O financiamento dos concellos por parte das deputacións provinciais estivo nas últimas décadas no centro da polémica. Poñíase en dúbida a xusta asignación de fondos para unha e outra localidade, o seu carácter discrecional e a posibilidade de que os gobernos municipais dunha ou doutra cor política fosen máis beneficiados.
A pasada semana PSdeG-PSOE e BNG levaron ao pleno da Deputación unha proposta para aplicar un sistema de reparto semellante ao que funciona nas outras tres provincias galegas
Nos últimos anos as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra puxeron en marcha mecanismos para conseguir que o reparto de fondose se realizase en base a criterios obxectivos, como poboación, superficie, envellecemento ou dispersión dos seus núcleos de poboación. Nalgún caso, este plan único aprobouse por unanimidade de todos os grupos, como en Lugo, mentres que noutro contou coa oposición do PP, como na Coruña.
A pasada semana PSdeG-PSOE e BNG levaron ao pleno da Deputación de Ourense unha proposta para aplicar no ente provincial un sistema de reparto semellante ao que funciona nas outras tres provincias galegas. As dúas formacións pedían "a supresión das subvencións de carácter nominativo" e o establecemento dun sistema de financiamento ás entidades locais "mediante un programa anual e universal, baseado en criterios obxectivos, equitativos e democráticos", atendendo a parámetros como a poboación ou a súa dispersión, "e non mediante a dedocracia dos favores políticos". Porén, a proposta foi rexeitada por PP e Democracia Ourensana (coa abstención de Ciudadanos), a pesar de que Democracia Ourensana votara a favor dunha moción moi semellante no ano 2017.
As dúas formacións pedían "a supresión das subvencións de carácter nominativo" e o establecemento dun sistema de financiamento "mediante un programa anual baseado en criterios obxectivos"
No pleno, socialistas e nacionalistas denunciaron as grandes diferenzas existentes entre os fondos por habitante recibididos por un e outro concello, mesmo por localidades de poboación semellante. Ademais, criticaron que a maior parte das achegas corresponden a subvencións nominativas directas, agás unha parte moi pequena que se realiza a través dalgún plan xeral, con distribución lineal. O voceiro do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino alertou da existencia dun "sistema de esmola, no que os alcaldes teñen que pasar revista ante a presidencia da Deputación, co fin de que, se ten a ben, atenda as necesidades das entidades locais en base a criterios nunca publicitados”.
Os datos públicos sobre os pagamentos realizados pola Deputación de Ourense aos concellos da provincia, que o ente provincial debe declarar ante a Axencia Tributaria, permiten comprobar as grandes diferenzas existentes entre unhas e outras localidade, no que á asignación por habitante se refire.
18 das 20 localidades máis beneficiadas no reparto tiñan gobernos do Partido Popular. Hai que baixar ata a oitava posición para atopar un concello gobernado polo PSdeG-PSOE, o de Castrelo do Val
A listaxe amosa, igualmente, que a maior parte dos concellos que máis euros por persoa recibiron no ano 2018 estaban gobernados polo PP. En concreto, 18 das 20 localidades máis beneficiadas no reparto tiñan gobernos do Partido Popular, e 16 das 17 primeiras. O concello que máis recibiu foi o de Muíños, con 379 euros por habitante, por diante de Baltar (265) e Porqueira (217). Como referencia, a media provincial situouse nos 31,2 euros por habitante. Xunqueira de Ambía, A Veiga, Teixeira e Gomesende son as seguintes na lista, todas con alcalde ou alcaldesa popular.
Hai que baixar ata a oitava posición para atopar un concello gobernado polo PSdeG-PSOE, o de Castrelo do Val. Na lista seguen Riós, Chandrexa de Queixa, Larouco, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Nogueira de Ramuín, Beade e Toén, todos gobernados polo PP no anterior mandato. Só no posto 18ª volve aparecer un concello socialista, Parada de Sil.
Pola contra, entre os concellos que recibiron menos cartos por habitante hai un gran número de localidades gobernadas por PSdeG-PSOE e BNG. Entre os 17 concellos menos beneficiados no reparto, cinco eran socialistas (Barbadás, O Barco, O Carballiño, Carballeda de Avia e Ribadavia), catro nacionalistas (Viana do Bolo, Allariz, A Rúa e Baños de Molgas) e outros seis populares. Cómpre ter en conta que no mandato anterior o BNG dó gobernaba en 6 localidades e o PSdeG en 17.
Pola contra, entre os concellos que recibiron menos cartos por habitante hai un gran número de localidades gobernadas por PSdeG-PSOE e BNG
As urbes e grandes vilas son habitualmente as localidades que menos cartos por habitantes reciben das deputacións. É por isto que a cidade de Ourense foi o concello con menos fondos per cápita (0,91 euros por persoa) e que na listaxe aparecen tamén Celanova, Barbadás, O Barco, Xinzo de Limia ou O Carballiño. É certo que PSdeG-PSOE e BNG dominan neste tipo de localidades vilegas, mentres que unha parte importante do concellos que gobernaba o PP tiñan escasa poboación. Con todo, pódese comparar concellos con poboación semellante, atopando igualmente grandes diferenzas entre o financiamento que reciben.
Os presidentes das outras tres deputacións, este xoves en Ourense
Valentín González Formoso, José Tomé e Carmela Silva explicarán o funcionamento dos planos únicos en marcha nas súas provincias
Este xoves os presidentes e presidenta das deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra, Valentín González Formoso, José Tomé e Carmela Silva intervirán en Ourense nun acto organizado polo PSdeG para debullar o funcionamento dos planos únicos en marcha nas súas provincias. O obxectivo, segundo os socialistas, é "explicar polo miúdo como son os sistemas, equitativos e xustos, de distribucións de fondos públicos entre os municipios".
A xornada, baixo o título “Democracia e boas prácticas na gobernanza provincial”, comezará as 10 da mañá no Hotel Barceló (Rúa Curros Enríquez, 1) e contará tamén coa intervención do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde do Barco, Alfredo García; e do presidente do PSdeG-PSOE, Xoaquín Fernández Leiceaga. A xornada, que estará aberta ó público e ós medios, será introducida polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero e polo secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino.