As apostas urbanas de Feijóo, claves para que o PP perdese as deputacións da Coruña e Pontevedra

Rajoy, con Negreira, Feijóo e Louzán en Vilanova de Arousa © PP

O PP galego obtivo o 24-M o peor resultado da súa historia nunhas municipais e o cuarto menor número de votos no país dende que Manuel Fraga fundou o partido, superando só as xerais e europeas de 1989 e as europeas de 2014. O desastre electoral que plasman o número de votos e a porcentaxe de apoio cidadán acrecéntase coa perda de mando institucional nos concellos, pero tamén en nuns dos centros fundamentais de poder e recursos: as deputacións. Na cúpula dos conservadores existía ansia por recuperar a Deputación de Lugo e temor por perder a de Pontevedra. Non recuperaron a lucense, perderon a pontevedresa e, ademais, ficou polo camiño a da Coruña. As causas desas dúas perdas cómpre buscalas, sobre todo, nas cidades.

Como é sabido, a configuración dos plenos das decimonónicas institucións provinciais non se basea no voto directo da cidadanía, senón que deriva dos resultados nos concellos de cada partido xudicial. Tras o escuro e serodio reconto do domingo -na noite electoral o Ministerio do Interior non publicou os datos das deputacións- xa é posible consultar os datos de cada partido xudicial que, no caso galego, amosan que as apostas urbanas do presidente da Xunta e do PPdeG tiveron un papel crucial na caída cara á banda esquerda das entidades dirixidas ata agora por Diego Calvo e Rafael Louzán.

A emerxencia da Marea Atlántica na Coruña e a contundente vitoria de Abel Caballero en Vigo foron factores determinantes

No caso da Coruña a perda de votos foi xeral pero a tradución en deputados provinciais para os populares non se moveu a respecto de 2011 en catro dos sete partidos xudiciais: Betanzos e Carballo, onde teñen 1, e Ferrol e Noia, onde conservan 2. Unha das perdas de asentos conservadores produciuse en Corcubión, onde os socialistas mantiveron o seu e o BNG gañou 1, compensando así a perda do seu deputado na Coruña. Pero as desequilibrantes foron, sen dúbida, Compostela e, sobre todo, A Coruña: na capital galega pasaron de 4 a 3 deputados e na capital da provincia, de 6 a 4.

Pleno na Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

O peso das cidades na derrota obsérvase, se cabe, aínda con máis claridade na Deputación de Pontevedra, encabezada polos populares dende os tempos de Mariano Rajoy e onde os de Rafael Louzán tiñan 17 dos 27 escanos en xogo. Alén da perda dun escano no partido de Tui, onde a distribución de 2 deputados do PP e 1 do BNG pasou a ser de un para cada unha destas forzas e o terceiro, para o PSdeG, o factor desequilibrante estivo nas grandes cidades da provincia. En Pontevedra o PP perdeu un deputado provincial, pasando de 4 a 3, e en Vigo o devalo foi tal que deixaron polo camiño a metade da representación, pasando de 6 a 3.

A Coruña e Vigo, capitais da derrota provincial do PP

Se o panorama xeral xa amosa ás claras como as apostas urbanas da cúpula do PP impulsaron a perda das deputacións, ao achegar o foco un chisco máis ás meirandes cidades de cada unha das dúas provincias a radiografía da derrota é aínda máis evidente. No caso da Coruña a emerxencia da Marea Atlántica é o factor determinante: no partido xudicial ao que pertence a cidade o PP perdeu dous escanos, o PSdeG 1 e o Bloque ficou sen o que tiña. Mentres, na nova corporación a plataforma que encabeza Xulio Ferreiro obtén 3 deputados provinciais e a Alternativa dos Veciños, que goberna Oleiros, logra 1. En Santiago, asemade, o deputado que perde o PP é o que gaña Compostela Aberta.

En Vigo a abafante vitoria por ampla maioría absoluta da candidatura encabezada por Abel Caballero e, polo tanto, a fortísima caída do PP que lideraba Elena Muñoz, é o factor fundamental do cambio de signo na Deputación. Os 3 deputados provinciais perdidos polo PP, que antes tiñan 6, pasan ás filas dos socialistas, que agora teñen 7 e son o partido vigués con máis representación no ente provincial. Ademais, o deputado que representaba o Bloque vigués correspóndelle agora á Marea de Vigo.

Este é o panorama que dá lugar a que o barón provincial da Coruña, Carlos Negreira, sufrise unha dupla derrota ao perder o Concello a mans da Marea Atlántica e facer o propio coa Deputación, dirixida por un dos seus homes de confianza, Diego Calvo, que agora previsiblemente será substituído por un socialista nun posto para o que xa soan nomes como Julio Sacristán ou Valentín González Formoso, alcaldes de Culleredo e As Pontes, respectivamente. Mentres, ao sur todo semella indicar que o posto será para unha persoa de confianza do alcalde vigués, coa concelleira Carmela Silva encabezando todas as cábalas mentres o presidente saínte, Rafael Louzán, asegura agora estar disposto a aferrarse ao cargo mediante un pacto co BNG.

Pleno na Deputación de Pontevedra © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.