O PP galego disponse a remudar todos os seus baróns provinciais agás Baltar

Feijóo e Baltar saúdanse en presenza de Rueda, no XV Congreso do PPdeG © PPdeG

Agás que se produza un altisimamente improbable terremoto político en Ourense antes da unha da tarde deste venres, José Manuel Baltar será por segunda vez consecutiva o único candidato á presidencia provincial do PP. Como hai tres anos, as direccións galega e estatal do partido renunciaron a tentar artellar unha operación para desbancar o baltarismo aínda que as circunstancias que os arrodean son ben distintas ás de 2013. O proceso xudicial arredor da denuncia polo presunto ofrecemento de traballo a cambio de sexo, no que Baltar ten que declarar como investigado -antiga imputación-, condiciona un panorama no que, malia todo, o ourensán chegará á primavera como único barón provincial que permanece no cargo.

O arrecendo a cambio de ciclo impregna todo o PPdeG, agás en Ourense. A incógnita sobre o futuro político de Alberto Núñez Feijóo, que non desvelará ata o congreso autonómico de abril se aspirará ou non á presidencia da Xunta por terceira vez, condiciona un panorama no que os conservadores procuran compensar os sucesivos devalos electorais coa bandeira da "renovación". Así, tras as mudanzas no Goberno galego do pasado outubro e o ascenso interno de dirixentes como o exalcalde de Ferrol e actual conselleiro, José Manuel Rey Varela, os seguintes en dar un paso atrás serán tres dos catro presidentes provinciais.

O primeiro en anunciar a súa retirada foi o coruñés Carlos Negreira. Tras un primeiro golpe electoral nas eleccións municipais, coa perda das alcaldías da Coruña, Ferrol e Santiago e mais a presidencia da Deputación, e un segundo impacto nas xerais, nas que deixou polo camiño dous escanos e máis de 100.000 votos, o exrexedor herculino anunciaba a súa marcha da política activa. No congreso da sucesión mediranse quen semella o seu sucesor natural, Diego Calvo, actual delegado territorial da Xunta e número dous do partido na provincia, e o exdeputado Javier Escribano, practicamente inédito na súa etapa no Parlamento, que tivo que abandonar tras ser imputado no caso Campeón, acusación que rematou arquivada. A priori, Calvo parte con vantaxe na carreira, toda vez que colleitou uns 1.800 avais para a súa candidatura e Escribano, menos de 200.

Louzán despediuse anunciando unha moción de censura nun concello da provincia

Despois de Negreira chegou a escenificación da retirada doutro histórico, Rafael Louzán. Desaloxado da Deputación de Pontevedra polos resultados das municipais do pasado ano, Louzán centra agora o seu labor na presidencia da Federación Galega de Fútbol, se ben permanece tamén como asesor no grupo provincial do PP. Tras a súa despedida anunciando o que foi un dos sinais de identidade, unha inminente moción de censura nun concello da provincia aínda por coñecer, as cábalas da sucesión están abertas. Unha liña máis continuísta sería a representada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que chegou á alcaldía en 2008 grazas precisamente a unha moción de censura apoiada nun tránsfuga. No entanto, nos últimos días cobra forza a hipótese de que quen tome as rendas do partido en Pontevedra sexa o actual secretario xeral do PPdeG e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cuxo relevo como número dous da formación en Galicia é unha posibilidade sobre a mesa dende hai semanas.

Barreiro deixa o cargo en Lugo tras 14 anos e Candia perfílase como sucesora

Unha semana antes dos congresos da Coruña e Pontevedra, na fin de semana do 12 e 13 de marzo, respectivamente, celebrarase o de Lugo, onde tamén haberá mudanza. Prevese que no serán deste xoves José Manuel Barreiro anuncie que, tras 14 anos, deixará o cargo no que sucedeu a José Luis Iravedra no ano 2002, aínda en pleno cacharrismo. Sen desbotar un eventual papel no congreso galego, Barreiro argumentará a necesidade de centrarse no traballo de voceiro do PP no Senado para deixar unha presidencia dende a que non conseguiu acadar o que foi un dos seus obxectivos, a presidencia da Deputación. Ese cargo si que o logrou, aínda que só por 4 meses e grazas ao alcalde exsocialista de Becerreá, Manuel Martínez, quen se perfila como posible sucesora, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia.

Feijóo renuncia por segunda vez a tentar desbancar o baltarismo malia á investigación xudicial que afecta o barón ourensán

Así as cousas, neste clima de mudanzas só haberá un apelido que permaneza no mapa do PP galego: Baltar. Cinco días antes da súa cita nos xulgados previsiblemente poderá celebrar unha nova vitoria interna en presenza dun Alberto Núñez Feijóo que, recunque na candidatura á Xunta ou non, non acumula na actualidade forzas dabondo para permitirse descabezar un dos esenciais celeiros de votos. En plena incerteza ante unha eventual perda do Goberno e ás portas do congreso galego o PP de Ourense comezará a artellar -e condicionar- a candidatura autonómica mentres, ademais, volve controlar a presidencia do Parlamento a través dun dos homes de confianza de Baltar, Miguel Santalices.

Carlos Negreira, nun acto de partido © PP A Coruña
José Manuel Barreiro CC-BY-SA PPdeG
Louzán, con Feijóo tras anunciar a súa renuncia © PP Pontevedra

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.