A loita polo derradeiro escano: un feixe de votos decide o bloque gañador en Galicia

Proxección de Radar29 e loita polo derradeiro escano no seu modelo © Montaxe: Praza.gal

A diferenza entre a esquerda e a dereita o 29N pode ser mínima e pode decidirse por uns poucos centos ou miles de votos nunha ou noutra circunscrición. Así será, probablemente, en Galicia, onde o reparto final de escanos pode depender de pequenos movementos de voto nas catro circunscrición

O vindeiro 29 de novembro enfróntanse nas urnas dous modelos diferenciados e opostos. Dunha banda, o espazo progresista e plurinacional composto por PSdeG e Fronte Ampla e polas forzas soberanistas de esquerda; da outra o bloque de dereita e ultradereita de PP e VOX. A diferenza entre un e outro pode ser mínima e pode decidirse por uns poucos centos ou miles de votos nunha ou noutra circunscrición. Así será, probablemente, en Galicia.

En realidade, así leva sendo nas últimas convocatorias electorais. Hai tres anos, nas eleccións xerais celebradas en xullo de 2023, as forzas progresistas recibiron o 50,2% dos votos en Galicia, uns 20 mil votos máis que a dereita, aínda que o PP obtivo máis escanos (13 a 10). Nesta ocasión o reparto final de escanos pode depender de pequenos movementos de voto nas catro circunscrición galegas.

Como está a loita polo derradeiro (ou derradeiros escanos) en cada provincia? Dende hai unhas semanas a aplicación Radar 29N lanzada polo consultor político Roi P. Vila vén ofrecendo claves sobre as eleccións do 29 de novembro, partindo dos datos galegos das enquisas publicadas, ofrecendo unha proxección de escanos e monitorizando a loita polo derradeiro escano en cada provincia

A proxección de Radar 29N indica que o PP acadaría 12 deputados por Galicia, fronte aos 8 do PSdeG-PSOE, os 2 do BNG e 1 para VOX. Pero varios escanos dependen de pequenos movementos nunha ou noutra dirección. O 13-10 para a dereita podería ser un 12-11 para a esquerda ou unha vitoria conservadora máis ampla

As proxeccións que realiza Radar 29N mudan cada día en función dos novos datos publicados. Este venres 20 ofrecían un escenario completamente aberto nas catro provincias, coa perda dun escano para o PP en Lugo en beneficio do PSdeG e o reparto dos dous escanos obtidos por Sumar en 2023, un para o BNG e outro para VOX, que entraría pola Coruña.

Así, o PP acadaría 12 deputados por Galicia, fronte aos 8 do PSdeG-PSOE, os 2 do BNG e 1 para VOX. A dereita mantería intacta a vantaxe acadada hai tres anos (13-10), pero con varios escanos pendentes duns poucos votos en cada unha das catro circuncricións. 

Unha suba da esquerda podería darlle ao PSdeG ou a BNG un escano máis pola Coruña, que perdería o PP e tamén os socialistas poderían sumar un representante por Ourense en detrimento dos populares. Porén, igualmente o segundo escano socialista por Lugo está lonxe de estar asegurado (PP e BNG poderían obtelo) e o terceiro deputado do PSdeG por Pontevedra podería caer nas mans de VOX ou PP. 

O 13-10 para a dereita podería ser un 12-11 para a esquerda. Pero, ollo, tamén PP e VOX poderían acabar sumando un 15-8 se o campo progresista empeora as actuais previsións. Todo se decidirá por apenas uns centos (ou uns poucos miles de votos), un máximo de tres puntos porcentuais de diferenza.

"Polo tipo de circunscrición que temos e pola propia fórmula d'Hont, aumenta o xogo e a competitividade por cada escano", destaca Roi Vila, que engade que "se esperase unha participación bastante alta, o que aínda pode modificar máis o xogo"

O primeiro gráfico amosa a loita polo derradeiro escano nas catro provincias galegas segundo a proxección publicada por Radar 29N o venres 20. Vemos como en Pontevedra o PSdeG mantería o seu terceiro escano cunha marxe moi pequena sobre VOX, de menos de mil votos. Observamos, igualmente, como en Ourense os socialistas estarían a apenas dous mil votos de arrebatarlle un escano ao PP. En, cambio, en Lugo son os populares os que non están lonxe de recuperar o seu terceiro escano, que pasaría de momento ao PSdeG.

