Blindarse contra os pisos turísticos: comunidades de propietarios de Vigo debaten entre a "seguridade" e a "demanda"

Porta do Sol de Vigo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Á volta do verán foron moitas as comunidades de veciños de Vigo que comezaron a levar á orde do día das súas reunións de propietarios os problemas derivados dos alugueiros turísticos. A cidade está en plena 'explosión' do turismo desde a masificación das celebracións do Nadal impulsada polo alcalde, e eses visitantes que chegaban sempre no verán agora multiplícanse e aparecen ao longo de todo o ano en grupos grandes ou pequenos.

Vigo conta con 1.600 pisos en réxime de alugueiro turístico rexistrados na Xunta, segundo os últimos datos actualizados a 1 de xaneiro de 2024. Xunto á Coruña, as dúas cidades nas que ademais os alugueiros convencionais son os máis altos de Galicia, Vigo duplicou nos últimos dous anos o número de vivendas de uso turístico rexistradas. E, aínda que desde a asociación que agrupa os propietarios destas vivendas negan que haxa ningunha problemática, o debate está servido.

Edificios da rúa Vía Norte, na cidade olívica CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

A vicepresidenta dunha desas comunidades, neste caso na rúa Rosalía de Castro, en pleno centro de Vigo, conta a Praza.gal que no seu edificio lograron prohibir os alugueiros turísticos. Xa figura nos seus estatutos tras pasar por unha notaría e mais polo Rexistro da Propiedade. "A resposta da veciñanza na nosa comunidade foi contundente porque o que queremos é estar nas nosas casas tranquilos e seguros", di.

O decreto da Xunta que regula as vivendas turísticas xa contempla que "o destino como vivenda de uso turístico non é posible se está prohibido pola ordenación de usos do sector onde se atope, ou está prohibida polos estatutos da comunidade debidamente inscritos no Rexistro da Propiedade en edificios sometidos ao réxime de propiedade horizontal".

"Estamos na zona cero para o turismo e decidimos prohibilo porque tiñamos un trasfego brutal de xente polo edificio. Non había a seguridade que calquera quere ter dentro da súa comunidade", conta a Praza.gal a vicepresidenta dunha comunidade de propietarios de Vigo que modificou os seus estatutos para impedir os alugueiros turísticos 

"Estamos na zona cero para o turismo e decidimos prohibilo porque tiñamos un trasfego brutal de xente polo edificio. Non había a seguridade que calquera quere ter dentro da súa comunidade, do lugar no que vive; era un horror. Ademais, o tipo de turista que vai a estes pisos penalízanos moito como veciñanza porque normalmente é xente que sae pola noite. Houbo que chamar á Policía e tomar medidas porque eran os ruídos, a falta de seguridade, a sucidade... Impórtalles pouco que ti descanses ou non porque ao que veñen é a pasalo ben eles", detalla esta veciña de Vigo.

A estes inconvenientes, a vicepresidenta desta comunidade de propietarios engade unha inquietude concreta da veciñanza relacionada cos seus fillos: "Preocúpaste se tes fillas novas que están entrando e saíndo da casa soas porque non queres que coincidan con esta xente cando vai colocada ou bebida no ascensor ou polas escaleiras", asegura.

Nesta comunidade só se opoñía á prohibición a persoa propietaria que estaba a alugar a súa vivenda en réxime turístico, pero finalmente cedeu á vontade maioritaria porque en realidade tampouco tiña o seu piso dado de alta como turístico e os seus problemas podían aumentar coa persistencia das queixas veciñais. "Agora que está prohibido nos estatutos, quen o incumpra arríscase a unha multa importante", destaca a vicepresidenta.

