Un prazo excepcional da Xunta permitirá que o Concello de Ourense acceda aos 1,5 millóns de axuda á dependencia

Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, presidindo o pleno deste 3 de agosto Dominio Público Praza Pública

O pasado 25 de xuño o servizo de Benestar Social do Concello de Ourense advertiu a Intervención municipal que o consistorio ía padecer un desequilibrio nas súas contas. A razón, como informou Praza.gal, debíase a que no exercicio 2017 unha parte substancial do Servizo de Axuda no Fogar, a ligada á lei de dependencia, "debería estimar financiado coas achegas da Xunta". Ese montante ía ascender a 1,9 millóns de euros pero, dado que "non foi posible abonar as facturas correspondentes" de maio a decembro "antes do 30 de abril de 2018", a "data tope" para facelo, o consistorio ía perder 1,5 millóns de euros desa achega. No tanto, a apertura dun prazo extraordinario por parte do Goberno galego pode permitir ao Concello emendar a situación.

Política Social admite que a aplicación informática para xestionar este financiamento a concellos inzou de atrancos os trámites e reabre ata outubro o prazo que pechara o 30 de abril, ao que Ourense non se axustara

O Diario Oficial de Galicia deste 3 de agosto publica unha pouco usual orde da Consellería de Política Social "pola que se abre un novo prazo" para a xustificación e avaliación de proxectos de servizos sociais comunitarios municipais, como é o caso da Axuda no Fogar. A razón desta prórroga "excepcional" por parte do departamento que dirixe José Manuel Rey Varela é técnica, segundo o texto da orde. "A necesidade de actualizar a aplicación informática" a través da que os concellos "teñen que elaborar, necesariamente, os formularios" deste trámite xa provocara unha primeira extensión de prazos -de finais de marzo a finais de abril-, pero agora Política Social ve pertinente unha extensión maior.

Encabezamento da orde de apertura do prazo extraordinario, publicado no DOG deste 3 de agosto de 2018 CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta deu en constatar que o sistema "non funcionou de xeito adecuado" e non permite "afirmar a fidelidade, autenticidade e integridade da documentación presentada" polos concellos

"Cómpre recoñecer", segundo a Xunta, que "o proceso para a presentación telemática da documentación" estivo "cheo de escollos en múltiples e diversos trámites de recente implantación na aplicación", tales como a sinatura electrónica" e mesmo "nalgúns momentos, fallou a propia dispoñibilidade da aplicación, dado que é unha aplicación web aloxada en servidores que, en ocasións, como nos derradeiros días do prazo, non teñen capacidade para atender a demanda de tantos usuarios".

Así, a Xunta deu en "constatar" unha vez rematado o prazo do 30 de abril que o sistema "non funcionou dun xeito adecuado" e, daquela, "non permite afirmar a fidelidade, autenticidade e integridade da documentación presentada", porque é "imposible" para o persoal "discernir cal foi a documentación correctamente asinada e presentada en prazo e cal, non".

Comunicación de Benestar Social a Intervención do 25 de xuño sobre a redución da subvención por non se cinguir ao prazo do 30 de abril CC-BY-SA Praza Pública

O 25 de xuño o servizo de Benestar Social do Concello advertiu á Intervención municipal da perda dos fondos, aos que agora poderá acceder grazas ao novo prazo

Para subsanar os efectos destes "defectos e problemas" técnicos, Política Social permitirá aos concellos presentar a xustificación destas achegas económicas ata o vindeiro 5 de outubro. O Concello de Ourense poderá, daquela, beneficiarse deste novo prazo e acceder aos devanditos 1,5 millóns.

Esta circunstancia é interpretada no Concello de Ourense como a "demostración" de que a perda dos fondos non era máis ca unha "falsidade verquida nos últimos días por parte da oposición" municipal. "Mentiron e difamaron" e "deberían pedir perdón" afirmou o alcalde ourensán, Jesús Vázquez, no pleno celebrado este venres, tanto en referencia aos grupos diferentes do PP como aos "medios", por recolleren o que cualifica de "informe incorrecto".

O goberno local do PP considera "demostrado" que todo se reduciu a unha "falsidade" da oposición

Nun sentido semellante, o gabinete de comunicación do Concello dirixiuse a este diario para afirmar que "a publicación no DOG", deste venres 3 de agosto, "desmonta totalmente aquela información", do 2 de agosto, que dá por "desmentida de inmediato polo grupo de Goberno". Por ese motivo, o equipo de Vázquez reclama "que teñan a ben rectificar o que publicaron" o 2 de agosto, antes da apertura do novo prazo, o día 3, que permitirá ao consistorio acceder ao financiamento. Asemade, o PP de Ourense reduciu a través das súas redes sociais os devanditos feitos a "mentiras de Democracia Ourensana recollidas por algúns medios de comunicación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.