Cómpre destacar, en todo caso, que aínda que outras formacións aparezan a unha distancia maior, de varios miles de votos (por exemplo o PSdeG na Coruña ou o BNG na Coruña, Lugo e Ourense), estamos a falar de marxes que non chegan aos catro puntos.

"Cada escano que Feijóo perde na súa casa é un escano que lle falta para a Moncloa. O 29 de novembro, toda España mirará para Galicia", destaca

Roi Vila, en conversa con Praza.gal, destaca a este respecto que todo está aínda moi aberto nas catro provincias. "Polo tipo de circunscrición que temos e pola propia fórmula d'Hont, aumenta o xogo e a competitividade por cada escano". O consultor explica que pode haber cambios non só porque un partido incremente ou diminúa un chisco o seu número de votos, senón tamén porque o faga a outra forza política coa que está a competir por ese escano. As distancias, así, acúrtanse e móvense moito, en ocasións pola propia recomposición de votos dentro dun bloque ideolóxico. "Ademais espérase unha participación bastante alta, o que aínda pode modificar máis o xogo", engade.

Vila salienta así mesmo a relevancia que pode adquirir Galicia nestas eleccións, por varios motivos. En primeiro lugar polo carácter axustado das estimacións que están a ofrecer as enquisas. O modelo de Radar 29N este venres achegaba unha proxección de 119 escanos para o PSOE, 115 para o PP e 73 para VOX. PP e VOX sumarían polo tanto 188 deputados, apenas 12 por riba da maioría absoluta e con escanos en moitas provincias (entre elas as galegas) movéndose para un ou outro bloque por apenas un feixe de escanos.

"Cun Vox forte, a extrema dereita conquistaría o territorio que se lle resistía, e Galicia deixaría de ser unha excepción europea", di

En segundo lugar, polas varias especificidades que presenta Galicia nestas eleccións. Por exemplo, o feito de que un dos candidatos con opcións de acadar a Presidencia do Goberno é galego: "Cada escano que Feijóo perde na súa casa é un escano que lle falta para a Moncloa. O 29 de novembro, toda España mirará para Galicia". E, ademais, polo feito de Galicia ser un dos poucos territorios de Europa no que a ultradereita aínda non acadou representación: "Cun Vox forte, a extrema dereita conquistaría o territorio que se lle resistía, e Galicia deixaría de ser unha excepción europea", destaca Vila.

O consultor analiza que nesta campaña electoral non se está a impoñer ningún gran tema e que mesmo os eventos que teñen impacto, coma a traxedia de Urda ou a folga xeral do 11N, presentan un percorrido moi curto na axenda. "Xa non é que nin ningún tema aguante, é que ningún tema destaca", di, sinalando que "a campaña do 29N é unha metacampaña, na que se fala é a campaña en si mesma", do voto útil, da mobilización do electorado... 

Roi P. Vila © IGADI

"Por outro lado fálase dos propios candidatos en si; é unha campaña de meme, unha campaña basicamente de plebiscito a un presidente do goberno. Pero nin sequera isto se converte nun tema principal que domine todo", afirma. "Non hai temas de políticas públicas ou que miren aos próximos catro anos. En realidade é unha continuidade do que se viu ao longo da lexislatura", engade.

O responsable de Radar 29N destaca na súa análise que o PP está a perder moito voto sobre todo en Lugo e Ourense, mentres que se mantén máis forte nas provincias occidentais. 

Roi Vila sinala, finalmente, o impacto que os resultados de cada formación este 29N poden ter nas vindeiras citas electorais en Galicia, comezando polas municipais de maio de 2027 e polas Galegas que chegarán uns meses despois. Tanto no caso de que haxa un goberno do PP e VOX en Madrid coma no caso de que recunque a esquerda, con goberno do PSOE para o que os escanos do BNG serían fundamentais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.