Condenas ao Sergas pola precariedade na pediatría ourensá precipitaron o peche do paridoiro de Verín

O conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, xunto a outros cargos políticos e do Sergas, no hospital de Verín © Xunta

Varias sentenzas xudiciais que condenaron a Xunta polas condicións de precariedade e discriminación de persoal de pediatría na área de Ourense acabaron propiciando o peche da sala de partos no Hospital Público de Verín. A polémica decisión do Sergas agocha por tras numerosas motivacións que a explican e das que profesionais implicados levan tempo advertindo. A baixa natalidade, a suposta "falta de pericia" dos traballadores, a necesidade de "garantir" a seguridade de nais e pequenos e, por último, a falta de pediatras foron as causas ás que Sanidade atribuíu a supresión do paridoiro. No entanto, tal e como advirten varias fontes sanitarias, foron os reproches e instrucións dos tribunais os que acabaron acelerando a orde. 

A Xustiza desmontou con ata seis sentenzas o sistema de gardas do Sergas na área de Ourense, que discriminaba o persoal interino

Nos últimos meses, un xulgado de primeira instancia de Ourense condenou ata en seis ocasións a Xunta por obrigar os pediatras desa cidade con contrato temporal ou interino a cubrir gardas no hospital do Barco de Valdeorras baixo a modalidade de “localizadas”, de menor custo que as “presenciais” ao non esixiren permanecer no centro sanitario durante toda a súa duración senón só presentarse nel nun prazo máximo de 20 minutos desde que son avisados. Iso é imposible desde Ourense, a máis de 100 quilómetros do Barco, e así o constataron as sentenzas, que obrigaron o Goberno galego a considerar esas gardas como “presenciais” e reorganizar o sistema empregado. 

Hospital de Valdeorras e fragmento dunha das sentenzas contra a Xunta CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta recorreu os ditames e insistiu na súa potestade de considerar as gardas “localizadas”. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) insistiu en deixarlle claro que "é imposible” ir de Ourense ao Barco en 20 minutos e en ratificar integramente as sentenzas de primeira instancia. Nelas, o xuíz desmonta o sistema de gardas e condena a Administración a abonar aos médicos denunciantes as diferenzas de salario que esa discriminación e "obrigación de maneira forzosa" lles supuxo nos ultimos anos e a establecer un novo sistema que trate por igual uns e outros profesionais. 

O xulgado obrigou o Sergas a mudar o sistema de gardas que "obrigaba de maneira forzosa" a desprazarse ao persoal temporal pero non ao fixo

Como inflúen estas sentenzas contra a Xunta no peche do paridoiro en Verín? O traslado da xurisprudencia do caso do Barco, pertencente á mesma área sanitaria, ao do hospital verinense obriga o Sergas a mudar un sistema consolidado de gardas e organización laboral que a Xustiza non considera legal. O aumento do custos, a rotación dos profesionais e as conseguintes ausencias de especialistas fixeron a xerencia da área sanitaria tomar unha decisión apurada e contundente. Ante o "colapso do servizo", tal e como relatan varios profesionais implicados, pechouse o paridoiro e o servizo de urxencias pediátricas malia que as mesmas fontes aseguran que a atención estaba xa planificada e cuberta ata o mes de maio de 2020. 

"Foi un deses pediatras que viñan de Ourense a mala gana o que nos advertiu de que as gardas e a atención a pediatría estaban cubertas ata maio", explica unha fonte do persoal do hospital de Verín. Días despois, "o servizo acabou por rebentar" e a xerencia tomou a decisión drástica de suprimir a atención aos partos. 

A aplicación da xurisprudencia sobre O Barco a Verín obrigou a que o Sergas aumentase os custos e a unha reorganización que aumentou as listas de espera

Por que? As mesmas fontes explican que todo se deriva das sentenzas condenatorias. Ata daquela, "só o persoal interino ou contratado en precario era enviado a facer as gardas" ao Barco ou a Verín desde Ourense. De entre os máis de 20 profesionais do servizo no CHUO, tan só "uns poucos" se desprazaban para unha garda que lles era considerada como localizada e non presencial, como ao persoal con praza. A diferenza, entre unha e outra modalidade, é de ata 180 euros por xornada, habendo moitos casos de médicos que durmían no centro hospitalario. 

Os ditames xudiciais, aínda que non sempre nin de maneira regulada, fixeron tamén que persoal fixo e temporal tivese que rotar para as gardas no Barco e Verín. Aumentáronse lixeiramente os custos para o Sergas, pero tamén provocou que moitas máis consultas quedasen baleiras e sen cubrir durante varias xornadas, xa que esas gardas implican que o profesional perda un día de traballo fóra e outra máis pola libranza que lle corresponde. As listas de espera dunha consulta pediátrica multiplicáronse por cinco. 

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, xunto ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña CC-BY-SA Xunta

"O problema é de xestión de recursos; se en Ourense hai máis de vinte pediatras e en Verín non hai ningún, haberá que facer algo. Se no CHUO non dan feito, pois haberá que contratar máis persoal", advirte outra das fontes médicas implicadas no conflito. 

A diferenza da garda localizada realizada polo persoal interino e a presencial que le correspondería ao fixo é de ata 180 euros menos por xornada

Malia todo, tampouco as sentenzas lograron que a rotación de profesionais para as gardas fose completa. "É difícil negarse se es dos novos e tes un contrato de tres meses con opción de que cho renoven se o fas ben", explica un dos doutores, que pide reparar tamén no feito de que os 44 asinantes dun documento que avalaba o peche do paridoiro son traballadores a quen afecta o sistema laboral e de gardas. 

Ante esta situación, e malia que nun principio daba por definitivo o peche, a Xunta volveu convocar dúas prazas de pediatría para o hospital de Verín, as mesmas que quedaron desertas hai medio ano, e Feijóo asegura que serán cubertas "en 24 horas" de apareceren profesionais. Desde a oposición e desde o persoal médico insisten en que nada se muda "mentres sexan prazas interinas, temporais, precarias e con toda a incerteza". 

"O que debe facer o Sergas é ofrecer un contrato estable, ben remunerado e con incentivos, ben sexan económicos por establecerse nunha zona rural e máis illada, ou con puntuación que favoreza o persoal á hora de solicitar un traslado ou para a súa carreira", advirten profesionais da área sanitaria de Ourense. 

Ademais, e tal e como denunciou a CIG, a toda esta problemática engádeselle o atraso na publicación das listas de contratación de persoal facultativo de hospital, tras ser difundida a resolución do inicio do proceso hai oito meses. "Se as prazas de pediatría de Verín non se cobren é porque o Sergas acumula meses de atraso na publicación das listas", denuncia o sindicato, que advirte que se estivesen xa listas e se coñecese canto persoal pediárico hai, poderíase proceder "á súa inmediata contratación para cubrir os ocos vacantes nos centros máis deficitarios ou de difícil cobertura". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.