PP, PSdeG-PSOE, Fronte Ampla, BNG, Vox, Podemos, Se Acabó la Fiesta (Salf) e Frente Obrero presentan candidatura para o Congreso nas catro circuncricións galegas
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este mércores as candidaturas presentadas en cada circunscrición para as eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro. En Galicia presentáronse 12 listas diferentes para o Congreso e 8 para o Senado, aínda que con cambios entre unha e outra provincia. Así, o número total varía dende as 11 listas presentadas para o Congreso en Pontevedra ata as 8 de Lugo. E, no Senado, dende as 8 de Pontevedra ás 5 de Lugo.
PP, PSdeG-PSOE, Fronte Ampla, BNG, Vox, Podemos, Se Acabó la Fiesta (Salf) e Frente Obrero presentan candidatura para o Congreso nas catro circuncricións galegas. O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG) faino en todas agás en Lugo, PACMA estará na Coruña e Ourense, Por un Mundo más Justo (PUM+J) en Ourense e Pontevedra e Escaños en Blanco só en Pontevedra.
PP, Senado de Progreso, BNG, Vox e Podemos presentan lista para o Senado nas catro provincias
No Senado preséntase algunhas listas menos, en parte pola unión de PSdeG e Fronte Ampla nas candidaturas de Senado de Progreso. PP, Senado de Progreso, BNG, Vox e Podemos presentan lista para o Senado nas catro provincias galegas, mentres que o PCTG e PUM+J só o fan en Ourense e Pontevedra e Escaños en Blanco unicamente en Pontevedra.
Nas candidaturas para o Senado hai algunhas que só presentan un candidato ou candidata, en lugar dos tres que poderían chegar a presentar. É o caso dalgunha das formacións minoritarias, pero tamén de Vox en Pontevedra, que en base ao acordo ao que chegou co PP se limita a presentar un único candidato