décadas despois, no pasado 2020, a Consellería de Sanidade do Goberno do PP daquela presidido por Alberto Núñez Feijóo tentou reproducir unha prohibicións semellante, pero no seu ámbito de competencias. En semanas marcadas por mobilizacións como as desencadeadas polo peche da sala de partos do hospital de Verín -despois reaberta-, a Xunta remitira unha circular que, como adiantou Praza.gal, apelaba á "neutralidade das institucións" e á necesidade de "regular" a colocación de cartelaría para que deixase de ser "indiscriminada" e non favorecese a "determinadas formacións políticas ou ideolóxicas". Tampouco logrou plenamente os seus obxectivos.