O pulso político existe, pero non sae de Ourense. O pleno da Deputación ourensá aprobou este venres por unanimidade a moción formulada polo PP da man do seu socio de goberno, Democracia Ourensana, e mais de Ciudadanos, para reclamar a reapertura da sala de partos do hospital de Verín. Fíxoo mentres a Xunta segue a lanzar versións dispares sobre a causa do peche mesturadas con eventuais posibilidades de volver abrilo. Pero tamén dous días despois de que todo o grupo do PP no Parlamento, incluídos todos os seus membros electos por Ourense, votasen contra outra moción, formulada por Común da Esquerda, que reclamaba seguir atendendo partos no hospital verinés, ao xeito do que aconteceu nos últimos vinte e cinco anos.
O texto, aprobado por unanimidade, pide "manter e mellorar os servizos" do hospital de Verín, "nomeadamente o servizo do paridoiro"
Nunha sesión marcada pola tensión entre os grupos -os populares incluíron no texto unha reprobación ao voceiro provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino-, pero máis aínda pola protesta contra o peche do paridoiro ás portas do pazo provincial ourensán e no propio salón de plenos -impulsada por colectivos como a Marcha Mundial das Mulleres, ademais de veciñanza afectada-, o pleno ourensán fixo oficial o desmarque simbólico dos de José Manuel Baltar. O texto insta, concretamente, a "pedir á Consellería de Sanidade que manteña e mellore os servizos que se viñan prestando no Hospital Comarcal de Verín para garantir a calidade asistencial da veciñanza da zona, nomeadamente do servizo do paridoiro".
Como adoita acontecer neste tipo de mocións sobre competencias alleas á institución local, o texto aprobado inclúe tamén a petición de trasladar o acordo aos gobernos atinxidos. Neste caso, "dar traslado dos acordos á Presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade, á dirección do Sergas" e, ademais, á Xerencia da área sanitaria ourensá e ao persoal e demais entidades afectadas en Verín.
Villarino (PSdeG): "Non vale de nada que aquí digan unha cousa e na Xunta, non fagan nada"
Tanto para o PSdeG como para o BNG o peche da sala de partos verinesa ten unha orixe "política", na Xunta, e ambas formacións reprocharon o duplo discurso dos conservadores. "Non vale de nada que aquí, na Deputación, digan unha cousa pero despois, na Xunta, non fagan nada", subliñou Villarino, quen atribúe a postura dos de Baltar a que "lle viron as orellas ao lobo ao ver a gran reacción da cidadanía e a un pobo que se alza e é imparable". En coherencia, advertiu o socialista, o xefe de filas do PP de Ourense debera "chamar á orde aos seus deputados e deputadas no Parlamento de Galicia para que voten a prol do paridoiro".
Esa votación xa se produciu esta semana semana e foi, ademais, secreta por petición dos grupos da oposición. O texto a debate, no caso do Parlamento, era proposto por Común da Esquerda e pedía, entre outros aspectos, "manter no hospital comarcal de Verín o paridoiro e as urxencias pediátricas, así como o resto de servizos do hospital" e facelo ademais en "condicións laborais dignas" para o persoal.
O deputados ourensáns do PP votaron "non" no Parlamento contra outra moción que pedía "manter no hospital comarcal de Verín o paridoiro e as urxencias pediátricas"
Neste caso, o PP formulou unha emenda que evitaba a referencia a volver abrir xa o paridoiro. No seu lugar, propuña aprobar "que as decisións organizativas que se adopten respecto á prestación dos servizos sanitarios teñan como prioridade a prestación dende a proximidade, garantindo a seguridade e a máis alta calidade posible" con "criterios profesionais". No caso de Verín, indicaba que "se recupere a actividade do paridoiro cando, de acordo cos principios sinalados", se "garantan as condicións de seguridade". A emenda non foi aceptada e o PP votou "non" en bloque ao texto dos comúns, que si recibiu os votos afirmativos de PSdeG e BNG.