Eleccións xerais o 29N: todo á vivenda

Sánchez e Feijóo, votando nas eleccións xerais de 2023, sobre imaxes relativas á crise da vivenda e ás forzas políticas que concorren CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: PSOE / PP / Praza.gal

Pedro Sánchez adianta os comicios ao non lograr aprobar os decretos de vivenda e confiando na mobilización da esquerda por esa emerxencia social, chamando por unha "maioría progresista moito máis ampla coa que dobregar as elites" tras dunha lexislatura protagonizada polo ascenso da extrema dereita e as frontes xudiciais do PSOE

O domingo 29 de novembro haberá eleccións xerais, adiantadas polo presidente Pedro Sánchez algo máis de medio ano a respecto da data límite para celebralas, logo de que os anteriores comicios fosen o 23 de xullo de 2023. O adianto chega despois de que o Goberno de España non lograse sacar adiante as súas propostas en materia de vivenda, tombadas no Congreso cos votos de PP, Vox e Junts. E converte, de entrada, a vivenda no gran tema para a cita coas urnas. 

Á mobilización na rúa -e nas urnas- das esquerdas por esa emerxencia social confía agora Sánchez o seu futuro político e electoral. "Sei que en parte da maioría social hai insatisfacción, que os indigna ver como os seus intereses son pisoteados no Parlamento no beneficio duns poucos", reflexionou antes de indicar que "para facer máis necesitamos renovar e ampliar o apoio da xente, que o Parlamento nos dote dunha maioría progresista moito máis ampla coa que dobregar as elites", apelou nunha comparecencia institucional dende La Moncloa. Faino tras unha lexislatura estatal complexa e convulsa, protagonizada polo ascenso demoscópico e social da extrema dereita, pero tamén polas frontes xudiciais que atinxen ao PSOE e tamén á contorna persoal do agora xa, de facto, candidato socialista á reelección.

O precedente de 2023

As eleccións de 2023 deron o PP como partido con máis escanos no Congreso, 137, fronte a 121 do PSOE. Pero o candidato popular, o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, foi incapaz de conseguir os apoios parlamentarios suficientes máis alá de Vox, Unión del Pueblo Navarro e Coalición Canaria. Si os conseguiría Pedro Sánchez para a súa investidura por maioría absoluta en novembro, case catro meses despois dos comicios, ao sumar aos grupos de esquerdas -entre eles, o do deputado do BNG- tamén o voto favorable de PNV e Junts per Catalunya. 

Porén, o apoio de Junts variou durante toda a lexislatura, que comezou coa aprobación polo Goberno de España dunha amnistía ás persoas afectadas polas condenas ligadas ao proceso independentista catalán e que vén de rematar coa negativa desa formación ás medidas en materia de vivenda. Xusto nunca recta final de lexislatura na que comezara a cobrar forza a posibilidade de regreso de Carles Puigdemont pola fin, precisamente, dos últimos atrancos á aplicación da amnistía.

Pero os focos políticos da lexislatura foron variando. O ascenso da extrema dereita en boa parte do planeta tamén se deixou sentir na política estatal, cun progresivo escoramento do centro-dereita cara aos postulados da internacional reaccionaria. Ao tempo, o Goberno, o PSOE e o propio Sánchez víronse rodeados dunha sucesión de revelacións, escándalos e procesos xudiciais por presuntos ou probados casos de corrupción. 

As condenas do ex-ministro e ex-número dous do PSOE José Luis Ábalos, do irmán do propio presidente, David Sánchez, e do ex-fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz. Tamén o procesamento da esposa de Sánchez, Begoña Gómez, ou a investigación contra o ex-presidente Zapatero sucedéronse mentres os socialistas se aferraban á denuncia dunha campaña concertada da dereita xudicial.

Manifestacións polo dereito á vivenda, o pasado sábado en Vigo, A Coruña, Ourense e Santiago CC-BY-NC-SA BNG | Praza.gal | CIG | BNG

Ata que a crise da vivenda que levaba anos chuchando rendas das clases baixas e medias centrou finalmente o debate político co desafiuzamento dunha anciá en Madrid. Mesmo deixando en segundo plano a vaga expansiva política e xudicial dos sucesos de Ceuta. As medidas propostas polo Goberno foron rexeitadas o venres por Junts canda PP e Vox e Sánchez decide convocar eleccións. 

Outra volta ao taboleiro

Sánchez envorca o taboleiro por terceira vez cun adianto electoral para procurar instalar no seu potencial electorado a imaxe de que pode volvelo facer, que pode frear a expresión española da internacional reaccionaria e ao tempo, canalizar nas urnas a demanda de políticas de vivenda máis avanzadas

"Só hai un método infalible para disipar as dúbidas: a democracia", alegara Sánchez en 2023 para adiantar as xerais tras o pau recibido polo PSOE nas eleccións municipais e autonómicas de maio daquel ano. Había "dúas opcións", incumprir "as esixencias sociais" ou "avanzar" cunha convocatoria electoral, expresara en 2019 para chamar ás urnas menos dun ano despois de chegar á presidencia ao decaer o seu intento de aprobar uns Orzamentos Xerais e mentres as dereitas se mobilizaban por un suposto risco de ruptura territorial do Estado.

Agora, por terceira vez, Sánchez volve envorcar o taboleiro. Chama ao electorado a decidir se "sumarse á vaga ultradereitista" ou "que España continúe sendo baluarte de xustiza social". "Se preferides ter un Goberno que traballe polo interese da maioría social ou entregar as rendas a unha coalición ultradereitista" que, advirte, se dedicaría a "recortar dereitos e liberdades" e "beneficiar aos de sempre". "Eu -di Sánchez- confío nos meus compatriotas porque sei que sodes un pobo valente e solidario; non tedes reparo en ser os primeiros en vos mover para restar no lado correcto da historia", sinalou.

Unha decisión disruptiva para procurar instalar no seu potencial electorado a imaxe mental e política de que pode volvelo facer. Que pode volver gañar contra prognóstico. Que pode frear a expresión española da internacional reaccionaria, a mesma que fantasea e traballa cun futuro de procesamento xudicial para o propio presidente e candidato. E, ao tempo, canalizar nas urnas a demanda de políticas máis avanzadas contra a crise da vivenda, as mesmas que non chegaron cando a maioría parlamentaria era máis proclive e que embarrancaron agora, cando xa non o era.

O 29N chegará, ademais, cinco meses antes doutros comicios que xa tiñan data fixa, as eleccións municipais do 23 de maio, tamén autonómicas en varias comunidades. Diversos liderados territoriais socialistas amosaran, en público e en privado, o seu interese en desligar esa convocatoria  da sorte persoal e política de Pedro Sánchez. Agora ambas citas quedan separadas, pero nun escenario político diferente. Quer de maior impulso para o PSOE se o resultado das xerais é mellor do agardado, máis aínda se Sánchez lograse volver ser investido. Quer de maior contraste político coas dereitas se para daquela PP e Vox suman maioría de goberno no Estado ou están inmersas nunha situación de bloqueo entre Feijóo e Abascal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.