"Todas somos Maricarmen": a mecha da indignación pola vivenda volve prender nas rúas de Galicia

Mobilización pola vivenda na Coruña tras o desafiuzamento de Maricarmen en Madrid CC-BY-NC-SA Galiza Nova A Coruña

O desafiuzamento de Maricarmen, a veciña de Madrid de 87 anos desaloxada por un fondo de investimento da súa casa do barrio do Retiro, en Madrid, logo de décadas pagando o seu alugueiro, volveu prender a mecha da indignación polo "negocio inhumano da vivenda" e do fastío ante a "cobiza especulativa" en todo o Estado, tamén en Galicia. 

Así se manifestaron varios dos colectivos e dos centos de persoas que en concentracións convocadas a última hora saíron á rúa na Coruña, Vigo ou Santiago á tardiña deste xoves, así como tamén o fixeron milleiros de cidadáns e cidadás noutras moitas localidades do Estado, nunha mobilización transversal —pero liderada sobre todo por xente nova— que non ten traza de deterse axiña. 

Na cidade herculina foi a Delegación do Goberno de España o lugar elixido para esta "convocatoria de urxencia" feita polo Sindicato de Barrio Falperra / Os Mallos e apoiada por outras organizacións. 

Desde esta entidade advírtese de que o caso de Maricarmen, que impacta pola súa crueza e a situación da muller, "non é illado" senón a representación dunha crise de vivenda que golpea na Coruña, en Galicia e en tantos outros lados. Un desafiuzamento como o que lle ocorre a milleiros de persoas máis mentres os alugueiros seguen a incrementar o seu prezo, "criminalízase" a quen loita por quedar na súa casa e outros "fan negocio" coa necesidade de tantas persoas. 

O desafiuzamento de Maricarmen provocou varias convocatorias de urxencia en varias cidades que sacaron milleiros de persoas en toda España e tamén en Galicia

Tamén desde A Coruña, a Plataforma polo Dereito á Vivenda lembra que "o que lle fixeron a Maricarmen é a consecuencia lóxica dunhas políticas públicas que levan case dúas décadas deseñadas para protexer a especuladores como Urbagestión [empresa que desaloxou a muller] e abandonar a cidadanía". 

"Un sistema que antepón a rendibilidade inmobiliaria ao dereito básico e universal á vivenda, recollido na Constitución Española e na Declaración Universal dos Dereitos Humanos", insisten desde unha entidade que denuncia que a cidade xa sofre desde hai tempo "prezos imposibles, barrios turistificados, mozas e mozos sen futuro na súa propia cidade e persoas maiores aterrorizadas ante a perda do fogar".

 "O que lle fixeron a Maricarmen é a consecuencia lóxica dunhas políticas públicas que levan case dúas décadas deseñadas para protexer a especuladores"

Ademais, a plataforma pide ás administracións "que deixen de ser cómplices" e reclaman solucións, como as que reclamaron en Compostela os varios centos de persoas que se mobilizaron pola zona vella. O Sindicato de Vivenda, quen convocou as mobilizacións, evidenciou a súa "rabia e fastío". "Feitos como o de Maricarmen teñen responsables: fondos voitre e empresas que fan negocia coa vivenda, institucións e partidos cuxas medidas (cando existen) son tímidas e insufiientes, e un sistema xudicial e policial que é o brazo executor desta barbarie", di. 

Ante esta situación, o sindicato fai unha chamada á "acción" e á "organización colectiva" arredor de sindicatos e entidades. "Que esta sexa a chispa para organizarse máis e mellor, para non perder a rabia e as ganas de máis. Temos fame dun futuro mellor e ninguén nolo vai regalar", expresa. 

Mobilización pola vivenda na Coruña tras o desafiuzamento de Maricarmen en Madrid CC-BY-SA Plataforma Polo Dereito á Vivenda

O Sindicato de Vivenda de Santiago sinala os "responsables": fondos voitre que "fan negocio" coa vivenda, institucións con "medidas insuficientes" e un sistema xudicial e político "executor desta barbarie"

Pola súa banda, en Vigo, un grupo de persoas respondeu tamén ao chamado do Sindicato de INquilinas e concentrouse nos soportais de Beiramar en apoio a Maricarmen e para denunciar a crise de vivenda en todo o Estado. "O pan, o teito, para todas un dereito", berrouse con insistencia entre pancartas de "quen desaloxe que realoxe" ou reclamando vivendas sociais. 

"Casas para vivir e non para investir", "por todas as Maricarmen" ou "fondos voitres, fóra de aquí, os nosos barrios son para vivir" foron outras das proclamas que se escoitaron nas rúas de varias localidades galegas onde centos de persoas volveron axitar as súas chaves en sinal de protesta polo caso de Maricarmen, volveu prender a mecha dunha indignación que leva moitos anos quentándose. Tamén en moitas outras localidades do Estado, con milleiros de cidadáns nas rúas. 

"Todas somos Maricarmen", líase nalgunha pancarta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.