A relativa moderación co que a suba dos prezos da vivenda finalizou o ano 2023 non embaza unha perspectiva xeral de importes disparados, especialmente na obra nova. O INE vén de actualizar os datos do seu Índice de Prezos da Vivenda (IPV) coa información correspondente ao trimestre final do pasado ano. Un 2023 no que a vivenda nova chegou a experimentar en Galicia a súa maior suba en 16 anos.
O prezo da vivenda nova chegou a encarecer case un 12% durante o pasado ano, que finalizou cunha suba interanual do 6,7%
O dato final de 2023 indica que a vivenda nova encareceu algo menos dun 7% en Galicia. Foi, concretamente, un 6,7% interanual, suba máis moderada en comparación co 11,9% do terceiro trimestre. No caso da vivenda usada, a suba interanual segue na contorna do 3%. Ambos datos contribúen a compoñer un índice xeral no que a suba dos prezos da vivenda libre no noso país finalizaron 2023 no 3,4%, mesmo valor que no inicio do exercicio.
Ao ollarmos cara a atrás é posible observar, como reflicte o gráfico sobre estas liñas, que as subas interanuais da vivenda nova chegaron o pasado ano a niveis semellantes aos da fase final da burbulla inmobiliaria de principios de século. Tamén no caso da vivenda usada, que en 2022 chegou a encarecer arredor dun 8%, como sucedera no ano 2007.
As diferenzas co panorama previo á caída de Lehman Brothers son diversas. Entre outras, a abundancia de vivenda nova é moito menor que daquela e, ademais, o mercado libre ten moito menor contrapeso na oferta de vivenda protexida tras década e media de escaseza. Ao tempo, a dispoñibilidade de crédito está moito máis contida por parte das entidades bancarias.
Unha evolución máis parella coa media estatal
A diferenza do sucedido na fin da burbulla, cando as taxas do índice de prezos da vivenda permaneceron en Galicia por riba dos estatais, desta volta a evolución é máis parella. No peche de 2023, a suba xeral da vivenda en Galicia, o devandito 3,4%, ficou por baixo da media do Estado (4,2%) tras superala lixeiramente durante o verán. tamén no período posterior ao rescate bancario a vivenda encareceu máis na media estatal que en Galicia.
Durante o mesmo ano, o incremento dos prezos do alugueiro roldou o 8% en Galicia
Estes datos de encarecemento da vivenda para a súa compra rexístranse nun contexto no que os pisos en alugueiro tampouco paran de encarecer. Así, por exemplo, segundo os datos do Observatorio da Vivenda, dende o 2017 o prezo dos alugueiros medrou un 30% en Galicia. Os aumentos chegan ao 40% en cidades como A Coruña, Vigo, Santiago ou Pontevedra.
Como informou este diario, 2023 foi precisamente o ano no que máis encareceu o prezo medio dos alugueiros nos últimos 15 anos. O incremento chegou ao 8,25% no conxunto de Galicia