Baltar pode quedar nas mans de Ciudadanos ou Jácome para reter a Deputación de Ourense

Baltar e Rosendo Fernández, valorando os resultados das municipais do 26M © PP Ourense

Foi unha hipótese viable durante toda a campaña. Por primeira vez, o baltarismo podía perder o control absoluto sobre o trono da Deputación de Ourense que José Luis Baltar asumiu nos primeiros compases do fraguismo para legalo en 2012 ao seu fillo, José Manuel Baltar, a quen antes xa situara como sucesor á fronte do PP provincial. E o propio barón ourensán admitiu este luns que tras as eleccións municipais do 26M iso pode estar a piques de suceder por un "cento" de votos.

O propio Baltar admite que, a falta do reconto definitivo dalgunhas mesas, perdería a absoluta por un "cento" de votos

O PP de Ourense pelexará ata a última papeleta na revisión do reconto dalgunhas mesas na cidade de Ourense. No partido xudicial da capital da provincia é onde agora mesmo finaliza a que noutrora foi maioría absolutísima dos Baltar. Ese partido xudicial reparte 15 dos 25 escanos da corporación e alí o PP contaba ata agora con 8. Un xa o dan por perdido e o segundo é o que se dirime nesa revisión da papeletas.

Se ese reconto final deixa o reparto como está, o baltarismo quedaría nas mans de eventuais pactos para reter o poder. Unha posibilidade sería aliarse con Ciudadanos, que se estrea na corporación provincial cun escano. Isto suporía que, en última instancia, a dirección política que encabeza Albert Rivera sería a que decidiría sobre a continuidade ou non da saga sinalada durante lustros en Galicia e boa parte do Estado como paradigma do caciquismo.

Outra posibilidade sería buscar o apoio de Democracia Ourensana. A formación local recunca con dous escanos na corporación provincial que tamén serían dabondo para a maioría, pero fano tras un mandato especialmente crítico co baltarismo. Un escenario hipotético sería o dun pacto entre ambas formacións, empatadas a 7 edís na cidade de Ourense, que incluíse apoios mutuos para a investidura local e provincial. Este escenario é, cando menos de momento, unha hipótese.

Se o reconto definitivo deixa o reparto como está, o baltarismo quedaría nas mans de eventuais pactos con Ciudadanos ou Democracia Ourensana para reter o poder

De confirmarse a perda da maioría absoluta de Baltar na Deputación de Ourense, mantendo o goberno ou perdéndoo, abriríase un escenario inédito que transcende a provincia. Non en van, boa parte do devalo ten a súa orixe en Ourense cidade, onde a aposta de Alberto Núñez Feijóo para manter a alcaldía, o ex-conselleiro Jesús Vázquez, perdeu tres concelleiros e a condición de forza máis votada fronte a un PSdeG á alza. 

Os populares cederían deste xeito, total ou parcialmente no caso de acabar gobernando mediante pactos, un dos seus principais centros de poder a apenas un ano das cruciais eleccións galegas previstas para o outono de 2020. Faríano ademais sen lograr outro centro de poder equivalente, toda vez que ficaron a apenas douscentos votos de lograr a Deputación de Lugo e moito máis lonxe de poder regresar ao poder nas da Coruña e Pontevedra.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.