Durante lustros, mesmo durante décadas, en cada elección municipal en Galicia houbo varias constantes. Unha delas, se cadra a máis firme, é o signo do goberno da Deputación de Ourense. Dende que, nos primeiros compases do fraguismo, José Luis Baltar logrou comandar a fusión de Centristas de Galicia co Partido Popular acabado de fundar sobre as estadas de Alianza Popular, a institución ourensá foi sinónimo de PP. De PP e de Baltar pai, que en 2010 legou a presidencia provincial do partido ao seu fillo para, en 2012, facer o propio coa Deputación.
Foron moitas as eleccións nas que os grupos da oposición -durante case todo este tempo, só PSdeG e BNG- apostaban con máis ben escasa convicción sobre as posibilidades de que o baltarismo chegase á súa fin. Nunca sucedeu. Tampouco cando socialistas e nacionalistas gobernaron na capital da provincia, núcleo do partido xudicial que máis escanos reparte na corporación provincial -15 dos 25-. Pero o vindeiro 26M a situación pode mudar. A perda da maioría do PP é por primeira vez unha hipótese viable. Así o aposta a oposición e así -a diferenza de todas as ocasións anteriores- o teme o PP.
A fin da primacía absoluta dos populares na Deputación ourensá é posible por primeira vez en dúas décadas. Así o aposta a oposición e así o teme o PP, especialmente tras os resultados das xerais
O acontecido nas recentes eleccións xerais do 28 de abril foi o sinal que acabou disparando as alarmas. Ao contrario que no conxunto de Galicia, o PP si logrou manterse como forza máis votada en Ourense, pero a letra pequena dos comicios desacouga aos conservadores. Caeron case 15 puntos con relación ás anteriores xerais, ata o 34,81% dos sufraxios, e a distancia coa segunda forza, os socialistas, pasou de case 50.000 votos -92.000 fronte a 43.000- a menos de 4.000 -66.100 populares, 62.600 do PSdeG-.
Uns e outros son conscientes, non obstante, de que a extrapolación mecánica entre procesos electorais non cabe. Aínda menos neste caso, toda vez que é no eido local onde a maquinaria do PP ourensán é quen de se poñer a pleno rendemento. Pero a posibilidade existe. Así o afirma o candidato do PSdeG á alcaldía da capital da provincia, Rafael Rodríguez Villarino. "Saben que a Deputación se lles vai das mans", toda vez que cunha repetición dos resultados das xerais "o cambio estaría feito". Isto, afirma, está a dar lugar a situacións "patéticas", como "escoitar o pai" do actual presidente pedir apoios "desesperadamente" cara ao 26M.
Pero, dado que a composición da Deputación non é o resultado da votación directa do electorado, as expectativas dun eventual cambio teñen que ser analizadas en función dos resultados en cada un dos sete partidos xudiciais en que se divide a provincia. Rodríguez Villarino admite que a "clave" será "o resultado da cidade", xa que cun devalo profundo dos populares en Ourense capital, reteren o poder ou, cando menos, a maioría absoluta, faríaselles difícil.
O resultado do partido xudicial no que se encadra a cidade de Ourense será clave: uns e outros admiten como máis que posible que un dos 8 postos do PP pase ao PSdeG, pero faltaría outro
Nos anteriores comicios Baltar puido ser presidente porque o PP estivo dous deputados provinciais por riba da maioría absoluta. Nas filas socialistas -e nas populares- considérase máis que viable, á luz dos resultados das xerais e tamén das enquisas que manexan, que un dos 8 escanos obtidos polos populares no partido xudicial de Ourense vaian para o PSdeG. Pero faltaría outro. E as cábalas que nas últimas semanas circulan pola provincia apuntan a posibilidades múltiplas. Unha delas, que caia da banda de Ciudadanos, partido para o que se prevén ascensos este 26M da man do ex-concelleiro do PP José Araújo.
Daquela, se isto sucedese Baltar tería que negociar co partido de Rivera para reter o poder. Outra opción -cando menos, teórica- sería que os populares tentasen tender pontes con Democracia Ourensana se os de Gonzalo Pérez Jácome manteñen os seus dous escanos, ambos polo partido xudicial da capital. Ambos escenarios, en calquera caso, serían sinónimo da fin do poder omnímodo do PP na institución e sobre a mesa poderían estar esixencias como a saída do propio Baltar baixo advertencia de conformar unha maioría alternativa.
Posibles negociacións con Democracia Ourensana ou mesmo Ciudadanos figuran xa en diagnoses que se repiten: a posibilidade dunha mudanza na Deputación de Ourense desta volta si que existe
Outras hipóteses, aínda que máis remotas, apuntan á posibilidade de que o PP puidese perder un posto máis nun dos partidos xudiciais que reparten dous escanos -O Barco, O Carballiño, Ribadavia ou Verín-. Pero para que iso sucedese os socialistas terían que duplicar os votos dos populares, algo altamente improbable.
Neste caso resta saber, tamén, ata que punto influirán nas ganancias e perdas de votos os resultados do novo partido do ex-socialista Pachi Vázquez ou de C's en lugares onde os de Rivera se nutriron nos últimos meses de ex-membros do PP. Nada é seguro, todo é volátil e as enquisas manéxanse con extrema prudencia. Así e todo, a diagnose xeral é coincidente e inédita: a posibilidade dunha mudanza de cor política na Deputación de Ourense, desta volta, si que existe.