Descentralización de Medicina: completada en 2028 e 40 novos docentes entre A Coruña e Vigo

Clase práctica de estudantado de Medicina da USC © Santi Alvite

Pacto por fin. Os reitores das tres universidades públicas galegas e mais os representantes das consellerías de Educación e Sanidade ratificaron este luns o principio de acordo alcanzado o pasado 6 de novembro para a descentralización da docencia do Grao de Medicina, logo de meses de polémica e debate e coas peticións de título propio para A Coruña e Vigo lanzadas e agora aprazada e retirada respectivamente. 

A descentralización comezará o vindeiro curso coas prácticas de 5º e culminará no 2028-29 coa descentralización de toda a docencia de 4º

Segundo explicaron os reitores, e a falta de que sexa público o documento oficial que plasma o acordo, o proceso de descentralización comezará xa o vindeiro curso coas clases prácticas de 5º, avanzará no curso 2027-28 coa descentralización da docencia teórica e práctica de 5º e culminará no 2028-29 coa descentralización da totalidade de docencia do 4º curso, tendo en conta que a docencia do 6º curso xa está descentralizada nos hospitais das principais cidades galegas.

Os reitores das tres universidades galegas e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nun acto conxunto CC-BY-SA Xunta

A creación de dúas unidades docentes na Coruña e Vigo levará cen estudantes a cada unha destas universidades e 200 quedarán en Santiago

Antonio López, reitor da USC; Manuel Reigosa, reitor da Uvigo; Ricardo Cao, reitor da UDC, xunto con José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades, e Carmen Blaboa, vicexerente do Sergas, escenificaron un acordo que supón a substitución do asinado en 2015 e que nunca se chegou a cumprir, razón pola que, especialmente desde A Coruña, a reclamación dunha maior descentralización mantívose durante ben tempo. 

Tal e como se adiantara, o preacordo ao que chegaron as universidades e o Goberno galego supón a creación de dúas novas unidades docentes, co seu epicentro nos complexos hospitalarios da Coruña (CHUAC) e Vigo (Hospital Álvaro Cunqueiro). 

Esta redistribución de alumnos —a gran novidade comparado co sistema actual— levará un cento de estudantes ao complexo coruñés e outro cento ao vigués, mentres que os 200 restantes estarán en Santiago. Ademais, establécese a creación dunha comisión de seguimento, que será a encargada de traballar no desenvolvemento e implantación do acordo nos próximos cursos. 

A descentralización suporá a creación de 40 prazas de profesorado adicionais entre A Coruña e Vigo

Entre outros labores, a comisión deberá preparar a docencia e planificación das necesidades de profesorado: a estimación é de 40 prazas de profesorado adicionais entre as dúas unidades docentes novas que se crearán na Coruña e Vigo.Tamén será traballo deste órgano determinar os criterios de repartición do estudantado. 

O acordo contempla tamén a vinculación exclusiva dos docentes de cada universidade "co seu hospital", ademais de "garantías en caso de incumprimento" que inclúen unha cláusula de "saída" que explica tamén que a UDC manteña que a súa petición para unha nova facultade: queda conxelada ata 2029 no caso de que todas as partes cumpran, pero non anulada. 

Clase práctica de estudantado de Medicina da USC © Santi Alvite

A UVigo di que retirará a petición para unha titulación propia pero a UDC aclara que seguirá traballando "internamente" para tela porque "non é incompatible" co acordo 

O pacto, con todo, deberá ser agora ratificado polo consello de Docencia Clínia e avalado polos consellos de goberno de cada unha das tres universidades. 

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, gabou a "xenerosidade" de todas as partes e destacou que, a contrario que co acordo de 2015, agora si se establece un "calendario moi estrito" con prazos moi concretos. Tamén avanzou que a súa universidade retirará a petición para a implantación de grao propio

Desde A Coruña, o reitor Ricardo Cao aclarou que a mesma petición feita pola UDC para un título propio "non é incompatible" nin co acordo nin co feito de "colaborar na descentralización da docencia". Por iso xa aclara que aínda que a proposta de grao propio está aprazada, a universidade seguirá traballando "internamente" nela para poñela enriba da mesa no caso de que se incumpra o acordado. 

Pola súa banda, Antonio López, reitor da USC, destacou a "capacidade de diálogo" das tres universidades e da Xunta para "poñer o sistema universitario galego como prioridade". Tamén recoñeceu que o acordo é "distinto" ao do 2015 por ser "máis amplo, máis extenso, máis ambicioso e máis concreto". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.