Extracto dunha carta coa orde do día da reunión dunha comunidade de propietarios de Vigo que quere prohibir os pisos turísticos CC-BY-SA Praza.gal

"As vivendas de uso turístico en Vigo representan o 1,5% do parque inmobiliario, pero ten un 20% pechado. O debate non está no uso turístico", di a presidenta de Aviturga

Desde a Asociación de Viviendas Turísticas de Galicia (Aviturga) aseguran non ter coñecemento de que ningunha comunidade de propietarios de Vigo lograse rexistrar o cambio nos seus estatutos que impide este tipo de alugueiro. Inciden en que se necesita o apoio da totalidade dos propietarios e non dos tres quintos da mesma, como sucede con outros trámites. A súa presidenta, Dulcinea Aguín, afirma ademais que "non hai nin unha soa queixa en vivendas de uso turístico" en toda Galicia, un dato que respalda ao engadir que desde a asociación están "en contacto coas forzas de seguridade".

"As vivendas de uso turístico en Vigo representan o 1,5% do parque inmobiliario, pero ten un 20% pechado. O debate non está no uso turístico. Por que non hai vivenda? Entre outras cousas porque hai que modificar a lei de dereito á vivenda. Desde que entrou en vigor e o propietario ten que asumir a vulnerabilidade do inquilino, a xente di que prefire dalas de alta en uso turístico e alugalas poucos días antes que poñelas nun alugueiro de longa duración porque non queren ter problemas de faltas de pagamento e carecer de garantías sobre o estado no que se lles devolve a vivenda", debulla Dulcinea Aguín, quen insiste en que o problema está en que non hai alugueiro social ou que non se constrúen vivendas de protección.

O BNG pide a "elaboración urxente dunha ordenanza municipal que regule esta situación impoñendo unha taxa ao seu funcionamento"

A presidenta de Aviturga móstrase convencida de que cunha modificación lexislativa que "asegure o pago do alugueiro" aos propietarios cando "un inquilino se declare como vulnerable" lograríase mobilizar parte desa vivenda "pechada". "Hai xente que se dá de alta como vivenda turística pero que si querería estar no réxime de alugueiro ordinario, o que pasa é que queren estar tranquilos", defende. Segundo a súa explicación, a maioría dos propietarios que opta agora polo alugueiro turístico faino máis por "seguridade" que por unha cuestión de rédito económico derivada da demanda destes aloxamentos.

O problema de acceso á vivenda en Vigo é xeneralizado, segundo os últimos datos do INE a cidade perdeu preto de 4.000 habitantes e as vivendas dispoñibles para o alugueiro turístico son máis do triplo das que se ofrecen para un alugamento convencional. Desde o BNG de Vigo levan presentadas varias iniciativas, tanto no pleno do Concello como na xerencia municipal de urbanismo, para actuar diante da "grave proliferación deste fenómeno especulativo" coa "elaboración urxente dunha ordenanza municipal que regule esta situación impoñendo unha taxa ao seu funcionamento, esixindo dunha licenza municipal e realizando inspeccións para aflorar as vivendas non rexistradas". De momento, desde o Goberno municipal non se actuou neste sentido. 

"Unha persoa que percibe unha Risga, unha pensión non contributiva ou o IMV, se non ten rede de apoio, o que se está vendo é abocada a estar no limiar da expulsión social", critica Xabier P. Igrexas

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, explica que o problema da vivenda na cidade é de tal magnitude que "ante a inacción da Xunta" o Concello debe moverse como poida. "Propoñemos un plan municipal facilitador do alugueiro con medidas como que o Concello de Vigo sexa quen responda dos avais e dos seguros ante a falta de pagamento que se están esixindo en moitos casos ou que o Concello poida asumir financiar unha liña de axudas ao anticipo do que son os pagos das fianzas permitindo que se devolvan sen xuros durante 24 meses", detalla sobre o que xa defendeu no pleno municipal en decembro.

Pérez Igrexas di ser consciente de que esta medida por si soa non resolve o grave problema de acceso á vivenda na cidade, mais afirma que "é unha medida de contención inmediata" para "intentar frear e comezar a reverter a brutal escalada de prezos que hai nos alugueiros en Vigo, con incrementos do 50% nos últimos dez anos e cos prezos actuais un 22% máis caros que a media do país". "Porque –engade o voceiro do Bloque en Vigo– unha persoa que percibe unha Risga, unha pensión non contributiva ou o Ingreso Mínimo Vital, se non ten rede de apoio, o que se está vendo é abocada a estar no limiar da expulsión social, nomeadamente no que ten que ver coa vivenda". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.