“Xestión nefasta”, “longa noite de pedra” ou “parálise”. Con todo isto quere acabar a esquerda na cidade de Ourense, onde os partidos encaran unhas eleccións moi abertas, na única urbe que o PP mantivo tras os pasado comicios de 2015.
Jesús Vázquez (PP) pide a maioría absoluta" para "traballar libremente , sen as mans atadas"; PSdeG, OUeC ou BNG reclaman a fin da súa"xestión nefasta"
O inicio da campaña comezou con claras mensaxes diferenciadas: a do alcalde e candidato popular á reelección, Jesús Vázquez, que goberna en minoría e chamou a conseguir unha maioría absoluta para evitar o que considera un bloqueo da oposición, polo que pide o voto para “poder acadar esa maioría" que lle "permita traballar libremente sen ter as mans atadas”.
Da outra banda, as forzas de esquerda, convencidas que desta vez sumarán para gañar a cidade. Así, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, escolleu Ourense para comezar a campaña. Convencido da vitoria do progresismo en todas as urbes galegas, apoiou o candidato ourensán, Rafael Rodríguez Villarino, para reverter a “xestiónnefasta” que di que levou a cabo Vázquez, con “catro anos nos que nin tan sequera saíron adiante uns sós orzamentos”. “Toca abrir o futuro en Ourense para recuperar o pulo que tivo no pasado como terceira cidade de Galicia”, dixo.
Ourense en Común cre que a cidade “tomará a palabra o 26 de maio para saír dunha vez por todas desta longa noite de pedra”
En termos parecidos se pronunciou Martiño Xosé Vázquez, de Ourense en Común, formación que irrompeu con tres escanos en 2015 e aspira a mellorar resultado, convencido como está de que a cidade “tomará a palabra o 26 de maio para saír dunha vez por todas desta longa noite de pedra”. “Recuperará co nós un futuro que nos foi secuestrado”, dixo na pegada de carteis.
Nese inicio de campaña participou tamén Ourense Mellor, a formación que lidera Etelvino Blanco, co obxectivo de "transformar a realidade que deixa o peor goberno municipal que tivo esta cidade". Precisamente, a enorme división na urbe, con ata quince candidaturas, fai difícil un prognóstico claro.
Xa este luns, foi o BNG quen dirixiu a ollada principal a un concello onde quedou sen representación nos pasados comicios locais. Aló foi a portavoz nacional, Ana Pontón, para advertir de que o Bloque considera a cidade “estratéxica”, tal e como lembrou o seu candidato á alcaldía Luís Seara. “Imos a por todas, non renunciamos a nada e queremos ser determinantes no vindeiro mandato municipal”, dixo durante un percorrido pola praza de abastos.
O Bloque pon Ourense como "exemplo paradigmático" da "política fracasada do PP"
Alí, Pontón presumiu dun modelo municipal do BNG que funciona, en contraste coa “política fracasada do PP”, que di que ten como "exemplo paradigmático" da cidade das Burgas, “paralizada pola incompetencia” do goberno popular. Ademais, tamén criticou unha oposición que considera que non estivo á altura.
No medio, Democracia Ourensana, a gran sorpresa en 2015, co seu controvertido líder, Gonzalo Pérez Jácome, que aspira a pasar de líder da oposición a alcalde porque, di, o seu é “o único partido que pode sacar Ourense do pozo”.
Ademais, e como se dun candidato a elexir se tratase, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, presentou tamén o seu programa para o vindeiro mandato. Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, fixo referencia a el e chamou a derrotar nas urnas "o caciquismo e clientelismo" que goberna a entidade provicial, co "segundo dos clan dos Baltar á fronte", para que "entre aire fresco" na institución.