A Xunta ratifica o "non" a intervir nos alugueiros coa lei de vivenda da man dos demais gobernos do PP

O presidente Rueda e a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, nun acto en Sanxenxo o pasado verán, e fragmento do comunicado das autonomías do PP CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal
Publicidade
Publicidade

Dende a entrada en vigor da lei estatal de vivenda, o Goberno galego criticouna con contundencia no seu conxunto. Sobre un dos seus preceptos máis novidosos e criticados polo PP e o sector inmobiliario, a declaración de zonas tensionadas como vía para poder intervir no mercado do alugueiro, a Xunta insistiu en que non o aplicaría "de oficio", pero que accedería a permitilo se os concellos que desexen activalas formulan solicitudes "debidamente argumentadas".

Os gobernos da Coruña e Santiago manifestaran o seu interese en poder activar as declaracións de zonas tensionadas no mercado de alugueiro. A Xunta afirmara estar disposta a aceptalas se estaban "debidamente argumentadas"

Ata o momento foron dous gobernos municipais, os da Coruña e Santiago, os que manifestaron en público o seu interese nesta figura. No caso coruñés, como informa este xoves La Opinión, a primeira petición do goberno do PSdeG remóntase a hai un ano, pero está paralizada de facto pola esixencia de documentación e datos entre ambas partes. Para o concello compostelán, o gabinete de BNG e CA amosouse disposto a presentar toda a documentación e datos que a Xunta reclame, se ben a alcaldesa, Goretti Sanmartín, non oculta o seu temor a que a resposta sexa "non" con independencia dos informes municipais.

Fragmentos do comunicado conxunto dos gobernos do PP antes da xuntanza das conselleiras e conselleiros coa ministra de Vivenda CC-BY-NC-SA Praza.gal

Con este pano de fondo, xa o pasado marzo a dirección estatal do PP advertía de que os seus gobernos non ían aplicar as declaracións de zonas tensionadas para limitar os alugueiros. E agora esa negativa é anunciada formal e conxuntamente polos once Executivos autonómicos -máis os gobernos de Ceuta e Melilla- que ostentan os populares. Fixérono nun comunicado asinado poucas horas antes de reunírense en Conferencia Sectorial coa ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez.

Publicidade
Publicidade

Nun texto encabezado polo logotipo oficial da Xunta e dos demais gobernos do PP, os conservadores cargan contra a ministra por advertir da retirada de fondos se non aplican integramente as medidas da lei estatal de vivenda concibidas para frear os prezos

O documento, encabezado polos logotipos oficiais destes gobernos -co da Xunta en primeiro termo, atendendo á precedencia constitucional-, é presentado polos conservadores como resposta ás advertencias da ministra sobre unha eventual retirada de fondos estatais para vivenda ás autonomías onde non se aplique a lei no seu conxunto. Na súa redacción foi clave o secretario de Vivienda y Ocupación da dirección estatal do PP, o senador murciano José Ramón Díez de Revenga, se ben no propio texto é atribuído aos "conselleiros competentes en materia de vivenda" en cada territorio, no caso galego, María Martínez Allegue.

A respecto das declaracións de zonas tensionadas, os gobernos do PP "reafirman" que esta é "unha decisión potestativa" e, polo tanto, é "legal non declarar zonas de mercado tensionado e, polo tanto, non intervir nos prezos dos alugueiros". "Esas medidas -abondan- só serven para provocar menor oferta de vivenda e suba dos prezos", conclúen, avanzando así o destino das peticións da Coruña e Santiago. A conselleira Allegue, non obstante, respondía aos medios pouco despois da divulgación do comunicado que a Xunta si tramitará solicitudes municipais ao respecto se cumpren cos requisitos fixados na lei.

Neste sentido, afirman, "non toleramos a ameaza e a chantaxe da ministra" de "retirar os fondos ás comunidades autonómicas (sic) por non aplicar voluntariamente unha medida contemplada na súa lei polo dereito á vivenda". Aínda que só se aplica en Catalunya -Euskadi aprobou esta mesma semana a súa primeira declaración nun concello-, aseguran que as declaracións de mercado tensionado "demostráronse prexudiciais para os cidadáns" e o conxunto da lei, como unha política "fracasada".

Publicidade
Publicidade

No comunicado, no que interviu a dirección central do partido, atribúen en exclusiva á "nefasta política" de Pedro Sánchez as subas dos prezos da vivenda e axitan o medo á ocupación e ao que denominan "inquiocupación" que, afirman sen datos, "medrou de maneira alarmante nos últimos meses"

Xunto ás súas advertencias sobre a "obriga" do Estado para "repartir de forma equitativa os recursos públicos", a carta asinada pola Xunta e o resto de gobernos do PP atribúe en exclusiva á "nefasta política do Goberno" de Pedro Sánchez as subas dos prezos da vivenda. Á xestión do socialista atribúen tamén o que definen como "outro dos grandes problemas", a "chamada ocupación" que cifran en "78.800 vivendas" e ao que aseguran que "se engade" o que definen com "fenómeno da inquiocupación, que medrou de maneira alarmante nos últimos meses", afirman sen definir o suposto problema nin achegar dato ningún. [Os desafiuzamentos multiplicaron por 19 os novos casos de ocupacións en Galicia no inicio de 2024]

Os conselleiros e conselleiras do PP admiten que existe un "enorme reto social de acceso á vivenda", "tanto en compravenda como en alugueiro", con datos que "evidencian" que "está acadando magnitudes de drama social". Ao seu xuízo, o primeiro paso para solucionalo é que o Goberno de España abandone o que consideran "formulacións extremistas" e "imposición ideolóxica".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.