Radar 29N: unha ferramenta para seguir as eleccións "pensada dende Galicia e para Galicia"

Captura de pantalla de Radar 29 © RPV

A iniciativa do consultor Roi P. Vila ofrece unha proxección de escanos, amosa a loita polo derradeiro escano en cada provincia, analiza as características do electorado indeciso (e a súa posible activación durante a campaña), os movementos do voto dual ou as preocupacións da cidadanía

Agora que se achegan as eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro -comicios, ademais, que abren un novo ciclo político ao que se engadirán comicios municipais e galegos- son moitas as páxinas web, aplicacións e ferramentas de todo tipo que inclúen un gran número de informacións e datos sobre estas citas electorais. Porén, na súa maior parte teñen un ámbito estatal, polo que non sempre son quen de afondar na análise do momento político en Galicia.

Vén de nacer Radar 29N, unha ferramenta online que busca ofrecer claves sobre as eleccións que están por vir, partindo de datos sobre Galicia e centrando a súa análise nas catro circunscricións galegas. Partindo das enquisas publicadas por 40dB e o CIS (que ofrecen os seus microdatos en aberto), o trebello ofrece unha proxección de escanos para Galicia, amosa a loita polo derradeiro escano en cada provincia, analiza as características do electorado indeciso (e a súa posible activación durante a campaña), os movementos do voto dual ou as preocupacións da cidadanía.

Nesta primeira entrega a proxección realizada por Radar 29 outorga 13 escanos ao PP (os mesmos que na actualidade), 7 ao PSdeG (igual que no 2023), 2 ao BNG (+1) e 1 a VOX, que entraría pola Coruña. A Fronte Ampla non sería quen de reter os dous escanos acadados por Sumar hai tres anos.

"O obxectivo de Radar 29 é que xornalistas, decisores políticos, xente que participa nas campañas e tamén a xente moi interesada pola política -os moi cafeteiros- poidamos ter unha ferramenta de información e análise pensada dende Galicia e para Galicia", di

O consultor Roi P. Vila é o responsable da iniciativa, que ademais inclúe todos os venres unha completa análise realizada por el sobre o momento político e as últimas tendencias. "O obxectivo de Radar 29 é que xornalistas, decisores políticos, xente que participa nas campañas e tamén a xente moi interesada pola política -os moi cafeteiros- poidamos ter unha ferramenta de información e análise pensada dende Galicia e para Galicia", destaca en conversa con Praza.gal.

"Cada vez que se achegan eleccións vemos como saen moitas ferramentas na rede pero sempre están pensadas para o ámbito estatal", engade. Agora Radar 29N vén encher este oco. Este énfase na "axenda galega" complétase cun Observatorio Mediático que analiza os temas dos que están a falar os medios de comunicación en Galicia -galegos ou non-. "Os medios estatais teñen moita máis incidencia que os medios galegos, o que provoca que a axenda galega de actualidade quede relegada. Mesmo así, o panorama político galego é moi diferente ao estatal", subliña Roi Vila.

Captura de pantalla do Observatorio Mediático de Radar 29 ©

Este énfase na "axenda galega" complétase cun Observatorio Mediático que analiza os temas dos que están a falar os medios de comunicación en Galicia

"Non é habitual" atopar información na rede de observatorios mediáticos, pois normalmente son servizos privados que determinadas entidades (institucións, partidos políticos...) realizan ou contratan, destaca Roi P. Vila, que salienta que "a min como politólogo non me interesa só a evolución da intención de voto, senón tamén que é o que a motiva. Interésame ver, en paralelo, como se van movendo as tendencias electorais e a conversa mediática". A través dunha ferramenta moi completa analízase a presenza nas noticias publicadas dunha serie de temas e vincúlanse ás preocupacións da cidadanía que aparecen recollidas nas enquisas do CIS.

A información recollida en Radar 29 van ir mudando a medida que se incorporen novas fontes de datos, por exemplo cando se actualice a enquisa de 40dB e, sobre todo, cando o CIS publica a súa enquisa preelectoral, que inclúe unhas 45.000 entrevistas. Esta sondaxe, que se publicará a comezos de novembro "vainos permitir afinar moito nas análises, mesmo achegando datos para as sete cidades galegas", destaca.

Ademais das actualizacións motivadas pola entrada de novos datos de enquisas e das análises asinadas por Roi P. Vila os venres, Radar 29 actualizará o seu observatorio mediático os luns, mércores e venres.

A análise de Roi P. Vila

Entre as particularidades da política galega que se poden detectar nos datos coñecidos atar agora destaca o descenso en intención de voto que está a experimentar o PP, sobre todo en Lugo e Ourense.

A primeira entrega da análise de conxuntura realizada polo consultor destaca, entre outros asuntos que "Vox crece sen fixar axenda", xa que "o seu votante móvese pola inmigración e polo rexeitamento á política, dous temas que non están na conversa mediática principal e que, en Galicia, son moito menos importantes". Roi Vila salienta que "unha das incógnitas nestas eleccións é se Galicia segue sendo unha excepción no Estado e case que en toda Europa, ao evitar presenza de cargos electos da extrema dereita". 

O consultor di que, a pesar da suba que están amosando as enquisas, non cre que finalmente VOX obteña ningún escano por Galicia. "A medida que avance a campaña, cando os indecisos se vaian decantando, iso vai facer moi difícil que VOX acade escano por Galicia", explica. Neste senso, cómpre destacar que os datos que presenta Radar 29N indican que en Galicia son máis os indecisos de dereita, máis próximos ao PP. 

Captura de pantalla de Radar 29 ©

Finalmente, a análise detense nos indecisos e no potencial de influencia da campaña -as persoas que teñen claro que van votar pero aínda non saben a quen-, que abrangue ao 35% do electorado galego, unhas 776.000 persoas, "cun perfil de centro sen dono"

Entre as particularidades da política galega que se poden detectar nos datos coñecidos atar agora destaca o descenso en intención de voto que está a experimentar o PP, sobre todo en Lugo e Ourense. A análise destaca que "o que perde o PP en Lugo e Ourense non parece ir a Vox. Vox sobe o mesmo nas dúas metades de Galicia, uns 4-5 puntos. Dos votantes do PP de 2023 nesas dúas provincias, un 75 % repite, un 7 % está indeciso, un 7 % iría a Vox e un 5,5 % ao PSOE".

Outro aspecto que destaca a análise é o carácter diferencial da política galega, especialmente polo menor apoio á ultradereita. "Vox ten o 10 % entre os mozos galegos, fronte ao 25 % en España, e o BNG concentra o voto mozo de cambio (18%)", explica Roi Vila, por exemplo.

O consultor di que, a pesar da suba que están amosando as enquisas, non cre que finalmente VOX obteña ningún escano por Galicia

Finalmente, a análise detense nos indecisos e no potencial de influencia da campaña -as persoas que teñen claro que van votar pero aínda non saben a quen-, que abrangue ao 35% do electorado galego, unhas 776.000 persoas, "cun perfil de centro sen dono". 

Estas persoas son maioritariamente mulleres (60%) e están algo máis presentes entre os 30 e os 44 anos e entre os maiores de 65. "É un electorado que o PP ten que recuperar e que a esquerda pode disputar. É tamén o electorado que mellor encaixaría cunha campaña sobre vivenda e sanidade, os dous problemas nos que Galicia se diferencia", conclúe a análise.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.