O PP de Ourense desmárcase de Feijóo e pide manter a atención aos partos no hospital de Verín

Feijóo, nunha xuntanza con Baltar en San Caetano en 2017 CC-BY-SA Xunta

Medra o incendio sanitario ourensán para a Xunta. Poucas horas despois de que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, acudise a Ourense para referendar ante persoal do hospital de Verín o peche da sala de partos deste centro sanitario, acendendo aínda máis os ánimos ao comparar a atención aos nacementos co tratamento doutras doenzas -"un parto non é un infarto", sentenciou-, o PP da provincia desmárcase abertamente da postura do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Faino da man do seu socio de goberno, Democracia Ourensana, e tamén con Ciudadanos, para reclamar formalmente da Xunta que os partos sigan sendo atendidos en Verín.

Alén de manteren o seu conflito co PSdeG, a moción presentada polo PP xunto a DO e C's supón un desmarque formal da postura da Xunta, reiterada este mesmo luns en Ourense polo conselleiro Almuíña

Nos últimos días a cuestión do hospital de Verín tensou as relacións na Deputación ourensá dos socios do bipartito (PP-DO) e Ciudadanos -grupo liderado na institución pola ex-voceira do goberno de Baltar- co PSdeG. A razón é que no último pleno, aproveitando que se ía discutir unha moción na defensa dos hospitais comarcais da provincia, o PSdeG introduciu "unha emenda de engádega in voce" -de palabra, no propio pleno- para reclamar tamén o mantemento do paridoiro en Verín. Os grupos da dereita votaron en contra e o líder socialista ourensán, Rafael Rodríguez Villarino, acusounos de manteren un "vergoñento desleixo" cara á veciñanza afectada.

Tras este episodio, PP, DO e C's emitiron un comunicado conxunto acusando o socialista de "mentir" e anunciando que promoverían a súa reprobación formal -declaración política sen efecto práctico ningún- no vindeiro pleno da Deputación. Este martes, día 3, os tres grupos rexistraron a moción para esa reprobación. Pero o mesmo texto trae consigo un aberto desmarque dos de Baltar con relación á postura do Goberno de Feijóo.

Moción na que PP, DO e C's reclaman o mantemento da atención aos partos en Verín © PP Ourense

Segundo a moción rexistrada, "unha axeitada asistencia sanitaria" é un "servizo esencial" que "debe ser defendido para que a veciñanza do rural ourensán teña garantida a mesma atención que os habitantes da capital". Por iso, mantén, "con independencia de criterios técnicos e científicos defendidos por profesionais da sanidade", o "anunciado peche do paritorio do hospital comarcal de Verín non contribúe a garantir a igualdade de oportunidades" nas comarcas atinxidas. 

A moción pide á Consellería que "manteña e mellore" os servizos do hospital de Verín cunha referencia explícita á sala de partos

Neste contexto, alén de cargar contra o socialista, a quen acusan de "manipular" o acontecido nas votacións do anterior pleno, os de Baltar avalan coa súa sinatura "pedir á Consellería de Sanidade que dote, manteña e mellore os servizos que se viñan prestando no hospital comarcal de Verín para garantir a calidade asistencial da veciñanza no oriente ourensán, nomeadamente do servizo de paritorio". Mentres, o conselleiro Almuíña só se compromete a seguir "explicando" unha decisión que presenta como irrevogable e só se abriría a "reavaliar" nun futuro, no caso de que aumente o número de nacementos na zona. 

O movemento do PP de Ourense xunto aos seus socios de goberno e mais C's debilita a posición política da cúpula do PPdeG neste conflito sanitario. Faino despois de que, segundo fontes das mobilizacións contra o peche consultadas por Praza.gal, cargos locais do PP ourensán alentasen a participación na multitudinaria manifestación que, a pasada fin de semana, esixiu manter aberta a sala de partos no hospital verinés.

O PSdeG subliña que no pleno da pasada semana os grupos da dereita votaron en contra da súa emenda para rexeitar o peche do paridoiro en Verín

A respecto das acusacións contra o PSdeG, os socialistas de Ourense cren que as tres formacións asinantes "agora menten, inventando fantasías para tentar crear unha cortina de fume" porque o certo é que "durante a sesión e tras o debate da moción e das emendas", incluída a presentada in voce para "reclamar reabrir" a sala de partos de Verín "e defender os hospitais comarcais, optaron polo voto contrario. Para apoiaren a súa afirmación, achegan un vídeo da propia sesión, que os conservadores cualifican de "manipulación".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.