Logo de dous meses de importantes mobilizacións cidadás e de profesionais sanitarios en Verín, tras a supresión no hospital comarcal do paridoiro e das urxencias pediátricas que a Xunta recupera en febreiro, e no medio dun conflito sanitario que acumula protestas desde hai anos, o Sergas semella querer tomar medidas. Polo menos no que ten que ver coas pancartas e os carteis nos centros sanitarios.
O Sergas envía unha circular sobre a cartelería nos centros tras "detectar prácticas que non se axustan ás condicións de limpeza ou resultan inxuriosas ou ofensivas"
A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e a Xerencia do Sergas enviou esta semana aos centros do sistema público sanitario de Galicia unhas instrucións sobre o "uso axeitado dos espazos públicos e dos taboleiros de anuncios" nas que advirte das limitacións da cartelería logo de ir "detectando determinadas prácticas" que "ou ben non se axustan ás debidas condicións de limpeza e coidado das instalacións, ou ben poden resultar inxuriosas ou ofensivas para determinadas persoas, colectivos ou institucións".
Sanidade decide "regular" a colocación de carteis porque "as críticas ás políticas sanitarias ou convocatorias de protesta" van contra "o principio de neutralidade"
A circular, publicada na web do Sergas o 24 de xaneiro e remitida aos centros dende a Xerencia o luns 27, di que "cómpre regular" neste ámbito e advirte de que os centros públicos "pertencen a todos os cidadáns", polo que "a presenza de determinados símbolos, críticas ás diferentes políticas sanitarias ou convocatorias a actos e concentracións de protesta irían en contra do principio de neutralidade das institucións, propio dunha sociedade pluralista".
O Sergas advirte no documento, ao que tivo acceso Praza.gal, de que a presenza destas críticas ou convocatorias "sería incompatible coa presenza en espazos como corredores, ascensores, paredes ou portas de edificios ou centros públicos de carteis favorecendo a determinadas formacións políticas ou ideolóxicas, o que non se axustaría ao principio de neutralidade que todo poder público debe respectar".
Co peche de cidadanía mobilizada contra o peche do paridoiro en Verín aínda activo no hospital, coas protestas habituais de colectivos como o da enfermaría precaria ou as reivindicacións de persoal que denuncia o "colapso" en diferentes servizos de Urxencias, o Sergas advirte do veto a carteis a favor de "determinadas formacións políticas ou ideolóxicas", con críticas á súa política sanitaria ou de convocatorias. Así, lembra que a Lei do Estatuto Básico do Empregado Público recolle que estes traballadores deberán actuar "de acordo ao principio de neutralidade".
O Sergas veta "carteis favorecendo determinadas formacións políticas ou ideolóxicas" e quere rematar coa "colocación indiscriminada" de anuncios
"O dereito á liberdade ideolóxica e á liberdade de expresión non son ilimitados, polo que non é posible permitir en centros públicos a exposición de carteis, notas ou comunicados cuxo texto ou imaxe atente ou vulnere outros dereitos e, en xeral, aqueles que puidesen resultar inxuriosos ou ofensivos para persoas, colectivos ou institucións".
É ante esta sitaución ante a que o Sergas di que "cómpre regular a colocación de carteis, notas ou comunicados nos centros sanitarios" para "permitir unha difusión axeitada da información, poñendo fin á súa colocación indiscriminada e velando polo coidado das instalacións, que deben ser respectadas polo conxunto de empregados e usuarios".
Así, o Sergas dá unha serie de instrucións nas que indica que hai xa "taboleiros oficiais de anuncios ou espazos habilitados para estes usos", polo que "non se permitirá a colocacion de carteis, notas, imaxes ou comunicados nas paredes, ascensores, portas ou demais espazos publicos". Advirte, ademais, de que os despachos onde o persoal desenvolve o seu traballo son tamén espazo público, "independentemente de que poidan acceder pacientes ou persoas alleas ao centro".
Respecto dos espazos habilitados, poderanse colocar anuncios "que se consideren necesarios pola súa transcendencia ou requisitos legais" e será a dirección de cada centro quen xestione a "colocación, ordenación, actualización e retirada do que se anuncie", ademais de decidir quitar os carteis que "polo contido" ou por non estar colocados en lugares permitidos deban desaparecer.
“Non se permtirá, en ningún caso", di, a exposición de carteis con "contidos racistas, xenófobos ou que promovan a discriminación", así como "mensaxes violentas, degradantes ou vexatorias", nin "difamatorias, falsas ou obscenas" e que "atenten contra as persoas, profesionais, institucións públicas ou privadas ou calquera outro ente".
