Os titulares das subdelegacións gobernamentais na Coruña e Pontevedra, Obdulia Taboadela e Abel Losada, encabezan unhas listas ao Congreso que en Lugo e Ourense lideran Patricia Otero e Carmen Rodríguez Dacosta
Malia aos habituais enfoques presidenciais, as eleccións xerais son uns comicios parlamentarios, ao Congreso e ao Senado, o cal obriga as forzas políticas a confeccionaren candidaturas en cada circunscrición. O PSdeG vén de completar nos seus comités provinciais ese paso cara ás xerais do 29 de novembro, para as que renova as cabezas visibles das catro candidaturas ao Congreso, onde en 2023 obtivo 7 representantes polas circunscricións galegas (3 por Pontevedra, 2 pola Coruña e cadanseu escano en Lugo e Ourense).
A número un da lista socialista pola Coruña será Obdulia Taboadela. Quen exerce como subdelegada do Goberno de España na provincia dende hai apenas un mes -por xubilación do anterior titular do posto, Julio Abalde- recolle o testemuño do ex-ministro José Miñones, actual presidente da empresa estatal Mercasa, e ascende ao primeiro posto da candidatura na que en 2023 xa ocupara o número dous. Por tras de Taboadela figura na lista o concelleiro ferrolán Julián Reina e Ana Alvite, secretaria xeral de Xuventudes Socialistas.
Tamén en Pontevedra o titular da subdelegación gobernamental estará á fronte do cartel electoral. O veterano Abel Losada será o número un dunha lista na que o seguen a ex-deputada Marica Adrio, o concelleiro de Marín Manuel pazos e mais a vilagarcía Tania García.
Carmela Silva e Gumersindo Guinarte, referentes para o Senado nas circunscricións pontevedresa e coruñesa
En Lugo a xa deputada no Congreso Patricia Otero será a cabeza de cartel na circunscrición onde nas anteriores xerais o posto fora para José Ramón Gómez Besteiro, que daquela aínda non retornara á secretaría xeral do partido. Jorge Bustos, concelleiro en Lugo, será o número dous, con Eva Blanco (Monterroso) e Ismael Carcedo (As Nogais) nos postos terceiro e cuarto.
A remuda na candidatura chega tamén a Ourense, onde a elección de Carmen Rodríguez Dacosta implicará a súa marcha do Parlamento de Galicia, onde é actualmente deputada. Brian Diz, concelleiro en Amoeiro; a deputada provincial Marina Vaz e Brais González completan a candidatura.
Candidaturas ao Senado
Estes mesmos conclaves deron o visto e prace ás candidaturas socialistas ao Senado. Na Coruña os elixidos son Gumersindo Guinarte, concelleiro en Santiago; Cristina Pardo; edil en Culleredo; e mais Alejandro García, de Valdoviño. En Lugo, onde se postulara o ex-alcalde Xosé López Orozco, recunca César Mogo xunto á concelleira Ana González Abelleira e Roberto Castro.
Por Pontevedra a aposta volve ser Carmela Silva, concelleira en Vigo e presidenta do PSdeG, nunha papeleta na que tamén figurarán José Cacabelos e Olga Alonso. E en Ourense optan á Cámara Alta María Fernández, Rafael Rodríguez Villarino e Lorena Guerra.
Todas estas propostas chegan este xoves á Executiva Nacional Galega e a continuación, á Comisión Federal de LIstas. Quedarán proclamadas internamente de vez o sábado, día 17, no Comité Federal do PSOE encabezado por Pedro Sánchez.