O alto tribunal rexeita un dos varios intentos do Goberno galego de entorpecer as medidas estatais de control dos alugueiros e protección dos inquilinos
A recente decisión da Xunta de non dar á Coruña e Santiago senón xestionar ela mesma 5 millóns de euros procedentes do Goberno de España por estar declaradas nesas cidades zonas tensionadas polo prezo da vivenda é o último obstáculo do Goberno galego á aplicación da lei estatal de vivenda que creou esa figura. Esa e outras varias medidas rexeitadas polo PP levaran a Xunta a presentar no seu momento un recurso de inconstitucionalidade contra a norma estatal, a Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda.
Á espera do pronunciamento do Tribunal Constitucional, a Xunta viuse na obriga de seguir aplicando a norma, pero entre reiteradas críticas á mesma. Agora o Constitucional vén de pronunciarse e desestima o recurso da Xunta lembrando, entre outras cuestións, que a Constitución Española contempla que o Estado poida limitar o dereito constitucional á propiedade privada en función da utilidade pública ou interese social.
O Constitucional aínda non fixo pública a sentenza que desestima o recurso da Xunta, o derradeiro dos oito que promoveran varias comunidades autónomas gobernadas polo PP contra a lei estatal de vivenda de 2023. Pero si emitiu un comunicado no que salienta as principais liñas argumentativas do fallo. Segundo di, ademais de aplicar ao recurso da Xunta distintos argumentos que xa se empregaran para rexeitar os recursos doutras comunidades, tamén se analizaron e desbotaron as alegacións específicas do Goberno galego.
O tribunal di que non se vulneran os dereitos constitucionais de igualdade ou propiedade privada e que a lei "persegue uns fins constitucionalmente lexítimos, tales como a atención das persoas en situación de vulnerabilidade económica"
Unha das cuestións recorridas pola Xunta alegando as competencias autonómicas en materia de vivenda era a introdución na lei estatal dun procedemento específico de suspensión dos lanzamentos ou desafiuzamentos de inquilinos vulnerables de vivendas de grandes propietarios.
O Constitucional di que o Estado podía introducir esa modificación sen afectar a competencias das comunidades porque supuxo unha modificación da lei de axuizamento civil e é competencia estatal ditar a lexislación procesual. E sobre o fondo do asunto, o Constitucional "non aprecia a vulneración do principio de igualdade, por considerar que o estatus dos grandes tenedores no mercado de vivenda residencial constitúe unha razón que xustifica de maneira obxectiva a súa suxeición a un réxime de reanudación de procedementos máis rigoroso".
O tribunal tamén descarta "que a norma vulnere os dereitos á tutela xudicial efectiva e á propiedade privada" e di que a norma "persegue uns fins constitucionalmente lexítimos, tales como a atención das persoas en situación de vulnerabilidade económica". Tamén sinala que a norma "non se trata dunha carga excesivamente onerosa polos seguintes motivos: o requisito só resulta esixible cando a parte actora teña a condición de gran tenedor; só afecta a unha categoría específica de procedementos; a situación de vulnerabilidade económica foi previamente apreciada polo órgano xudicial; e a norma contén límites temporais que garanten a reanudación do proceso".
Ademais das cuestións específicas alegadas pola Xunta, o Constitucional tamén reitera doutrina previa. Así, ante a alegación do Goberno galego das súas propias competencias en materia de vivenda, o tribunal lembra que é competencia estatal "establecer as condicións básicas que garantan a igualdade dos cidadáns no exercicio do dereito á vivenda" establecido na Constitución.
Fronte a alegación de que a norma invadía competencias autonómicas, o Constitucional di que é estatal "establecer as condicións básicas que garantan a igualdade dos cidadáns no exercicio do dereito á vivenda"
Tamén descarta o Tribunal Constitucional que en xeral establecer condicións diferenciadas para os grandes propietarios de vivendas supoña un ataque á igualdade da cidadanía ante a lei ou que "realizar certas limitacións ao dereito á propiedade privada" contradiga o artigo constitucional que a garante salvo "causa xustificada de utilidade pública ou interese social".
A sentenza do Constitucional, sinala o comunicado do tribunal, conta con votos particulares de cinco dos seus doce maxistrados.