Os criterios da dirección, ademais, deberán "basearse no propósito informativo ou social" dos anuncios e en qeu a información sexa sempre "de interese público". “Os carteis publicitarios ou promocionais deberán estar relacionados co ámbito sanitario, contendo precaucións, indicacións, cursos formativos, campañas de vacinacións, hábitos de hixiene, de seguridade ou similares”, engade.
A circular refírese tamén a que os sindicatos máis representantivos e con representación no comité ou xunta de persoal teñen á súa disposición un taboleiro para difundir avisos, polo que a responsabilidade da súa xestión "recaerá" sobre eles.
A circular informa de que "calquera usuario ou traballador" pode advertir á dirección dun centro dun cartel que considere inapropiado polo seu contido
Por último, o texto advirte de que poderán esixirse responsabilidades ao autor ou autores dos carteis ou quen os colgue se estes inclúen "textos ou imaxes que vulneren dereitos ou liberdades" ou "atenten contra as persoas, profesionais, institucións púbicas ou outros entes públicos ou privados".
Ademais, a circular --asinada por Alberto Fuentes Losada secretario xeral técnico da Consellería, e Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas-- avisa de que "calquera usuario ou traballador que considere que algún cartel está colocado nun lugar inapropiado ou que polo seu contido non debería ser exposto, poderá dar traslado á dirección do centro que, tras valorar a súa localización e contido, poderá ordenar a súa retirada inmediata".
Sergas: "Non ten nada que ver con ningún centro en particular"
Preguntado o Sergas por esta medida, destaca que "non ten nada que ver con ningún caso nin ningún centro en particular" e lembra que "a Administración Pública e as institucións que dela dependen deben perseguir a satisfacción dos intereses xerais dos cidadáns, fundamentándose nos principios de neutralidade política, obxectividade e imparcialidade, non puidendo primar na súa actuación a determinadas formacións políticas ou ideolóxicas fronte a outras".
Ademais, asegura que esta "colocación de carteis, anuncios e publicidade en lugares ou con contidos que podan vulnerar determinados dereitos ou libertades vense detectando dende hai tempo de xeito similar en diversos centros". Con todo, di que non notou máis contido inapropiado nos últimos meses, pero si "que a cartelería aparecía colocada en lugares inapropiados, como paredes, ascensores, salas de espera ou despachos, de xeito totalmente aleatorio, cuns carteis superpostos sobre outros, algúns deles rotos, dando unha imaxe de suciedade e desorde". "E con contidos --engade-- que nada tiñan que ver co interese público nin relacionados co ámbito sanitario, algún deles inxuriosos ou ofensivos para determinadas persoas, colectivos ou institucións", remata.
Non é a primeira vez que o Sergas toma unha medida polémica respecto da cartelería ou anuncios nos seus centros. A xerencia do Hospital Clínico de Santiago, e logo de semanas de folga e mobilizacións polo "colapso" de Urxencias, decidira prohibir as gravacións e requisar as pancartas.
As reaccións á polémica medida daXunta non tardaron en chegar. O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, que mobiliza milleiros de traballadoras contra a precariedade na sanidade pública, considera que a circular "só pretende reducir a liberdade de expresión dos seus traballadores, así como silenciar as críticas que se están a producir sistematicamente por todos e cada un dos grupos que forman o Sergas".
Eventuais en Loita acusa a Xunta de "reducir a liberdade de expresión e silenciar as críticas" e advirte que a nova regulación só "amplicará máis as demandas"
Nun comunicado, Eventuais en Loita asegura que "a censura non é neutralidade" e subliña que o seu colectivo "non atentou en ningún momento contra persoas, profesionais ou institución pública", senón que fixo "chamadas para alzar a voz e esixir cambios". "Foi a Administración quen atacou deliberadamente unha compañeira nun programa de televisión, filtrando datos falsos para desprestixiala", lembran.
O colectivo censura "o uso do aparello publicitario da Xunta para uso partidista e electoralista" e advirte de que as regulacións publicadas polo Sergas "non alcanzarán o seu obxectivo". "Amplificarán aínda máis as demandas de pacientes e profesionais; silencialas son as que provocan a fractura do 'principio de neutralidade', xusto algo do que alardean dende a Consellería de Sanidade", asegura.
A Asemblea de Áreas Sanitarias da Coruña emitiu tamén un comunicado no que considera a medida "unha censura" e entende que "o motivo desta instrución é o feito de encontrarnos en ano electoral e que a Consellería quere silenciar calquera crítica posible á súa política sanitaria".