O IDEGA alerta de que a "proliferación" de pisos turísticos pode "ameazar" a sostibilidade urbana e pide regulalos

Presentación do informe 'A Economía Galega 2022' © IDEGA

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) presentou este xoves os resultados do estudo ‘A Economía Galega Informe 2022’, un amplo documento que analiza o contexto económico e a situación dos distintos sectores. Nas súas conclusións, destacan os bos datos de emprego, sinalando que Galicia logrou recuperar os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución “moi positiva” do emprego feminino. Ademais, valora o “impacto positivo da reforma laboral” na redución da temporalidade.

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) presentou este xoves os resultados do estudo ‘A Economía Galega Informe 2022’, un amplo documento que analiza o contexto económico e a situación dos distintos sectores

Con todo, o informe tamén apunta algunhas cuestións que deben ser motivo de preocupación. Unha delas é a "proliferación" de vivendas de uso turístico nos últimos anos, que "está supoñendo un importante desafío en moitas cidades galegas". O IDEGA demanda, por este motivo, unha maior regulación para estes establecementos comerciais.

A publicación, coordinada por Dolores Riveiro e Roberto Bande, analiza o mercado de traballo, o eido agrario, a pesca, a industria, a construción, os servizos e os sectores turístico, financeiro, público e exterior. Este novo documento engrosa a serie de informes que se editan con periodicidade anual desde 1986 e abre unha nova etapa coa colaboración da Deputación da Coruña e de Caixa Rural Galega. 

Oficina de emprego nunha localidade galega, nunha imaxe tomada en setembro de 2021 CC-BY-SA Praza.gal

Nas súas conclusións, destacan os bos datos de emprego, sinalando que Galicia logrou recuperar os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución “moi positiva” do emprego feminino. Ademais, valora o “impacto positivo da reforma laboral” na redución da temporalidade

O informe foi presentado nun acto presidido polo reitor Antonio López. “Esta é unha análise rigorosa dos diferentes sectores que integran a economía galega, estratéxicos á hora de contribuír á toma de decisións”, subliñou López ao poñer en valor o estudo do IDEGA, que este ano ofrece como novidade a posibilidade de que as persoas interesadas poidan acceder aos datos empregados para a elaboración dos capítulos. 

O equipo da USC que integra o estudo compóñeno Juan J. Ares Fernández, Belén Fernández Castro, Manuel Fernández Grela, Diana Fernández Méndez, Melchor Fernández Fernández, Edelmiro López Iglesias, Miguel Pazos Otón, María José Piñeira Mantiñán, Gonzalo Rodríguez Rodríguez, Bernardo Valdés Paços, Miguel Anxo Vázquez Taín e Manuel Vilas Fernández, xunto con Ana Suárez Piñeiro que desenvolveu a corrección lingüística.

 

"Tensión" entre alugueiros turísticos e residenciais tradicionais 

No informe destácase o forte incremento do número de vivendas de uso turístico en Galicia, especialmente no litoral e nas cidades, pero tamén noutras vilas, especialmente nos percorridos do Camiño de Santiago. Sinálase que "aínda que moitas destas vivendas están na oferta turística de xeito legal, existe un mercado paralelo non legal que supón unha importante ameaza para o mercado inmobiliario e pode ameazar a sostibilidade urbana". 

"A proliferación de VUT sen regular implica un incremento das externalidades negativas do turismo (ruídos, expulsión de poboación residente local, turistificación, banalización etc.) e a longo prazo pode supor a destrución do tecido social local que sustenta a vida urbana".

Engádese que "a proliferación de VUT sen regular implica un incremento das externalidades negativas do turismo (ruídos, expulsión de poboación residente local, turistificación, banalización etc.) e a longo prazo pode supor a destrución do tecido social local que sustenta a vida urbana". O estudo urxe "a políticos e xestores públicos a planificar e xestionar o turismo en tempo real e con claros criterios de sostibilidade" para evitar os problemas derivados da xentrificación e a turistificación.

Comenta, por exemplo, que en cidades como Santiago de Compostela, a proliferación de VUT "está levando a un estrangulamento do mercado inmobiliario tanto de venda como de alugueiro". Na cidade hai 7,6 anuncios de Airbnb por cada mil habitantes, unha cifra similar á de Berlín, Londres ou Bolonia, e segundo o IGE existían na cidade 724 VUT (con 3.679 prazas), pero que, segundo o concello de Santiago, non reunían os requisitos esixidos para poder abrir. 

"A isto súmase o feito de que a tensión entre alugueiros turísticos e residenciais tradicionais está determinando que os estudantes non atopen pisos de alugueiro a un prezo accesible na cidade e teñan que residir fóra ou desprazarse diariamente desde distancias cada vez maiores", subliña o informe

Campaña de concienciación sobre a necesidade de optar por pisos turísticos legais, na turística praza compostelá de Cervantes © Concello de Santiago

Envellecemento da poboación ocupada

"A tensión entre alugueiros turísticos e residenciais tradicionais está determinando que os estudantes non atopen pisos de alugueiro a un prezo accesible na cidade e teñan que residir fóra ou desprazarse diariamente desde distancias cada vez maiores", subliña o informe

A edición 2022 do estudo pon o foco na “caída do emprego autónomo” e no incremento da ocupación nos servizos e reducións na industria e agricultura xunto cun “claro envellecemento da poboación ocupada”. No sector primario, destaca o informe, o ano 2022 caracterizouse “por un aumento da produción vexetal e un descenso na produción animal, incluída a produción de leite”.

A pesca constitúe, pola súa parte, “o maior vector de especialización de Galicia”. A Comunidade Autónoma conta coa “principal flota rexional da UE, pero moi envellecida”. O informe tamén destaca o forte impacto do encarecemento dos inputs enerxéticos, xa que se produciu un efecto substitución por produtos máis baratos, é outra das cuestións que pon en valor o documento xunto coa “forte expansión da industria conserveira e procesados nos últimos anos”.

No relativo á industria, o informe constata a caída do 2% no VEB industrial en 2022, fundamentalmente debida ao sector enerxético. A pesar da caída, o emprego aumentou en 1.400 traballadores. Nun contexto de dificultades na subministración de compoñentes, a facturación da produción de automóbiles aumentou en 350 millón de euros, ata os 11.550 millóns de euros. 

O estudo pon o foco na “caída do emprego autónomo” e no incremento da ocupación nos servizos e reducións na industria e agricultura xunto cun “claro envellecemento da poboación ocupada”

Por primeira vez dende 2019 a produción do sector da construción medra, pero lonxe dos niveis previos á pandemia cun encarecemento dos materiais de construción nun 16,3%, sinala o informe. O escaso dinamismo da oferta de vivenda, mentres a demanda aumentou moderadamente ao longo de 2022, é outra das cuestións tratadas.

O turismo volve á normalidade despois da pandemia, con máis de 10 millóns de chegadas en 2022, sendo  Terras de Santiago  o principal xeodestino por pernoctas (86% son de fora de Galicia). O gasto total realizado polos turistas é de 3.800 millóns de euros mentres que o maior gasto diario realízano os estranxeiros (124,5 euros), seguidos dos turistas estatais (66 euros) e os galegos (44 euros). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.