Feijóo engadiu un novo argumento á longa lista que Xunta e Sergas acumulan para xustificar o peche do paridoiro do hospital de Verín, que reabrirá a vindeira semana, segundo anunciou o presidente na sesión de control do Parlamento. O xefe do Executivo galego implica agora tamén o goberno de coalición entre PSdeG e BNG de hai máis dunha década.
Feijóo sinalou o goberno de coalición de PSdeG e BNG de hai máis dunha década: "No ano 2006 os pediatras que había marcharon co bipartito e vostedes calaron"
"No ano 2006 os pediatras que había marcharon co bipartito e durante todo este tempo vostedes calaron", espetou Feijóo á oposición. Engadía así un ingrediente máis a todas as versións da Xunta sobre o peche, tras advertir primeiro da baixa natalidade que provocaba a perda de pericia dos profesionais, continuar pola suposta opinión favorable "de todas as sociedades científicas", tirar logo dunha guía para o Ministerio de Sanidade que recomendaría non ter paridoiro con menos de 600 partos anuais e rematar por fin xustificando a fin do servizo pola falta de especialistas pediátricos.
Agora Feijóo sinala o bipartito ao lembrar que o último pediatra que traballou en Verín marchou hai 13 anos, tempo durante o que nunca se recuperou, e tamén o Goberno central pola falta de especialistas. "Dixo a todo que non", asegurou o presidente da Xunta tras recordar que pediu a Madrid a creación dun rexistro de profesionais sanitarios, un MIR extraordinario ou a eliminación da taxa de reposición.
Niso incidiu máis tarde o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que confirmou a reapertura o vindeiro luns 3 e que lembrou que o hospital carece de pediatra desde 2006, "na éjpoca do bipartito". Xa en nota de prensa, o Sergas destacou que "por primeira vez dende 2006 haberá servizo de pediatría no hospital de Verín".
Fontes do hospital de Verín advirten de que o último pediatra que traballou alí, e que non se trasladaba de Ourense, non tiña en realidade praza fixa senón que "cubría as gardas e as urxencias" ata que abandonou o posto para continuar coa súa consulta nun centro de saúde, onde aínda traballa.
"Por fin temos pediatras en Verín e por fin a próxima semana volveremos abrir o paridoiro de Verín", anunciou logo Feijóo sobre unha marcha atrás que será ratificada xusto dous meses despois do peche. Advirte de que agora si "as nais poderán volver dar a luz con todas as garantías sanitarias".
"As nais poderán volver dar a luz con todas as garantías sanitarias", dixo Feijóo, logo de que Verín acollese catro partos tras a supresión do paridoiro
En resposta a preguntas do PSdeG e Grupo Común da Esquerda, o presidente da Xunta advertiu da "enorme responsabilidade" que supón "parir nun paridoiro sen pediatra no hospital". Foron catro as mulleres que pariron desde o peche deste servizo en Verín, unha delas unha concelleira do PP na Gudiña que se negou a ser trasladada a Ourense como indicaba o protocolo do Sergas.
Feijóo insistiu ademais que a decisión do peche foi "técnica" e que estivo avalada pola sinatura e a petición chegada de todos os xinecólogos, obstetras e pediatras do CHUO de Ourense, que advertiran da imposibilidade de cubrir as gardas na capital provincial, O Barco e Verín e que terían solicitado a supresión do paridoiro verinense. Nada dixo das condenas xudiciais que mudaron o sistema de gardas do Sergas e obrigaron á rotación de todos os profesionais e a un maior gasto, nin ao feito de que o calendario de gardas para Valdeorras estivese previsto xa ata o mes de marzo.
Gonzalo Caballero e Antón Sánchez sinalaron a rectificación da Xunta e aludiron ao "consentimento reforzado" esixido polo Sergas: "Quere meter medo ás mulleres"
Por outra banda, Feijóo asegurou que a medida do peche foi totalmente contraria ao "populismo" e "electoralismo" do que o culpa a oposición. "Sabiamos que íamos ter dificultades para explicar esta decisión, por suposto, pero iso non nos botou atrás", dixo, porque "primeiro está a vida das nais e dos nenos e despois están as reaccións e os desgastes do Goberno".
"A palabra de moda no seu vocabulario é recuar e, como con este goberno imos de cu, cando vostedes recúan, avanza a sanidade pública", comezara a súa intervención Antón Sánchez, do Grupo Común da Esquerda, que coincidiu en boa parte dos seus argumentos co líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.
Ambos os dirixentes sinalaron a rectificación da Xunta, pero tamén aludiron ao anuncio realizado polo presidente de que haberá "un consentimento reforzado" e, ademais de esixir que se reabra o servizo "nas mesmas condicións" que calquera outro, suxeriron que Feijóo pretende "meter medo ás mulleres".
"Déixese de esperpentos. A xente está farta dos seus recortes e da manipulación informativa que leva facendo desde que chegou ao Goberno. É un triste censor franquista en San Caetano", asegurou Sánchez.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero tamén incidiu nas "rectificacións" da Xunta, co exemplo do hospital de Verín, da hemodinámica 24 horas en Ourense e da mina de Touro. Segundo dixo, os cambios de postura de Feijóo no caso do paridoiro evidencian que "perdeu a súa credibilidade" e a rectificación débese a que "unha nova maioría no país púxoo contra as cordas".
"O paridoiro foi seguro e hai mecanismos para que sexa seguro. O que non é seguro é que vostede siga sendo presidente da Xunta. Quérelles seguir metendo medo ás mulleres de Verín, pero hai unha maioría galega que potenciará a sanidade pública cando haxa un cambio de Goberno", rematou Caballero.
Xa á tarde, a deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, advertiulle ao conselleiro de Sanidade que "o consentimento informado e reforzado que din que van esixir en Verín é unha versión do PIN parental". Na súa resposta, Vázquez Almuiña retrucou destacando a importancia de que, logo de dous meses co paridoiro pechado, "os pacientes conten coa maior información posible".