A tese da lista máis votada, bandeira do PP galego durante décadas e ata hai escasas horas, vén de ficar aparcada. Tamén os tempos nos que José Manuel Baltar consideraba o partido Democracia Ourensana expoñente do "populismo", da "política piollosa" e do "bufonismo político". A formación localista, pola súa banda, vén de deixar aparcados cualificativos como "psicópata de gravata" para o barón do PP ourensán.
Tras defender ata hai escasas horas a tese da "lista máis votada" os populares darán o bastón de mando ao líder da terceira forza de Ourense a cambio do apoio para soster o baltarismo na Deputación
Gonzalo Pérez Jácome, líder da terceira forza máis votada nas eleccións municipais en Ourense, será investido este sábado como novo alcalde da cidade cos votos dos seus 7 edís e mais os 7 do PP, segunda forza dunha corporación que encabeza do PSdeG. Os de Baltar veñen de acordar entregarlle o bastón de mando a Jácome a cambio de que, na Deputación Provincial, Democracia Ourensana poña os seus dous escanos á disposición do Grupo Popular para así garantir a continuidade do poder do baltarismo na institución provincial.
Tras unha campaña electoral que Jácome baseou, en boa medida, en cargar contra Baltar e caricaturizalo como herdeiro da Deputación provincial que a súa familia controla dende finais dos anos 80, o líder de Democracia Ourensana vén de colocar a súa sinatura ao carón da do barón do PP. "Sempre esixiríamos a cabeza de Baltar", reiteraba o agora futuro alcalde a mediados de maio.
Baltar aparca os tempos nos que descualificaba como expoñente da "política piollosa" a Jácome, que consideraba o barón do PP ourensán como un "psicópata de gravata"
Agora, nun documento de apenas catro páxinas ambos partidos resumen os "principios inspiradores dun acordo para os cidadáns" baseado, din, en que "non hai un goberno alternativo ao noso capaz de garantir estabilidade e achegar un programa común". Nel non figura a sinatura do ata agora alcalde de Ourense polo PP, o ex-conselleiro Jesús Vázquez, a quen tampouco se menciona.
"Jácome será alcalde da cidade e Baltar presidirá a Deputación co fin de manter gobernos estables para situar aos ourensáns por riba de todo", afirma o PP de Ourense sobre un pacto no que ambos partidos aseguran ter tamén as bases para acordaren os Orzamentos do Concello e desbloquear o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Aseguran estar en condicións de tornar o consistorio nun "exemplo no que mirarse o resto de Administracións" que terá na Deputación "o mellor dos aliados". O goberno de Baltar, eloxian, será tamén exemplo de "transparencia".
Durante a campaña do 26M Jácome censurou que os Baltar pensasen que "a provincia lles pertence" e pediu o voto para "acabar coas paranoias" do líder do PP ourensán
O PP perde deste xeito a única alcaldía urbana que exerceu en Galicia durante o pasado mandato a cambio de reter o poder provincial. Baltar sacrifica o candidato que fora enviado por Feijóo para ir da man da forza política que converteu a cruzada contra o baltarismo nun dos seus emblemas políticos pero tamén xudiciais. Non en van, o propio Jácome litigou nos tribunais contra algunhas das decisións máis controvertidas do goberno da Deputación.
O conflito máis recente derivou, ao día seguinte das eleccións municipais, nunha condena á Deputación de Ourense a recuperar os 2,7 millóns de euros que destinara á compra do arquivo do xornal La Región. Aquela operación era, para Jácome, mostra do "caciquismo" dos Baltar, familia á que durante a campaña do 26M acusou de tratar a Deputación como unha "herdanza privada". "Entenden que esta provincia lles pertence, que a Deputación é totalmente deles", lamentaba Jácome, quen pedía o voto para "acabar coas paranoias" de Baltar.
Feijóo, en maio: "Sería letal para Ourense ter un alcalde como Jácome"
Mentres, dende o PP, Feijóo alertaba abertamente sobre o líder localista: "Sería letal para Ourense ter un alcalde como Jácome, unha persoa histriónica", afirmaba o líder do PPdeG antes de amosarse "preocupado" porque "lamentablemente, nos empezan a coñecer por iso" e "dá mala imaxe", afirmaba o pasado 16 de maio.
O PSdeG ve a Feijóo "disposto a todo para ocultar os trapicheos dos Baltar"
A primeira reacción ao acordo entre o PP de Ourense e DO chegou dende o PSdeG, que aspiraba a que o seu candidato, Rafael Rodríguez Villarino, obtivese a alcaldía tras lograr ser a forza máis votada o 26M. O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, lamenta o que considera unha mostra de que Feijóo "está disposto a todo", tamén a entregar o poder a Jácome, para "ocultar os trapicheos dos Baltar na Deputación".
Gonzalo Caballero: "Como Feijóo xa marcha, válelle calquera cousa en Ourense para impedir que se levanten as alfombras na Deputación"
"Como Feijóo xa marcha, válelle calquera cousa en Ourense", afirma Caballero, quen considera que o obxectivo último do acordo é "impedir que se levanten alfombras na Deputación". Así e todo, advirte, o presidente da Xunta torna ao "patrocinar" este acordo en "cómplice das falcatruadas dos Baltar" como o propio Jácome quen, lembra, "pediu o voto aos ourensáns que querían botar a Baltar" e agora "traizoan" a súa confianza. "Se pactan para manter aos Baltar, serán unha gran felonía á cidade de Ourense", conclúe.